terça-feira, 18 de setembro de 2012

A PROPIA VIDA



A PROPIA VIDA / Carré Alvarellos, Leandro
Outono de 1925
Lar, revista mensual. Ano 2; número 14. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
26 páx. ; 16 cm.

 
A propia vida, novela breve que fixo o número catorce da Biblioteca Lar, foi a segunda das obras publicadas por Leandro Carré Alvarellos na editorial Lar.

Leandro Carré, fillo de Uxío Carré Aldao –libreiro e anfitrión da Cova Céltica–, herdou do pai a preocupación por promover e dignificar a cultura galega, cerna do impulso creador das Irmandades da Fala, onde os dous participaron activamente desde os primeiros anos.

En 1924, Leandro Carré fundou xunto con Ánxel Casal a Imprenta Lar, vehículo de expresión dunha nova xeración de escritores chamados a renovar a literatura galega, daquela identificada principalmente coa poesía e ancorada no costumismo e o enxebrismo do século anterior.

Ao longo dos anos, Carré explorou eidos tan diversos como a investigación lingüística, a novela e o teatro, se ben foi neste último ámbito onde destacou de maneira singular como autor, director e impulsor de iniciativas desde a Escola Dramática Galega e o coro Cántigas da Terra.

En A propia vida, o autor reflexiona sobre o efecto destrutor dos celos nas relacións de parella, a submisión da muller aos ditados do home e os conflitos provocados pola diferenza de clase social entre os noivos; temas todos eles recorrentes na literatura folletinesca, tan do gusto do seu tempo.

Sinopse da obra

A parella acabada de casar formada por Branca e Pedro Canzobre entra no café ateigado de xente para escoitar a música de moda. Ao velos entrar, Enrique Mendes érguese desde unha das mesas e ven saudar a Branca.

Cando marcha, a moza informa a Pedro que Enrique foi un “d’eses noivos que temos de nenos”. Pedro insiste, celoso, en saber máis sobre aquela relación e sente “no mais fondo da sua alma que iba nacéndolle un aborrecimento hacia aquel rival”.

A seguinte escena ten lugar na parada do tranvía, diante da praia de Riazor. Enrique aborda a Branca e confésalle que veu buscala desde Norteamérica para pedirlle que volva con el. Branca rexéitao, acorada pola insistencia do home e pérdese no interior dunha mansión da Cidade Xardín.

Na casa, xunto coa parella, vive dona María, nai de Pedro. Onda ela acode o mozo “nervoso, cos ollos lostregantes e as mans crispadas”. No correo chegou unha carta anónima que dá conta da relación de Branca cun amante.

Dona María aproveita a ocasión para encirrar en Pedro, botando contas da diferenza de posición social entre os Canzobre e Branca; unha costureira filla dun republicano preso por cuestións políticas e, celosa da nora, en diante tecerá o baleiro arredor da intrusa, que adoece por causa da frialdade no trato da sogra e o marido.

Ao cabo, nai e fillo acaban por botala da casa.

Contra o final da novela e despois dun encontro esclarecedor cunha persoa que arruinou a súa vida por causa dos celos, Pedro reflexiona e acorda pedirlle perdón a Branca.


“ouvíronse unhas pisadas apresadas que descían as escaleiras, a chave xiraba na pechadura, torpe, sen lograr abrila.

Ao cabo despechouse a porta, e Pedro, ofegante, apertou contra o seu peito â sua muller.

                  - Branca, miña Branca, perdóame…”


Sem comentários:

Enviar um comentário