sábado, 22 de setembro de 2012

CABALGADAS EN SALNÉS




CABALGADAS EN SALNÉS / Bouza Brey, Fermín
Novembro de 1925
Lar, revista mensual. Ano 2; número 15. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
20 páx. ; 16 cm.

A novela
escrita por Fermín Bouza Brey, Cabalgadas en Salnés, que leva por subtítulo: Lembranzas dun fidalgo, saíu do prelo de Lar en novembro de 1925 facendo o número quince da colección de novela breve.

Fermín Bouza foi un escritor versátil. Se ben profesionalmente exerceu como xuíz e avogado, a súa dedicación ocupou eidos tan diversos como a investigación histórica; en particular sobre a prehistoria galega, a arqueoloxía e os traballos etnográficos. Ademais publicou dous libros de poesía e a novela curta Cabalgadas en Salnés, única incursión do autor na narrativa.


Cabalgadas en Salnés é unha traxedia ambientada no Barbanza, onde o protagonista procura a xustiza da par da gavela de bandoleiros de Xan Quinto, enfrontados coa maldade representada polo Oidor de Iñobre.

A data de publicación da novela coincide tamén co primeiro aniversario da colección de novela breve Lar, ocasión para renovar os principios que alentaron a fundación da editorial e compartir o difícil logro cos lectores.

“O NOSO PRIMEIRO ANIVERSARIO

Neste mes fixo un ano que saíu o primeiro número de LAR. Con ledicia cómprenos anotar esta data. A ledicia de ver que o noso proyeito vai camiño adiante; por bon camiño, según nos din os que se preocupan pol-a cultura da nosa Terra; por bon camiño, como nos din tamén os amantes da literatura galega, non d’aquela literatura xa desbotada, de calzón e monteira, de zocos e moca, en que as cousas de mal gusto facían escachar de risa âs xentes. En LAR faise unha nova literatura, d’acordo cos tempos que corremos, e as novelas que pubricamos nen fan côrar nen cheiran. Ese é ao xuicio de moitos o noso maor éisito.

Levamos pubricadas 15 novelas pol-as que temos recibido gabanzas. Ate o d’agora ningunha pubricación somellante fixo mais. A nosa ledicia ê pois grande por tal motivo.

E non é sô a pubricación popular de noveliñas LAR o froito das nosas actividades e quereres; o rexurdimento da revista NÓS, a Biblioteca do Seminario de Estudos Galegos, e outras pubricacións de poesías, novelas. Teatro, dos mellores escritores galegos, en tomiños axeitados, encomenzaron á sair tamén dos nosos TALLERES como unha proba mais do noso esforzo en pro das letras galegas.

Mais non queremos falar en demasía. No porvir procuraremos seguir dando cumprimento âs nosas arelas de bôs galegos, e rogamos á cantos até o d’agora nos axudaron que continuen tamén prestándonos o seu apoio de valimento, para que poidamos proseguir o noso camiño.

Saúde, e ¡Terra a Nosa!”

Sinopse da obra

Despois de recibir unha esqueliña no seu casal, o fidalgo da Pantrigueira decide cruzar dacabalo o val do Salnés camiño de Iñobre, onde vive don Amaro, Oidor da Real Audiencia de Galiza e agora amante de Florenza, antiga moza do fidalgo. Ela foi quen lle escribiu a nota pedíndolle que acuda ao pazo, sen revelarlle os motivos.

Xa é noite cando no camiño de Iñobre xorde a gavela de Xan Quinto. Na casa do Oidor tamén vive a moza do bandoleiro e desde hai un ano ninguén sabe darlle razón dela. Xan Quinto cóntalle ao fidalgo que don Amaro tena pechada na adega da casa “sin ollar a lus do sol, próisima a revelar ao mundo o froito da brutal paixón do Oidor, soila, sen consolo e de como por medo ao bandido trataban de se desfacer dela matándoa asañados e soterrándoa na corte da Pantrigueira aproveitando a miña ausenza que Florenza faría longa cos seus aloumiños”.

A nota de Florenza pretende afastar o fidalgo da Pantrigueira para soterrar o corpo da moza no casal, e así comprometelo diante da xustiza ou ben deixalo a mercé do bandoleiro.

Xan Quinto pídelle a súa axuda para entrar na casa do Oidor e ceibar a moza. O fidalgo acepta:

“pareceume obra boa pra gañar o Ceo aloumiñar e protexer o enxebre amor do bandoleiro”.

Xa na casa, o fidalgo da Pantrigueira pescuda o agocho da moza bourando en Bieito, o criado do Oidor. Unha trapela na habitación de don Amaro serve para baixar ao soto. O fidalgo aproveita a ausencia do Oidor e procura a entrada:“Erguín a trampa e fíxome recuar o soplido de humedade e de miseria que botou de sí aquela escurenta boca”. Baixo a luz do candil descubre a moza. “Un esquelete que de muller semellaba, todo ollos, cabeleira e ventre, movíase n-un leito de pallas apodrecidas como un verme inxente, colosal”.

Nese intre xorde don Amaro cun coitelo na man, pero antes de que o fidalgo chegue a martelar a pistola, Xan Quinto bótase asañado sobre o Oidor.

“Non quero lembrar o que alí pasou cando veu o bandido ao seu amor de aquel xeito e ao frente o home causa de tanta infamia; cando a moza querendo ocultar a sua vergoña aos ollos do seu namorado fuxíu entolecida na noite pecha perseguida por min que tropecei, como gardando a porta, co cadavre do vello servidor, namentras Xan Quinto agañotaba á do Amaro no escurento encerro; nin cando cansos de buscala fumos dar con ela, dous días andados, enguedellada nos xuncos do esteiro do Rial de Corvos levada pol-a corrente río abaixo, río abaixo…”


Sem comentários:

Enviar um comentário