domingo, 2 de setembro de 2012

A TERRA CHAMA


A TERRA CHAMA / Carré Aldao, Uxío
20 de xuño de 1925
Lar, revista quincenal; número 9. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
29 páx. ; 16 cm.

Uxío Carré Aldao, pai de Leandro Carré Alvarellos, quen xunto a Ánxel Casal dirixiu a Imprenta Lar, publicou no ano 1925 a novela A terra chama, facendo o número nove da colección de novela breve Lar.

O relato enxalza o profundo sentimento da terra que domina a vida dos labregos, condicionando o xeito que eles teñen de ver o mundo e a relación coas persoas alleas á chamada da terra. Arredor desta verdade, o autor tece unha novela iniciática onde o protagonista deberá desentrañar o misterioso amor polos eidos que comparte a comunidade antes de entrar a formar parte dela.

Transcendendo a narración, o texto mesmo ofrece a chave para entender o proceso que fixo da conquista da terra a verdadeira epopea do campo en Galiza durante os dous últimos séculos.

Sinopse da obra

No primeiro capítulo Xelo esperta na vella casona de Sergude logo de volver de América. O autor traza algúns cadros de exaltación da paisaxe, combinados coa saudade que produce no mozo o reencontro.

Entre as persoas decisivas na infancia de Xelo sabemos do señor Manuel, o ferreiro, e da súa filla Carmela, compañeira de xogos da nenez antes del marchar a América obrigado pola morte dos pais. O encontro dos mozos Xelo e Carmela trae de volta aqueles recordos felices.

O segundo capítulo cóntanos como as camiñadas, o aire puro e a mantenza devolven a Xelo o vigor do pasado.

Nos paseos descubre os traballos do campo e comprende “como fortemente tiñan que estar ligados ao seu chan nativo os galegos” e a saudade que produce neles o afastamento da terra nai cando deben emigrar. Tamén toma conciencia da miseria en que viven: “os mesmos escravos de pasados séculos, sen outra diferencia que o troque de nome do amo”.

Deseguida a narración describe a romaría de San Bieito de Anceis, un dos poucos desafogos cos que contan os habitantes da parroquia. No camiño de volta a casa, Xelo pídelle permiso a Carmela para ir roldar a súa casa aquela mesma noite.

No terceiro capítulo Xelo decláralle o seu amor a Carmela. Ela rexéitao, porque para Carmela Xelo é un mozo vilego, mentres que ela está unida á terra e non pode deixar os eidos que foron dos devanceiros para vivir a vida dos señoritos en América ou na vila.
As palabras de Carmela mancan a Xelo, que pasada a noite desaparece sen deixar razón do seu paradoiro.

A novela conclúe nun cuarto capítulo escrito a xeito de epílogo, onde dez anos máis tarde un xornaleiro de paso pola casa do ferreiro dálle conta ao señor Manuel dun home chamado o siñorito. Del contan que traballa a xornal e despacha sen axuda a tarefa de tres homes. O señor Manuel acode á casa de Barbeito en Santo Vicenzo de Vigo onde está contratado ese home e concerta con el que veña traballar a súa casa.
Cando o xornaleiro entra na casa do señor Manuel, Carmela descubre nel a Xelo, agora unido á terra como ela mesma. Xelo pídelle de novo que case con el e o pai consente coas frases rituais:

“Sodes un dino do outro. Esta é a festa dos vosos conceitos. Recibide as bendiciós dos vosos pais. Ti, Xelo, dalle unha aperta â que vai sel-a tua muller. Ti, Xela, déixate abrazar do que vai sel-o teu home. É certo que a terra chama por nós, pero inda hai outra forza moito mais podente que manda mais e que é lei universal e reguladora do mundo: o amor, esevos ordena que seades felices. Sédeo”.

Sem comentários:

Enviar um comentário