quinta-feira, 13 de setembro de 2012

OS NENOS


OS NENOS / Filgueira Valverde, Xosé
Ornamentacións: Pintos Fonseca, Luis
25 de setembro de 1925
Edición Lar; impreso en Pontevedra na Imprenta de Antúnez
28 páx. ; 22 cm.
 
A colección de contos Os nenos editada por Lar en 1925 e publicada na Imprenta de Antúnez en Pontevedra – o mesmo obradoiro onde Castelao publicaría cinco anos máis tarde As cruces de pedra na Bretaña –, inauguraba a Biblioteca do Seminario de Estudos Galegos en Lar, que até o momento levaba publicados os doce primeiros números da colección de novela breve.

O autor, Xosé Filgueira Valverde, tiña entón dezanove anos.

Da primeira edición do libro fixéronse douscentos cincuenta exemplares. Ese mesmo ano imprimiuse tamén en Pontevedra unha segunda edición de trescentos exemplares. Posteriormente, en 1971 a editorial Galaxia publicou a edición ampliada dos contos de Filgueira baixo o título Quintana Viva. O novo libro inclúe dous contos novos (A morte branca e O paspallás), ademais de asignarlle título a cada un deles, cousa que non sucede na edición de Lar.

Na introdución de Quintana Viva, o autor fala dos contos coas seguintes palabras:

“Recóllese neste libriño un feixe de follas das que fun escribindo ao longo de medio século de laboría nos eidos, hoxe vizosos, das nosas letras. Son pequenas refendas, en prosa poética, encetadas cos Nenos, narracións do feitío que Castelao soupo axiña soerguer coma ninguén e nomear pra sempre cousas.

Cando vin en Grial, en Gallego 1, en algunha benévola escolma algúns destes contiños meus, coidéi que sería ben ir axuntando os que teñen meirande unidade e mellor espellan o xeito que tivemos os mozos dos anos vinte de enxergare o vivir galego”.

Comisións de Filgueira polas vendas do libro
Os contos, en xeral, deixan un pouso amargo no lector, pois amais de falar das lembranzas felices da nenez atinxen tamén as perdas irreparables. O autor foxe da compracencia á que pode prestarse o tratamento literario da infancia desde as primeiras liñas da dedicatoria da primeira edición:

“Á sagra lembranza dos irmanciños mártires nas terras de Eir-Einn. Dos nenos enxendrados no medo, nascidos no dór, criados na fame. Dos que morréron baixo o ferro alleo. Dos que viviron baixo o alleeiro trebon. Dos que non puideron rir, nin rebuldar ledos como nenos. Dos que choraron a reo; apouvigados como bestas. Dos que ollaron morrer os pais i-os irmans na loita pol-a Patrea e degararon morrér eles. E tamén á lembranza dos fillos dos invasores porque terán de sere mártires da sua noxente cobiza, porque o sangue e as tristuras dos nenos da Irlanda cairán sobór de eles.

Compostela a catro de Febreiro do MCMXXV.”

Este último texto non aparece na reedición da obra en 1971.

Sinopse da obra

O libro fala do mundo visto polos ollos dun neno, onde os detalles ás veces fan un todo e as cousas dos adultos non son máis ca unha referencia, incapaz de abarcar a complexa vida cotiá dun cativo.

Filgueira fálanos de cómo os nenos herdan os odios dos adultos.

Tamén fala dos intres máxicos que marcan a vida dos rapaces. Entre eles, a festa do Corpus; ocasión para estrear traxe e comprender en que consiste o paso do tempo: os pequenos arrepían na procesión ao ver o demo embaixo de San Miguel. Cando medran, o demo, en lugar de arrepialos, prodúcelles risa. Máis tarde ha producirlles tristura ter perdido o medo.

Outro aspecto recorrente nos textos é a conciencia de pertencer a unha clase social. Os nenos ricos e os pobres non xogan xuntos. Os dous espreitan e envexan o outro: un, os xoguetes; outro, a liberdade. Non obstante, as barreiras esboroan, non son impenetrables como sucede no mundo dos adultos, e todo porque un día falaron e desde entón os nenos foron amigos.

Nos contos tamén teñen lugar os pequenos tesouros, como as buxainas; a aventura, que consiste en ir roubar froita nas hortas dos veciños; e os grandes conceptos abstractos e inabarcables, como saber en que consiste esa Hespaña da que falan os adultos e algúns din que hai que salvar, e ao tempo é grande, e ten terras, e non ten cartos…

Por último, no libro hai espazo para os medos: a noite, a morte, a dor… algúns deles esconxurados pola chegada do novo día ou o ladrido ledo do can compañeiro; outros, en cambio, han acompañarnos para sempre.


Sem comentários:

Enviar um comentário