domingo, 9 de setembro de 2012

A DONA DAS TORRES



A DONA DAS TORRES / del Castillo López, Ánxel
22 de agosto de 1925
Lar, revista quincenal; número 12. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
21 páx. ; 16 cm.

 
Ángel del Castillo, historiador e cronista oficial da Coruña entre os anos 1946 e 1961, publicou a súa única novela: A dona das torres na revista que había facer o número doce da Biblioteca Lar.

Compoñente do faladoiro a Cova Céltica, xermolo da Academia da Lingua da que foi membro desde a súa fundación, e vinculado á primeira Irmandade dos Amigos da Fala, del Castillo documentou numerosos aspectos sobre a arte e a arqueoloxía na Galiza, dando ao prelo un compendio do seu saber no libro póstumo Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (Bibliófilos Gallegos, 1972).

Non obstante, se o labor de investigación ocupou boa parte da súa vida profesional, a literatura, en cambio, tivo unha presenza episódica. Na súa única obra coñecida abondan as referencias históricas incluídas como notas ao pé da páxina, que enriquecen o texto e sitúan a narración no seu contexto histórico.

O volume tamén inclúe un rogo dos editores de Lar a xeito de introdución, poñendo de manifesto as dificultades para asentar un proxecto editorial tan ambicioso para o seu tempo como o que eles propuñan:

“Rogamos a vostede nos axude.

O noso intento foi o mais grande que se fixo hastra o d’agora para conseguir a creación da novela galega “en galego”. Pretendíamos que os nosos escritores adicasen â prosa, â novela, o interés que merez, e queriamos que os galegos amantes da sana lêtura tivesen unha pubricación axeitada.

Se os nosos lêtores quixeran axudarnos na nosa labor recomendando a pubricación LAR entre as suas amistades, ademais de nos favorecer contribuindo a afianzar esta nosa querida novela, farían unha obra de cultura, de patriotismo, e asegurarian a vida da pubricación que precisa de todos para se soster e mellorar.”

Sinopse da obra

En 1467 os irmandiños derrocaron o castelo da Rocha de Narrela, testemuña das loitas feudais entre os Seixas e os Ulloa na época de Pedro o Cruel. Anos máis tarde, don Vasco das Seixas, señor das Torres de San Paio, ergueu de novo a fortaleza ignorando a oposición do bispo de Lugo.

Os veciños de Narla aínda gardaban a lembranza dos tempos escuros en que os señores dispuñan das súas vidas e aceptaron resignados a volta dos feudais.

Con Vasco de Seixas tamén chegou ás Torres a súa dona, Catalina de Santiso. E do mesmo xeito en que os vasalos aborrecían ao Seixas, deron en querer e respectar a dona Catalina. Ela recorría a comarca falando con todos para saber dos seus problemas e entraba nas cabanas dos pobres, e cando a ira do home caía sobre algún daqueles desgraciados, procuraba torcer a súa vontade e ceibalo da cadea.

O conde Vasco, en cambio, era un ser ruín, rodeado dun fato de homes “cativos e noxentos, ladrós e homecías, aos que sempre amparou a man de ferro y-o corazón de hiena do seu dono, do que tiñan medo e gran pavor cantos n’aquelas terras vivían”. Aldraxados e abafados polas gabelas, os vasalos soportaban con resignación as arbitrariedades do amo, sabendo que todo aquel que se lle arrepuña daba cos seus ósos nos sotos das Torres.

Ao cabo, a diferenza de carácter entre don Vasco e dona Catalina resolveuse desgraciadamente o día en que o conde asasinou a muller. Claro que o señor de Narla non contaba coa resposta dos veciños, submisos diante das súas aldraxes, pero decididos a non tolerar a morte da señora e, temoroso da reacción irada do pobo, decidiu fuxir. Daquela os labregos e escudeiros entraron nas Torres como anos atrás sucedera no tempo da Irmandade, chamada a Fusquenlla.

Veciños de toda a contorna asistiron ao enterro de dona Catalina no mosteiro de Santa María de Sobrado, soterrada na capela antiga da Madanela.

Vinte días máis tarde chegou ao mosteiro o pai de dona Catalina cos xustizas do rei e mandou abrir a campa para recoñecer o corpo. “Ao levantal-os panos que o cubrían, apareceu a Dona tan fresquiña como o día en que morrera, coas meixelas vermelliñas e inda dos seus beizos surrindo… Pero os brazos que tendidos lle quedaran, apertados contra o peito apareceron, cubrindo coas mans as duas feridas que o marido lle fixera”. O pai separoulle as mans do peito. “E pra que duda a ninguén quedase da sua inocencia, ao lle sacal-os lenzos que as tapaban, d’elas saíu botando y-a regueiros sangue tan fresca e roxiña, como si viva estivese…”

Afastado do lugar, na casa do duque de Braganza onde vivía acollido, nese mesmo momento morría Vasco de Seixas das estocadas coas que a xustiza lle atravesaba o peito.


Ningún comentario:

Publicar un comentario