sábado, 23 de fevereiro de 2013

DE COMO CLAUDICOU XAQUIN QUIROGA


DE COMO CLAUDICOU XAQUÍN QUIROGA / Casal, Xacobe
Xullo de 1927
Lar, revista mensual. Ano 4; número 35. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
23 p ; 16 cm.


O libro de relatos humorísticos De como claudicou Xaquín Quiroga, único texto narrativo coñecido de Xacobe Casal Rey, publicouse na colección de novela breve Lar en xullo de 1927 co número trinta e cinco.

Este había ser o último libro da colección editado conxuntamente por Ánxel Casal e Leandro Carré, quen aínda había publicar cinco novos títulos pola súa conta, mentres Casal fundaba en solitario a editorial Nós.

O primeiro dos contos do libro publicouse tamén na revista Alma Gallega, órgano oficial da Casa de Galicia de Montevideo en novembro de 1927.

De Xacobe Casal sabemos polos escritos de Leandro Carré que foi dramaturgo e escribiu os monólogos Limpa, Fixa e dá Esprendor e No íntimo.

A primeira das obras, Limpa, Fixa e dá Esprendor, foi representada no teatro Rosalía Castro da Coruña polo grupo Cántigas da terra, o día 12 de abril de 1919. A Escola dramática galega representou No íntimo no teatro Alfonsetti de Betanzos, o 9 de outubro de 1919.

Carré informa dunha nova comedia de Xacobe Casal titulada O camiño, que non chegou a representarse. (1)

Por último, o autor tamén publicou en colaboración con Ángel del Castillo o libro de información turística escrito en castelán La Coruña y su provincia, editado pola imprenta Moret en 1930.

De como claudicou Xaquín Quiroga reúne tres relatos caracterizados polo uso da retranca. Botando man do humor, Xacobe Casal evidencia no libro as condutas irracionais daqueles que pasan por sensatos.

Sinopse da obra

De como claudicou Xaquín Quiroga

A vida de Xaquín Quiroga sempre estivo marcada por “un constante e férvido racionalismo”, sen facer nunca “a menor alusión âs persoas e cousas ultraterreas”.

Xaquín pertenceu ao Círculo Racional, faladoiro onde a nova da súa claudicación provocou os maiores estragos.
 
Un tema de frecuente discusión (…) era o das claudicacións, dos «troques de casaca», que tanto abondaban xa n-este tempo postrimeiro.

Tendo en conta os antecedentes de Quiroga, non resulta estraño que o seu salto atrás fora tan censurado, “e as circunstancias en que se cometera, dábanlle máis aspeuto de premeditada â traición”. Porque Quiroga escolleu para corromperse un pobo afastado e cativo, onde foi descuberto pola “dona de Estévez, o racional emigrado no pobo”.

Alí estaba cando nun dos seus paseos entrou na pequena igrexa do lugar e recostado no confesionario escoitou a voz do crego que desde dentro lle dixo: “¡Cando vostede guste, cabaleiro!”.

Sorprendido polo home, que bouraba nel para que comezase axiña a confesión, “axionllouse preto do padre, e baixou a testa, mais atordoado que contrito”.

Cando Estevez espallou a nova polo Círculo, “a sona sempre ben respetada do reutilíneo Quiroga, disipouse como unha levián fumareda (…) o caso ben certo é que Xaquín Quiroga, o antigo e probado defensor da democracia, ofrendou seus moitos anos de loita, firme e ben temperada, n-un aceso de cortesía e tolerancia qu’o alonxaron para sempre”.

¿Celtas ou suevos?

Naquela tertulia que animaba o ángulo mais agachado do «Novo Bar» D. Xavier Monteiro e D. Manuel Carnota, eran dous puntos opostos.

Monteiro era arquitecto e os seus pensamentos divagaban a miúdo polos eidos da fantasía. Carnota traballa como zapateiro e “apenas un xuicio , saíase un pouco do marxen das frase e conceutos consabidos, xa o noso zapateiro erguía o seu romo martelo disposto a machacalo”.

Un día, un dos membros do faladoiro puxo “sóbor do mármol diseccionador da mesa, o tema, un pouco comprexo, da orixinalidade da raza”.

Monteiro opinou entón que o carácter galego está marcado pola raza céltica e os dous troncos aborixes: o cacique, amo brutal e despótico; “este é o tipo suevo, bárbaro, que eiquí afincou o seu afán de rapiña, para sustituir o ferro da conquista, pol-o látego do expoliador”. E o labrego, “somiso, mais non resiñado, con un xermen latente de protesta no seu corazón que os beizos traducen n’unha sorrisa que fai rir, pro que é nada”, sempre agardando a futura redención. Este segundo substrato correspóndese co celta creador.

O zapateiro mirouno con retranca antes de opinar que tamén hai persoas traballadoras e humildes, segundo a súa orixe celta, que cando chegan a facerse ricos resultan ser os máis refinados caciques coñecidos.

¿Qué pasa n-este caso?... ¿convirtense de celtas en suevos?... ¿cambian de raza, coma si fose de camisa?

Unha crus ben lograda

En Guillarei subiron no tren tres militares portugueses. O máis vello lucía no uniforme a «Crus de Promo», obtida nunha fazaña memorable.

O militar explicou que para el a disciplina era o valor máis prezado. “Unha cousa mándase facer así, e así faise, inda que pareza a meirande barbaridade. E imos ao caso”.

Nunha ocasión, os homes do militar fixeron fronte a un grupo de inimigos en Angola, rexeitando o ataque sobre a súa posición. O militar ordenou deseguida saír atrás deles. “Pero os meus homes, que tan a cotío déranme probas do seu sumiso valore, nin se moveron”.

O motivo debíase a que eles eran un cento mal contado e os inimigos pasaban dos dez milleiros. O militar deu conta do feito no destacamento e o xefe que o mandaba mandou fusilalos a todos para dar un escarmento.

Cando os dous homes chegaron ao campamento, comprobaron que “a compañía enteira trocara o colore, virándose negra do todo”. O motivo foi que ao non recibir outra orde, os soldados mantiveron a posición, firmes en todo momento e acabaron queimados polo sol.

Tal sacrificio â sagrada obedenza, desarrugou o ceño do comandante, e hastra fixo levar sua diestra ao kepis galoneado, para saludar aquel monumento fumegante, que calificou n-unhas sentidas verbas, de fogo sagrado e depurador d’un erro lamentabre.

Así foi como o militar conseguiu a cruz, provocando o comentario dun dos pasaxeiros do vagón:

¡Home, pois a min o feito mais me parece merecente de catro tiros que dunha crus!

(1)  Apontamentos para a historia do teatro galego. Leandro Carré Alvarellos. Boletín 235-240 da Real Academia Galega.


sábado, 16 de fevereiro de 2013

O MILITARISMO



O MILITARISMO / Machado, Bernardino
1927
Editorial Lar
154 p ; 17,5 cm.


O militarismo, ensaio escrito polo político portugués Bernardino Machado Guimarães, saíu do prelo de Lar en 1927.

Bernardino Machado foi investido en dúas ocasións presidente da Primeira República portuguesa, elixido por sufraxio parlamentario nos anos 1915 e 1925. Tamén sería deposto as dúas veces por un golpe militar.

A segunda destitución tivo lugar o 28 de maio de 1926, instaurándose en Portugal unha ditadura militar que había dar paso ao Estado Novo ou salazarismo. O novo réxime puxo fin aos sucesivos períodos monárquicos e republicanos, substituídos por un réxime autoritario de carácter militar, estendido até o ano 1974 en que sería derrubado pola revolución do 25 de abril.

Cando Bernardino Machado abandona Portugal e procura refuxio na Coruña, en España goberna o ditador Primo de Rivera, quen viña de disolver as cámaras en 1923, acabando co período constitucional iniciado en 1876. Naquela época as asonadas militares eran frecuentes e os gobernos militares ditatoriais auxiliábanse os uns aos outros para impedir a consolidación da democracia nos estados veciños.

Resulta evidente que as condicións de seguridade en Galiza non eran axeitadas para Machado, quen pronto decide fuxir a Francia e refuxiarse en Cambo-les-Bains. Pero antes de abandonar A Coruña acorda imprimir o seu libro O militarismo coa axuda dos republicanos coruñeses.

O mesmo Casal dá conta deste feito na entrevista concedida a Álvaro das Casas en 1934.

Recuerdo ahora – dice Casal – una tarde en que nos apareció por allí don Bernardino Machado con Villar Ponte, Cebreiro y Fernando Osorio. Quería que le editásemos su obra “O militarismo” que nadie se atrevía a imprimir. Corrimos gozosos la aventura: el libro fue impreso a espaldas de la policía e introducida toda la edición en Portugal. (1)

Este carácter clandestino da edición resulta evidente na ausencia de pé de imprenta ou calquera outra referencia editorial, por moito que a vieira inscrita contra o final do libro, obra de Castelao e que xa fora utilizada n'O bendito San Amaro, non deixe lugar a dúbidas sobre a autoría da edición.

A este feito alude nun dos seus escritos o investigador especializado na figura de Ánxel Casal, Vázquez Souza:

Também as imprensas Lar e Nós, na época corunhesa, seriam um importante centro de reuniom e propaganda contra o regime ditatorial de Primo de Rivera o que provocará um rijo controlo sobre as produçons da imprensa. Os registos policiais na procura de folhas soltas e folhetos da oposiçom republicana foi umha constante entre 1924 e 1931. O labor de impressom clandestino estava nesta etapa -pois a Corunha contava com umha importante tradiçom de impressom e prelos anarquistas- limitado aos sectores do republicanismo federal e massonaria que acabarám por convergir na importantíssima plataforma política que foi a também por estudar ORGA. O último livro impresso conjuntamente por Carré e Casal na etapa de transiçom de Lar a Nós, será o clandestino (sem pé de imprensa) O Militarismo, um duro alegado contra os espadons, do presidente no exílio da República portuguesa, o também massom Bernardino Machado, refugiado na Corunha. (2)

Sinopse da obra

Machado comeza a obra explicando os motivos que desembocaron no golpe militar.

A indisciplina política acresceu a indisciplina militar. Uma ateou mesmo a chama da outra. Nem a rebelião armada se desencadearia, se, dentro e fora do Parlamento, oradores e jornalistas não a sobrescitasem, apelando até para ela.

Non obstante e logo de recoñecer os erros dos republicanos, o Presidente xustifica os actos do seu goberno.

Ninguem hoje deixará de reconhecer que esse governo praticou actos de incontestavel alcance para a resolução do magno problema financeiro.

O cal leva a preguntarse a Machado: Porque se expoz a nação á aventura caotica do militarismo?

Os motivos que sufocaron a orde constitucional están claros para el:

Os negocios internos e externos, de maior monta, são decididos na penumbra dos gabinetes ditatoriais, arbitrariamente, atrabiliariamente (…) O governo que devia ser o paladino de todas as liberdades, coíbindo mesmo os seus excessos e abusos, é ele que em ditadura a todo instante os comete, abolindo-as implacavelmente.

Machado afirma que a República non xurdiu como un acontecemento imprevisto, senón que foi a consecuencia de séculos de loita, e reclama a recuperación das liberdades cívicas, recordando como no pasado o despotismo militar trouxo os días máis tormentosos da historia portuguesa.

A redención do país chegará da man da perfección da xustiza e a reforma da educación.

A ditadura é deseducativa da nação inteira, e quanto mais dura, mais a retrograda.

Toda ditadura é sensible ás presións das oligarquías.

A monopolização do poder por uma fação militarista, sem consciencia do interese geral, leva-a necesariamente ás imposições de todas as classes possidentes.

As divisións políticas durante a república deron o predominio á reacción: “Quem governa é a reação”. A súa estratexia, afirma, consiste en “manter no poder por certo tempo un governo militar”. Xa que logo, “vigiem-se os postos suspeitos para se colocarem em todas as posições consideradas estrategicas pessoas de inteira confiança”. A Igrexa ha cumprir tamén un papel de lexitimación da ditadura, expresada nas cerimonias presididas polo xefe do estado: “uma afirmaçao publica, oficial e decisiva, de preito á Igreja, á sua lei e aos seus direitos”.

A ditadura, ao cabo, resulta reaccionaria no político, no económico e no relixioso. O libro remata cun acendido chamamento á unidade republicana.

Reconheçam todos os republicanos os erros do passado. O poder não é propiedade de ninguem, mas da nação. Obedeçam lealmente ao seu mandato. No dia em que, derruida a ditadura pela união da nossa democracia, o povo se pronunciar livremente na rua, restaurando a integridade da sua soberania, erguer-se-ha de novo festivamente para o ceu, radiosa de esperanças, a bandeira augusta da Republica que hasteamos con altiva independencia nas nosas memoraveis campanhas. E ela cobrirá como um manto sagrado de concordia os direitos de todos os portuguêses.

(1)   Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 347. Entrevista realizada por Álvaro das Casas a Ánxel Casal en 1934.
(2) Vázquez Souza, Ernesto. http://www.primeiralinha.org/abrente/literatura29.htm


domingo, 10 de fevereiro de 2013

A REVISTA NÓS


A REVISTA NÓS / Varios autores
Outubro 1920 / Nadal 1935
Nós. Boletín mensual cultura galega


Revista Nós nº 1
En xuño de 1920, Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Losada Diéguez reuníronse no café Méndez Núñez, en Pontevedra, coa intención de fundar unha revista de orientación galeguista. A nova publicación pretendía afirmar o carácter singular da cultura galega e ao tempo conectar os lectores coa modernidade europea.

Tratábase, xa que logo, de complementar desde o eido da cultura o labor desenvolto por A Nosa Terra, voceiro ao servizo dos ideais políticos das Irmandades da Fala.

Castelao propuxo o nome da nova revista (Nós), declarando desde a cabeceira o carácter coral do proxecto.

Risco asumiu a dirección literaria e Castelao a artística. Arturo Noguerol foi o primeiro xerente, encargado de recadar os recursos para financiar o proxecto, para o cal constituíron unha sociedade entre os simpatizantes das Irmandades.

O consello editorial formárono algúns dos mozos que xa viñan demostrando o seu compromiso coa cultura galega en A Nosa Terra:

Revista Nós nº 4
Direitor: Vicente Risco.

Xerente: Arturo Noguerol.

Redautor-Xefe: Xavier Prado (Lameiro).

Segredario da redaución: Xulio Gallego.

Redautores: Ramón Cabanillas, Alfonso R. Castelao, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo, Florentino L. Cuevillas, Leuter González Salgado.

O primeiro número imprimiuse en Ourense, no obradoiro de La Región, o 30 de outubro de 1920. Esta primeira etapa da revista acabará coa publicación do número quince en xaneiro de 1923.

Boletín de suscrición á Revista Nós
asinado por Ánxel Casal
As dificultades económicas forzaron o traslado da edición a Pontevedra, onde  habían imprimirse tres novos números na imprenta de Joaquín Poza Cobas. A chegada da ditadura de Primo de Rivera e os problemas financeiros marcaron a fin da primeira época da revista logo de ter publicado dezaoito números, interrompendo a edición durante dous anos.

Revista Nós nº 52
Precisamente será Ánxel Casal quen retome a publicación da revista desde a acabada de constituír editorial Lar.

Ánxel Casal, que dirixía daquela na Coruña, con Leandro Carré, a Editorial “Lar”, propiciou a fórmula tan agardada. Ofreceuse, pola súa conta, para imprimir de novo, e administrar, a prestixiosa revista. O grande animador de tantos esforzos editoriais, puxo a proba unha vez máis a súa capacidade de servicio á cultura galega. E así, o 25 de xulio de 1925, reanudouse a vida de “Nós” coa saída do prelo do número 19. (1)

Este feito sucedeu ao pouco de ter publicado o libro Martes d’Antroido, de Francisca Herrera Garrido, primeiro dos impresos por Lar no obradoiro da rúa Real da Coruña logo de adquirir Casal e Carré a maquinaria da imprenta. (2)

A Nosa Terra dá conta do feliz evento.

Os editores de “Lar”, a xenerosa e patriótica empresa, van seguir pubricando “Nós” efectuando con elo unha obra que por si sola encómiase. A ledicia que nós sentimos pol-a reaparición de “Nós” supoñemos sentirana tamén cantos procúpanse da cultura galega da que a notabre revista é formidabre baluarte e xurdío propulsor. (3)

Revista Nós nº 52
O consello editorial da revista Nós mantivo a Risco e Castelao como directores literario e artístico, respectivamente, e designou a Ánxel Casal como novo administrador.

Agora a publicación contaba, ademáis, co labor que lle emprestaban os membros do “Seminario de Estudos Galegos”, coa colaboración de Otero Pedrayo en chea de actividade, e coa contribución dos escritores das promocións máis recentes. (4)

A dirección e redacción da revista permaneceu no domicilio de Vicente Risco, no número 47 da rúa ourensá de Santo Domingo (actual 39). A administración ocupaba o primeiro andar do número 36, na rúa Real da Coruña; domicilio de Casal e sede da editorial Lar.

Por algunha cartas cruzadas entre o empresario de ideoloxía galeguista Enrique Peinador e Vicente Risco, sabemos que Casal xestionaba directamente cos anunciantes as achegas e reclamos publicitarios nesta nova etapa.

Suplemento da revista Nós nº 7
Algúns anos máis tarde, en decembro de 1928, comezou a publicación dos suplementos da revista Nós, repartidos de balde.

Un medio para tratar de captar público e impulsar o hábito lector con tiradas de 5.000 exemplares. (4)

Nesta terceira etapa coruñesa da revista chegaron a editarse sesenta e nove exemplares. A partir do número oitenta e oito, a revista Nós deixou de imprimirse na Coruña e acompañou á editorial Nós no seu traslado a Santiago de Compostela.

Posteriormente, ao se trasladar Casal a Santiago para se establecer alí coa editora do mesmo nome, continuou mantendo a periódica publicación. Apareceran xa oitenta e sete números desque se fundara. E a partir do 88 fóronse confeccionando os seguintes; de primeiras no obradoiro da rua das Hortas, e despois na da Rua do Vilar. A derradeira entrega normalmente repartida aos suscritores, refundía os números 137-138. Levaba a data de maio-xunio do 1935, inda que saíu do prelo a comezos do ano 36. Noustante, estaba xa impresa tamén outra entrega, que abranguía os números 139-144, correspondente aos meses de xulio-nadal. Esta entrega non chegou a se distribuir, por mor dos tráxicos acontecementos orixinados pola guerra civil. Foron queimados daquela, ou destruídos, os fondos todos da Editora. Entre eles figuraba a revista recén impresa, da que se salvaron por un casual dous exemplares, aínda sen encadernar. (6) 
Revista Nós nº 145

O 30 de outubro de 1970 a Academia Galega publicou un novo número de Nós (Nós nº 145) en lembranza do cincuenta aniversario da revista. Neste exemplar, algúns dos intelectuais que nos anos 20 e 30 colaboraron con ela recordan aquel tempo, como tamén os novos escritores expresan a saudade que lles produce o recordo da revista. A publicación complétase cun índice, desglosado por números e tamén por autores.






Diferentes imaxes da Revista Nós ao longo do tempo

(1)  Ánxel Casal e o libro galego. Fernández del Riego, Francisco. Ediciós do Castro. Documentos para a historia contemporánea de Galicia. 1983. P. 42
(2)  Martes d’Antroido. Herrera Garrido, Francisca. Lar, revista quincenal nº 6. A Cruña, 9 de maio de 1925. Como Casal e Carré non dispuñan aínda da maquinaria de imprenta, os cinco primeiros números de Lar imprimíronse no obradoiro de Moret.
(3)  A Nosa Terra. Nº 214, 1 de xullo de 1925. Citado a partir de Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. Ediciós do Castro. 2003. P. 50.
(4)  Ibidem, nota (1). Entre os novos escritores e artistas, del Riego cita a: Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Iglesia Alvariño, Luís Manteiga, Ramos Colemán, Xaquín Lorenzo, Luís Seoane e Carlos Maside. “Todos eles, os de antes e os de agora, constituiron un importante núcleo de apoio ao labor de redacción, e tamén de apoio moral ao impresor. Ánxel Casal, que batía con fortes angurias económicas para poder editar os números que saían do seu modesto obradoiro tipográfico, atopou nos mozos que o arrodeaban, cando menos estímulo para persistir na sua xenerosa tarea”.
(5) Ánxel Casal. Un percorrido biográfico. Alfonso Mato. A Galiza de Ánxel Casal. Murguía, revista galega de historia. Nº 7/8, maio-decembro de 2005. P. 74.
(6)   Ver nota 1. Pp 43 e 44.