martes, 2 de outubro de 2012

O CORAZÓN D'UN PEDÁNEO


O CORAZÓN D’UN PEDÁNEO / Carré Alvarellos,Leandro
1925
Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
53 páx. ; 17 cm.

A peza teatral O corazón d’un pedáneo, escrita por Leandro Carré Alvarellos e premiada no certame de comedias celebrado en Corcubión o vinte e seis de setembro de 1921, representouse por primeira vez o trinta de abril de 1922 na Irmandade da Fala da Coruña.

O libro publicado por Lar recolle os nomes dos actores que participaron na representación: ELVIRA / Consuelo Varela; VEIGUEIRA / Rosa Martínez; MINGOS / Antonio Álvarez; ANDRÉS / Víctor Casas; XANIÑO / Manuel Lemus; GOSENDE / Xesús Rodríguez.

O corazón d’un pedáneo inaugura a Biblioteca Teatral LAR, que ademais conta con outro volume publicado en 1928 e tamén obra de Leandro Carré, titulado Pra vivir ben de casados.

Leandro Carré dirixiu entre 1922 e 1926 a Escola Dramática Galega, xurdida no seo da Irmandade da Fala coruñesa e que compartiu con outras iniciativas do seu tempo o devezo por normalizar o uso do galego no teatro e achegalo ao público urbano.

A obra literaria do autor concéntrase fundamentalmente no período que vai de 1917 a 1927. Entre os títulos teñen unha presenza significativa as pezas dramáticas que, a diferenza das novelas e diccionarios, na súa maioría non saíron do prelo de Lar.

O libro inclúe a relación das obras escritas por Leandro Carré ata ese momento. Non obstante, non teño referencia da publicación de todas elas.

Sinopse da obra

A acción ten lugar en Santo Xian de Sabugueiro, preto de Ordes.

O señor Mingos, alcalde Pedáneo – “50 anos, gordo, bonachón, rico, con certo âr de señor e de intelectual labrego” , fala coa moza Elvira, unha rapaza de vinte anos que traballa na súa casa. Daquela aparece Xaniño para consultarlle a súa opinión sobre o calote do Gosende, quen, logo de embebedalo, convenceuno para que lle vendese a vaca por dez pesos.

“Foi un engano, foi unha trampa. Como non teño costume de beber, está visto, fíxome mal e non puiden rexir os pensamentos…”

Andrés, un mozo “pintureiro e bondadoso, inda que âs veces teña un mal pensamento”, faille as beiras a Elvira. A moza rexéitao: se quere demostrarlle o seu amor, Andrés terá que casar con ela. A despeito, o mozo cóntalle a rexouba que corre pola aldea sobre ela e máis o pedáneo: “Xa non é o primeiro que di que o señor Mingos e mais ti entendédesvos”. Elvira escorréntao, anoxada: “Vaite, vaite, e que non che volva á ver diante min nunca mais”.

Despois de impoñer a súa autoridade para amañar o trasacordo entre Xaniño e Gosende, o señor Mingos recibe a visita da Veigueira, unha vella argallanta que encirra nel para que case con Elvira: “Moitas veces teño pensado que pra vosté non había outra muller”.

Informado da rexouba dos veciños pola Veigueira, o señor Mingos dá conta a Andrés da súa decisión:

“Para que se vexa que non todo é ruindade no mundo, senón que tamén hai corazós nobres e honrados, eu vou casar con Elvira”.

O señor Mingos pídelle a Elvira que case con el. Tamén Andrés se lle declara, disposto, agora si, a aceptar as condicións da moza. Elvira dubida, mais resolve casar con Andrés en lugar de facelo co pedáneo:

“Consultando o corazón, vin que habíame custar moito o casar sen cariño. Así que agradecéndolle a honra que me concedeu ao me escoller para muller sua, téñolle que dicir que non podo acetala”.

O pedaneo acepta a decisión, lamentando ter escoitado á Veigueira.

“¡Estaba visto que así tiña que ser! Ben, rapaces: se non tedes padriño, eu ofrézome”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario