sábado, 1 de setembro de 2012

PANTELAS, HOME LIBRE


PANTELAS, HOME LIBRE / Otero Pedrayo, Ramón
6 de xuño de 1925
Lar, revista quincenal; número 8. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
20 páx. ; 16 cm.

Pantelas, home libre, título publicado co número oito na colección de novela Lar, foi o texto elixido para darse a coñecer como novelista por Ramón Otero Pedrayo; colaborador frecuente en diferentes xornais e revistas, e particularmente na revista Nós desde a súa fundación en outono de 1920, onde deixou unha abondosa colección de artigos centrados na divulgación xeográfica, a crítica e a tradución literaria e mesmo narracións breves.

A novela obtivo o premio no concurso convocado polo Seminario de Estudos Galegos en 1924 con motivo da Festa da Lingua Galega. Pouco menos dun ano máis tarde Lar deu ao prelo a obra, desvelando ao público a quen estaba chamado a ser un dos máis orixinais narradores da literatura galega. O evento destácase na introdución do libro:

“Ista noveliña, premiada na «Festa da Língua Galega», celebrada pol-a «Liga de Amigos» de Compostela no día do Señor Sant-Iago de 1924, pubrícase por concesión feita á «LAR» pol-o Seminario de Estudos Galegos da nosa Universidade, seu propietario.”

Non é difícil supor que despois deste feito, Ánxel Casal animaría a Otero a non deixar esmorecer a súa acabada de estrear carreira literaria utilizando palabras semellantes ás dirixidas a Manoel Antonio en 1928, logo de terlle publicado De catro a catro na editorial Nós:

“Agora que xa deu â pubricidade o seu primeiro libro compre que non sexa o derradeiro e traballar de cote para ben do rexurdir das letras patrias”(1).

No que atinxe á narración de Pantelas, home libre, podémola encadrar entre as novelas realistas do autor (2). Amais do sentido da terra e a paisaxe presentes na práctica totalidade da súa obra, Otero aborda nela outro dos temas senlleiros na súa narrativa: a decadencia do xeito tradicional de vida no campo galego, substituído polos costumes que acompañan a nova burguesía comercial chegada de fóra e o ocaso da fidalguía rural, depositaria da esencia da Galiza antiga.

Sinopse da obra

A novela comeza cunha breve descrición do marco onde ha desenvolverse a historia: Catro vellas parés, cobertas d’edras, envoltas nos fillos bravos dun lidoeiro…”, presentándolle (ao leutor) a traxedia ocorrida anos atrás como sucede nos prólogos das obras de teatro: “N-estas terras traballou, n-estas parés esborralladas viviu un home feito traxedia, tanto mais fonda e forte canto seu héroe nunca se deu conta do papel que lle tocou na vida.”

O primeiro capítulo leva por título A volta da escola e nel Otero presenta o fillo da Pantelas, a viúva que vive nunha casopa ao pé da Cova da Serpe. O pai do rapaz morreu “nas Américas”, e con el perdeuse o capitalciño que alí fixera ensilvado nos libros de contas do patrón.

No capítulo A tola mocedá asistimos á transformación do val coa chegada da estrada. Pantelas traballa na construción da nova vía. A súa moza, a Balbanera, fuxe co capataz das obras; un asturiano con quen Pantelas rifará e acabará por matalo.

Aló nas prisios d’Orán narra a desconexión de Pantelas durante máis de doce anos do ciclo cósmico da vida no campo e ao cabo, A estrela da mañán, dá conta da súa volta ao lugar onde naceu. Agora a nai está morta e a casa esboroou. Con todo, o sentimento renovado da terra varre a néboa negra que o tivo aferrollado na cadea.

O señorito da Pedreira representa un novo comezo para Pantelas. A familia do señorito Xavier edificou o pazo de Valdoso no século XVII. El é o único continuador da estirpe e goberna o patrimonio para poñelo a salvo das gadoupas do escribán Culebrón, avogado das silveiras que procura facerse co pazo e as súas propiedades. Da man de Xavier, Pantelas entra no pazo como encargado das videiras e da adega, entregándolle ao señorito a súa lealdade, disposto a morrer por el se fora preciso.

No capítulo seis, O viño, descubrimos a paixón de Pantelas polo zume da uva. Non será esta a última vez que Otero narre con paixón a xeira da vendima e a lagarada nas súas novelas, cerne e apoteose do ciclo tradicional da vida na aldea.

Deseguida coñecemos A groria do Pantelas: arroutado na defensa do amo e indiferente diante das supersticións dos veciños ou da autoridade dos cregos, nos que "non ten fe ningunha".

Finalmente chega A Traxedia. Morto o señorito, Pantelas desapégase da realidade até chegar á loucura na súa vellez, abandonado como o pazo da Pedreira, camiñando inverno tras inverno á unha roína.

(1) Manoel Antonio III. Correspondencia. Galaxia 1979.
(2) A Real Academia Galega non considera Pantelas, home libre unha novela, senón un conto, segundo consta na información que ofrece sobre o autor como antigo académico.


Ningún comentario:

Publicar un comentario