mércores, 10 de outubro de 2012

MANECHO O DA RÚA


MANECHO O DA RÚA / Lesta Meis, Xosé
Xaneiro de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 17. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
39 páx. ; 16 cm.

A novela realista
Manecho o da rúa, obra de Xosé Lesta Meis, narra as vivencias do autor desde os primeiros traballos na aldea de Eirís, preto da Coruña, ata chegar ás plantacións de azucre en Cuba.

O relato, sen chegar a ser autobiográfico, transmite os feitos de primeira man, falando con autenticidade sobre a pobreza que empurra os galegos cara a emigración e o duro traballo dos expatriados.

Lesta Meis, un dos mellores narradores xurdidos no núcleo das Irmandades da Fala, colaborou con diferentes xornais cubanos e galegos durante a segunda metade dos anos vinte e tamén publicou tres novelas, todas elas editadas por Ánxel Casal. As dúas primeiras: Manecho o da Rúa (1926) e Estebo (1927), na imprenta Lar; e a colección de contos: Abellas de ouro (1930), saída do prelo pouco antes de el morrer prematuramente, editada por Nós.

As novelas foxen da ficción considerada como un simple divertimento, para se converter en instrumento de denuncia da inxustiza provocada pola pobreza e a desigualdade. Non obstante, Lesta Meis non toma unha actitude redentora, senón que o seu traballo consiste en manifestar as consecuencias devastadoras que a falta de xustiza produce nos máis débiles; e particularmente nas mulleres, como sucede nas Abellas de ouro, relegadas por outros narradores contemporáneos ao papel de protagonistas pasivas dos lances amorosos.

Manecho o da rúa comeza coa xustificación do autor por tratarse da súa primeira novela: “Non tendo eu firma literaria como non teño, non se me podía pedil-a novela como axuda á Empresa. Mais que d’axuda podía servirlle de perxuicio. E a min de motivo para que me deran unha falerpa pol-o atrevimento”. Con todo, non pide a misericordia dos lectores: “Zoupe en min canto queira o que crea que o merezo. Si é amigo non perde a miña amistade. E si non é amigo ten o meu respeto”.

Sinopse da obra

“Nunha pequena aldea que hai cerca da Cruña vivía unha familia que lle chamaban «a da rúa»”.

Xaquín e Xoana viven na aldea de Eirís cos seus catro fillos; o terceiro deles é Manoel, un mozo de dezasete anos con sona de palanquín, coñecido por Manecho o da rúa.

“un día foi â Cruña, enterouse como había que facer para meterse de polisón n-un barco e desapareceu”.

Xa en Cuba, as autoridades envíano xunto con outros emigrantes pobres ao enxeño Feliz, un lugar esbandallado onde pretos e galegos traballan como escravos.

“Como se acomoda un a todo cando lle non queda remedio, Manecho foise afacendo tamén. Os primeiros días pensou traballar moito e aforrar canto mais poidera para volver para a sua aldea e vivir sempre á pé dos seus pais. Pero como o xornal era pequeño íbaselle en comer, e vestir, e pagal-a lavandeira. Foise resinando. Un pouco hoxe outro pouco mañán acabou por coformarse con aquela vida”.


Manecho é un rapaz observador: “A primeira cousa que notou foi que os galegos alí eran moi mal mirados pol-o descoidados que viven no vestir e na limpeza… A Manecho dáballe lástima porque sabía que o tiñan que facer así si querían mandar unhas pobres pesetas as suas casas para que comeran pan os fillos e pagal-as débedas”. El, en cambio, decide comportarse como un cubano: “daba a roupa a lavar sempre, andaba limpo, comía na fonda e iba ao barbeiro unha vez todal-as semanas”. Este comportamento favorece que os cubanos acepten o mozo como un máis do fato. Non obstante, algúns problemas nos que se ve envolto obrígano a cambiar o enxeño pola Habana.

Alí acólleno dous vellos toneleiros coa encarga de facer tapóns de madeira para as pipas. Ao carón do obradoiro tamén viven Xosé e Gorecho, dous burgueses cultos que infunden en Manecho o amor polos libros:

“Gustáballes Manecho porque era da mesma corda; faltáballe cultura, pero tiña grandes sentimentos e moitos deseos de saber; era franco, leal, xeneroso e humilde”.

Manecho le todo canto lle cae nas mans, e mesmo chega a publicar algún conto escrito por el. Pero aquela teima literaria habíalle dar sona de home fantasioso, impedíndolle atopar un traballo digno. A falta de cartos, xunto coa enfermidade que mirra o seu corpo, obrígano a volver a Galiza, onde tampouco é quen de afacerse.

“¿Qué iba facer? Ir outra vez ao monte? Traballar co gadaño ou ca aixada? Non podía facer nada desto. Nin valía xa pra elo nin lle gustaba. Ademais sentíase estrano alí. Estrano no seu pobo e entre os seus, que lle querían de verdá.”

Os veciños da aldea trátano agora con distancia: “mirábano como a un americano e coidábanse obrigados a falarlle en castelán, cando él sempre se adiantaba a falarlles en galego”.

Cando Manecho estaba en Cuba botaba en falta a súa terra, e agora que está en Galiza non deixa de pensar no Caribe. O mozo esmorece aos poucos, ao tempo que avanza a enfermidade e ao cabo perde toda esperanza.

“Tembrando de emoción, e como quen bota a man á unha cousa deseando mais que nada toda a vida, pillou do peto un canuto de cristal, e sacou unhas boliñas de morfina. Púxoas na man. Xa de pé botou a vista pol-o ceo e todo por alí arredor. Despois, cheo d’un íntimo e inespricabre pracer tragounas c’un pouco de auga do regacho.

E alí quedou”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario