domingo, 25 de novembro de 2012

DESENGANO


DESENGANO / Pla Zubiri, Xan
Abril de 1926
Lar, revista mensual. Ano 3; número 20. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
46 p ; 16 cm.

Desengano, a única novela do autor Xan Pla Zubiri, foi publicada na colección de novela breve Lar co número vinte, en abril de 1926.

Pla Zubiri foi un avogado e rexistrador da propiedade natural de Viveiro, que colaborou principalmente como poeta en A Nosa Terra e nas revistas Vida Gallega e Galicia Moderna, entre outras.

A súa breve obra literaria está composta por dous volumes. Ademais da novela citada, tamén escribiu o poema A tola de Covas, impreso en Madrid en 1917.

Desengano é unha traxedia amorosa onde as grandes actitudes, tan do gusto da literatura da época, como son a honra e a fidelidade marcan os actos dos protagonistas, levados das circunstancias, que ven estragadas as súas vidas e ao cabo son vítimas dos seus propios erros.

Sinopse da obra

Deloriñas e Xulián tratábanse desde nenos. Os pais eran mariñeiros e as nais traballaban na mesma fábrica de salgaduras en Celeiro. Aquel trato que tiveron de nenos transformouse máis adiante en cariño, e despois en amor.

Tanto se quirían os dous, que houbo un acordo entr’eles pra non sopararse nunca.

Os mozos entraron a traballar na mesma fábrica de salgaduras, e alí non deixaban de cantar “copras, que un e outro se botaban con moito entusiasmo d’eles e riseiras dos compañeiros, quenes siguían con grande intrés aqueles amores, de forma tan orixinal manifestados”, de xeito que á parella alcumárona os Reiseñores.

Mais a felicidade da parella acabou o día en que a Xulián chamárono para servir a El-rei, e como o mozo non tiña cartos para pagar a redención de quintas, os noivos tiveron que pasar tres anos afastados. A Xulián destinárono a Cuba, “onde estaba en loita España cos «mambís»”.

Ao chegar â Cruña pra s’embarcar, xa vistido de militar, retratouse no xardín do Relleno ante un retratista voandeiro, e mandoulle-los retratos â noiva e ôs da casa.

Culás das Cortes, de mal nome o Lengoretas, decidiu aproveitar aquela ausencia para roldar a Deloriñas. Ela rexeitouno, pero unha noite o Moucho descubriuno gabeando a traseira da casa da moza para petar na súa fiestra e decontado espallou no pobo o ruxerruxe dos amores entre o Lengoretas e Deloriñas.

Deloriñas comunicoulle por carta o suceso a Xulián, quen caera ferido en combate “c’unha ferida de machete que lle collía a testa de parte á parte”.

Seis meses máis tarde, o mozo volveu xa recuperado a Celeiro e Deloriñas recobrou a alegría. Non obstante, advertiuno das malas artes do Lengoretas.

Mira, Xulián, si me queres e me fás caso, tês que seguir meu consello de non te meter co Lengoretas. É mala persoa e pódeste perder co-él. Non val a pena de que te rebaixes a tomarlle conta.

Así llo prometeu e cumpriu a súa palabra até o día en que os mozos coincidiron na taberna. Daquela, os que andaban na corda do Lengoretas provocaron a relea.

Botouse atrás metendo a man dereita na faixa pra sacal-o coitelo. Xulián non lle deu tempo pois collendo unha grosa botella da tanga, descargouna con todal-as suas forzas na chola do Lengoretas o coal caeu como ferido por un rayo, co’as meixelas cubertas de sangue. Acodiron á erguel-o ferido e ouservando un que non folguexaba, escramou a berros: ¡Morto…! ¡Matouno Xulián…!

Xulián fuxiu coa axuda dos amigos, embarcando con destino a América. Alí percorreu varios países e ao cabo instalouse na Habana, capital da nova Cuba independente.

Pasados os anos, Xulián decidiu volver a Celeiro. Cando chegou ao pobo era noite, e ao pasar por diante dunha taberna “sinteu voces de contento, ruxir de vasos e risada que o fixeron deter na porta e escoitar ó que dentro se dicía, â par que guichaba por unha regandixa. Estonzas, veu o Estrobo o Arenque, o Tragapeixe o Sinmedo o Folvaleiro, e tantos outros compañeiros da mocedá e amigos de toda a vida”.

Decontado foi ver a Dolores, quen tiña casado o día anterior co Estrobo.

Cando o cadavre foi alcontrado na barra, ao seguinte día, a noticia da aparición d’un afogado espallouse axiña por aqueles lugares. Ninguén o coñecía (…). Sômente unha persoa. Delores, podería reconocelo, e dicir que a morte d’aquél home fora causada pol-o… ¡¡Desengano!!


segunda-feira, 19 de novembro de 2012

HOSTIA


HOSTIA / Cotarelo Valledor, Armando
6 de abril de 1926
Editorial e imprenta Lar
27 p ; 23 cm.

Hostia; fantasía tráxico-histórica que foi lida no Seminario de Estudos Galegos o vinte e un de maio de 1924 e escrita por Armando Cotarelo Valledor, había facer o segundo volume publicado por Lar da Biblioteca do Seminario, o seis de abril de 1926.

Cotarelo xa é un autor dramático recoñecido no ano en que se publica esta obra. Ademais de ter escrito máis de vinte traballos de investigación histórica e literaria e a novela bilingüe El Pazo (1923), o autor deu ao prelo as pezas dramáticas Trebón (1922, reeditada por Céltiga en 1923), Sinxebra (1923) e Lubicán (1924).

Durante a década dos anos vinte, a actividade cultural de Cotarelo foi incesante. Ademais de publicar as pezas dramáticas citadas, obras polas que é considerado como un dos principais autores teatrais en lingua galega do seu tempo, Cotarelo exerceu como vicerreitor da Universidade de Santiago de Compostela e tamén como promotor do teatro universitario. Boa proba deste breve patriarcado cultural que ostenta foi que en 1923 aceptou o cargo de primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos, a proposta dos mozos que o constituíron.

Hostia é unha traxedia histórica inscrita na corrente realista, que narra as últimas horas do bispo Prisciliano na cadea de Tréveris. E se ben o autor pretende ser fiel ás fontes históricas, non se trata dun estudo nun senso estrito pois, máis que nas circunstancias que rodean o proceso, os diálogos afondan nas motivacións psicolóxicas do personaxe e as cuestións doutrinais do movemento renovador que impulsa.

Cotarelo alude á tumba de Prisciliano contra o final da obra, abondando no mito que identifica a figura do bispo coa de Santiago o Maior:

Teu sartego trocaráse en moimento e nese moimento milleiros de corazós gradecidos loubarán teu nome santo en romaxe de amor.

Sinopse da obra

A primeira escena desenvólvese no cárcere de Tréveris, ao alborexar un día da primavera do ano 385.

Esbaída na penombra, lúrpase a macia fegura de LATRONIAN sentada na piaña do muro. E un home moamio vestido a româ con griletes nos pés. Fica inmoble cal si escoitase o silenzo que enche a zalóbrega tarbea.

Tértulo e Latronián láianse no cárcere da súa cativa sorte e recordan o feliz tempo pasado:

¿Onde vai aquel tempo felice en que voltamos trunfantes a Galecia co rescrito que nos repuña en toda honra e poderío?

Máximo deu a Martiño de Tours a súa palabra de respectar a vida de Prisciliano, pero os discípulos do bispo non confían nel.

Arrincáronlle en tormento o que quixeron. Non se pode dare creto ôs laídos de un corpo estordegado na «numela», no «equuleus», esgazado no «columbar», sanguinento do «lorum» e o fiaxel.

No segundo cadro entra en escena Prisciliano.

É un home alto, fermoso, na forza da vida. Usa barba pecha, cabelos rapados e leva con dinidade branca túnica de liño orlada de «clavus» purpureos e «pallium asceticum» escuro. No seu peito reloce unha «abraxa» e na man un pequeno «político». Anda pousado e fala con moita gravedade.

Prisciliano enxalza a morte porque malia ser filla do mal, afirma que é vieiro da verdadeira vida: “Toda nova encarnación nace da morte, door suprema, e toda encarnación é un paso cara a eterna lus”.

Ao tempo, maniféstase doído pola incomprensión dos que alcuman nel de herexe “porque nos siguen as mulleres; porque as agasallamos ademitíndoas como igales a nós no entendemento, superiores a nós no corazón”. Tamén porque os montes son os seus templos, porque xaxúan en lugar de comer até fartar e porque desprezan as comodidades da terra. "Este vivir os anoxa porque os magoa, sacando a vista de ollos sua vergoña e seu fedor”.

No terceiro cadro, Prócula chega deica onde están Prisciliano e Latronián.

PROCULA é unha xoven lanzal de cabelos louros, vestida de finísima «stola», «palla» ampra e «amictus» trasparente. Trae sarteiros de pelras, brincos, colares, manetas e sortellas, entre os cales a tona donda da sua fermosura loce como rosa entre o orballo da mañá.

Eucrocia, a nai de Prócula, cedeu a súa fortuna a Prisciliano. Por iso o bispo chamouna Ágape, que significa caridade. A Prócula chamouna Zoé: a vida. Agora as dúas están no cárcere.

Prisciliano pídelles a Latronián e Prócula que reneguen del para salvar as vidas, pero eles néganse a cumprir a orde.

Valdeiro sacrificio. ¿Non será mais porfitoso vivir? Vivir pra continal-a miña obra, vivir pras nosas xentes de Galecia. Vai meu irmán, traspón aqueles lumiares; conversa co eses tristes prisioneiros. Dilles que neguen, que relaxen, que consintan a vontade dos verdugos, que asina o mando eu. E cando para vos reloza o sol da libertade, tede un piedoso recordo para mín.

Prócula, o amor de Prisciliano, debulla o plan tecido para favorecer a fuxida do cárcere. Pero el négase a fuxir: “¿Cómo queres, ouh Prócula, que fuxa? Somente fuxen os culpados. ¿Quizaves serei tamén culpado para ti?”.

Prisciliano entrégalle a Prócula as táboas onde está recollido o “pensamento esotérico da nosa santa relixión”.

Na porta xorden Felicísimo, Armenio, Latronián e Eucrocia, cangados de cadeas e acompañados polo verdugo co machado ao lombo. A eles únese Prisciliano.

Atrás fica Prócula, maldicindo os perseguidores.

E tí, hostia inocente, vítima branca; tí, ánima donda alampada de virtú, ti que xa escintilas no par das estrelas trembadoras, ti serás beneito das xeneraciós de xeneraciós. Teu sartego trocaráse en moimento e nese moimento milleiros de corazós gradecidos loubarán teu nome santo en romaxe de amor. 

 

quarta-feira, 14 de novembro de 2012

NA NOITE ESTRELECIDA


NA NOITE ESTRELECIDA
Texto: Cabanillas Enríquez, Ramón
Debuxos: Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel
1926
Edición Lar, Impreso en Mondariz-Balneario (imprenta do balneario)
60 p ; 22 cm.

Na noite estrelecida; sagas de Ramón Cabanillas, con debuxos de Castelao, foi editado por Lar e impreso no balneario de Mondariz en 1926.

A obra, dedicada a Enrique Peinador, propietario do balneario e mecenas de Cabanillas, terceiro dos catro libros do autor compostos en Mondariz (1), reúne por vez primeira as sagas que maioritariamente foron publicadas entre agosto de 1921 e xaneiro de 1926 nas revistas Nós, La temporada, Alborada e Terra, e o semanario A Nosa Terra (2).

As composicións seguen o ronsel do celtismo iniciado por Murguía no primeiro volume da Historia de Galicia (1865), onde ofrece a súa particular interpretación da orixe da raza galega propoñendo un referente mítico dese brumoso tempo, ao servizo da rexeneración cultural de Galiza.

A narración debulla algunhas das lendas máis populares do ciclo artúrico, que Cabanillas sitúa en territorio galego. Así, lugares como a illa de Sálvora e o Cebreiro fican asociados ao descubrimento da espada Escalibor e á lenda do Santo Graal.

As sagas, cheas de forza descritiva, flutúan entre o relato épico e a saudade exquisita para referir un mundo atemporal, onde os feitos perden claridade afastados polo paso do tempo, até se converter en mitos.

O devezo por acadar a xustiza e a paz que emanan do bo goberno, toma corpo na figura de Artur; paladín das causas nobres e amado do pobo. Diante da inxustiza, os súbditos evocan o mito, agardando que a súa volta poña fin á escuridade.

Sinopse da obra

A ESPADA ESCALIBOR

Caerleón, a cibdade das pedras milenarias ergueitas pol-os dioses vencidos das pregarias…

A cidade de Caerleón (Compostela) acolleu o pobo que “atravesóu a canle do bravo mar de Atlante e arribóu ôs rochedos que o misterio druida siñalara por lindes da terra prometida”.

A multitude reunida na catedral celebra o Nadal. Ao saíren da igrexa, os habitantes de Caerleón escoitan abraiados as palabras do bardo adiviño.“É Merlín o profeta, o celta armoricán”, falando da existencia dunha illa encantada:

amada dos vellos dioses,
mortos e esquecidos xa,
que Sálvora lle chamaron
afeitos n-ela a topar
repouso doce e tranquío
de celestiaes afáns.

Nunha furna exposta ás ondas do mar, o druída anuncia o descubrimento da espada Escalibor:

Que seia nobre ou pecheiro
o que a espada poida erguer,
en trunfo e groria da raza
cinga a coroa de Rei.

Os homes máis fortes de Caerleón procuran erguer a espada do chan, pero o único que consegue facelo é Artur, o mozo da caste dos Pendragón, a quen o pobo celta coroa como rei na catedral.

Alborada. 1922. O cabaleiro do Sant-Grial
O CABALEIRO DO SANT GRIAL

        No castelo que se alza nun rochedo da serra,
        onde esquece os traballos e os estrondos da guerra,
        Rei Artur, fazañoso, xunta os seus cabaleiros,
        en virtude os mellores e na loita os primeiros,
        amparo dos homildes, espellos de lealtade,

        sonados e valentes en toda a cristiandade.

Artur pídelles que saian na procura do Santo Graal.

        A aquel lle será dado conquerir o SANT GRIAL
        que o corazón enxerga puro e limpo de mal.

Galahaz, o Esperado, rexeita a espada, o escudo e máis as esporas que lle ofrece Artur e marcha desarmado á procura do cáliz místico. Tempo despois chega deica o mar, onde “unha barca, senlleira, no areal atracaba”. Galahaz embarca nela e a nave deixa a praia rumbo ao levante.

E a barquiña envolveita nun craror de luar,
        vai avante, en silenzo, de vagar… de vagar…

Cando Galahaz desembarca, do ceo baixa unha espada que o cabaleiro cingue “e Galahaz trunfante e cheo de ledicia entróu camiño adiante, en terras de Galicia”.

Despois de superar as probas de valor e pureza, Galahaz chega ao Cebreiro, onde rende a espada no altar da ermida. Entón prodúcese o milagre.

        ¡Encol da ara do altar,
        â luz infinda, relumbra
        o cáliz do SANT GRIAL!

O SONO DO REI ARTUR

         A paz tornara ô mundo. Deica ô ceo tranquío
        rubía o fume albeiro do fogar campesío.
        Esquecidos, prisados pol-a pouta da edra,
        os menhires durmían o seu sono de pedra.

A espada de Artur fica en repouso na vella catedral de Caerleón. Acabaron as guerras e nos “casales ceibados dos espantos das loitas, caían das alturas, como diviño orballo, ledicias do sosego, farturas do traballo”.

Galahaz leva con el o Graal a Caledonia e preséntallo a Artur, afundido nun sono espiritual, que agarda a chegada do sinal anunciador do novo destino e, cheo de saudade, despídese do pobo.

¡Tremelucen na altura as raiolas da estrela
fado e guía da raza! ¡É de forza ir tras d-ela ó esquecido fogar!

¡A terra bretemosa onde durma o meu sono
terá de ver un día o renascer d-un trono nas pedras d-un altar!

Deica a ribeira chega unha barca enloitada, coa vela moura e rodeada de cisnes negros, portando cada un deles o brasón dun paladín da Táboa Redonda caído en combate: Tornadal, brazo de ferro; Sordirán, aza de corvo; Roiriz, o do cabo Nerio; Atamor, vido das illas escuras; Tor da montaña; Lionel, o mozo belido; Sir Gawain, quen chorou durante vinte anos a morte da amada; Galuan, señor de Faxildre; Sagramor, escudo dos feridos en combate; Damatal, o vello lobo “e Mandas a quen dixeron «o da alxuba mal tallada» e Arnalac e Brioberis e Bafa e Estor e Semala e tantos e cantos foron honor da irmandade sagra!”.

Artur sabe que atrás da vitoria sempre chega a morte. O rei subido na barca escoltada polos cisnes “e do misterio levada, alónxase mar afora, rumbo da ribeira sagra”.

A alma voadora fuxitiva do mundo,
Rei Artur esvaera n-un repouso profundo,
e nas azas d-un sono de escura vaguedade
caíra alén dos tempos na infinda soedade,
mais do rubí da chaga que no seu peito ardía
ledizosa fragancia nos ares recendía.

(1)  Estes foron, ademais de Na noite estrelecida, publicada en 1926: A man da Santiña (1921); O bendito San Amaro (1925); A rosa de cen follas (1927).
(2)  Na noite estrelecida. Biblioteca das letras galegas. Xosé Ramón Pena. Edicións Xerais de Galicia 1988. p. 13.


sexta-feira, 9 de novembro de 2012

OS PROBES DE DEUS

OS PROBES DE DEUS / Amado Carballo, Luís
31 de Xaneiro de 1925
Lar, revista quincenal. Ano 2; número 5. Imprenta Moret, Marina 28 – A Cruña
32 páx. ; 15 cm.


Os probes de Deus, obra do escritor Luís Gustavo Amado Carballo e publicada en xaneiro de 1925 na colección de novela breve Lar co número cinco, foi o último dos exemplares impresos pola editorial no obradoiro gráfico Moret.


Amado Carballo, poeta, narrador e xornalista, desenvolveu unha obra literaria tan curta como intensa ao longo de seis anos, antes de falecer prematuramente en 1927. Desgraciadamente e ao igual que sucedeu con Manuel Antonio, a morte impediunos coñecer os camiños futuros que había percorrer un dos principais renovadores da poesía galega durante os anos vinte.

Din as xentes que pol-a veira do río unha moza namorada escoita o ecoar das augas nos valgados e o remorso das carballeiras, soñando n’ese tesouro de verbas que nunca mais frorecerán.

Fragmento extraído do prólogo ao libro póstumo escrito por Amado Carballo, “O galo”. Nós, 1928.

Maliaxe. Ed. Alborada, Pontevedra
Os libros de poemas Proel (1927) e O galo (1928) son a carta de presentación do hilozoísmo, escola fundada por Amado Carballo na procura dunha nova expresión poética, resultado da unión entre a vangarda e a poesía tradicional.

Amais destes dous feixes de poemas, Amado Carballo tamén escribiu as narracións curtas: Maliaxe (1922) e Os probes de Deus; relatos que habían ficar agochados baixo a luminosidade da obra poética.

Non obstante, nos textos e particularmente no caso de Os probes de Deus, apúntanse valores literarios notables como a fluidez narrativa, a descrición acertada dos sentimentos e, sobre todo, a intensa humanidade que desprenden; méritos abondo para rescatar esta obra do esquecemento.

Sinopse da obra

Arrombados como trastes inútiles na casa de caridade, os asilados deixan pasar os días sen esperanza. Entre eles está Pedro Lueiro, un vello que vive refuxiado no recordo dos tempos en que respiraba a brisa libre e o corpo “cobraba vida e quentura no rudo traballo d’acotío”.

Perdidos os bens nun preito de foros, Pedro houbo de ingresar no asilo. Desde ese día manifesta a súa xenreira pola felicidade dos que viven fóra. Claro que na casa tampouco é unha persoa sociable e o único residente por quen sente afinidade é Cibrán do Estevo, antigo patrón dun bergantín.

Cibrán ficou orfo cando neno e traballou limpando dornas, recibindo paus e labazadas por todo pago mentres devecía por medrar e saír ao mar como antes fixera seu avó. O día en que por fin embarcou foi o máis feliz da súa vida.

“Os mariñeiros, ollábano coma un compañeiro e mais â hora do xantar, díronlle un xaruto.

-      ¡Fuma rapás! Os pobres fuman, porque eisí comese menos ¿sabes?”

Á volta duns anos, Cibrán era un experto mareante e piloto dun bergantín que percorreu o mundo. Entón comezaron seus problemas co alcohol e o armador despediuno. Despois de pasar polo cárcere foi dar no asilo, onde fala decontino do seu buque con Pedro Lueiro, a única persoa interesada nos contos do vello mariñeiro: “¡Se viras o meu bergantín! Quedabaste parviño!”.

Os dous láianse por ter atopado a miseria nos últimos días das súas vidas; pero mentres que Cibrán garda os recordos do tempo en que percorreu o mundo no barco, Pedro séntese frustrado por non ter saído da aldea onde traballou como xornaleiro.

Os asilados lembran decote tempos mellores “E todos falaban das suas cousas sin ouvirse uns aos outros, para asombrar aos compañeiros, e gostaban da envexa dos que non podían decir outro tanto”.

Os días transcorren nun devalar monótono para eles, perdida toda esperanza, agardando o momento de baixar á cova.

“Días valeiros de utilidade que pasan en penosa procesión de lembranzas prometedoras deixando un amargor nas almas e unha queixa, somente unha queixa, resiñada nos beizos”.

O Nadal, en cambio, é un tempo de ledicia para os vellos. Entón esquecen as tristuras, as dores e a morte, e rezan polos seus pecados. “Levian e tardo o seu rezo, rubía, rubía âs outuras do ceo, como un salmo de humildade”. E senten o agarimo do neno Xesús, valedor dos probes de Deus.

Precisamente durante a noite de Nadal, o laio de Cibrán conmove a Pedro, incapaz de valerlle, que asiste á morte do compañeiro mentres ao lonxe soa a gaita da festa.

“E Lueiro, aniquilado de emoción, sin forzas para erguerse mordía o embozo silenciando os saloucos, e as suas bágoas, salobres e tepedas mollaron longo tempo as sabans do leito”.

Pouco despois Pedro tamén enferma.

“E de novo a vida, a sua probe vida valeira, pasaba nun cortexo de pesares pol-a imaxinación (…/…) A sua vida discurria escondida, esbarando por un rego inalterabel sin torcer nin desviare o seu rumbo decote fixo e igoal camiño da morte que parecía agardalo sin presas”.

Se hai outra vida onde os malos reciban un castigo, el nada ten que recear; e se non houbera, compensado queda por non ter que sufrir de novo outro tanto. Con todo, o que máis magoa a Pedro é ter chegado so a este día, sabendo que ninguén ha recordalo.

“Supetamente sintira un forte dôr no peito cal si unha pedra gravitara encol. A testa fíxoselle pesada e chea de ruidos, como borracho comenzou a falar cousas sin senso… As mans foron crispandose n-un xesto de agarrar.

… Logo, un salayo, un salayo forte, intenso, de felicidade de ben-estar pretórico…

Como saído do fondo d’un pozo, Lueiro morreu ao respirar en libertade…

(…/…) … Unha estreliña correu fuxitiva até se apagar…

… Xa o mestre Prisciliano, vello astrologo das terras de Tyde, dixera outrora, que as ánimas dos mortaes, purifícanse na Lua, dos seus pecados e que as estrelas son símbolos das nosas vidas…”