quinta-feira, 28 de março de 2013

CONTOS

CONTOS / Canalejo, Alfredo
Novembro de 1927
Lar, revista mensual. Ano 4; número 38. Imprenta Lar. Franxa, 34 - A Cruña
27 p ; 16 cm.


O libro titulado Contos reúne catro relatos escritos por Alfredo Canalejo Martínez-Fontenla entre 1925 e 1927. A obra saíu do prelo de Lar en novembro de 1927 e foi publicada co número trinta e oito na colección de narrativa.

Este volume é o terceiro dos editados en solitario por Leandro Carré logo da separación de Ánxel Casal.

Ademais de publicar este único volume e algúns contos aparecidos nos xornais da época (1), Alfredo Canalejo, activista da causa galeguista e membro fundador da Irmandade da Fala, promoveu xunto a Xenaro Mariñas e Álvaro Cebreiro desde o semanario La Draga, campañas a prol do autonomismo, denunciando a apatía dos partidos republicanos de ámbito estatal diante das aspiracións dos grupos galeguistas.

O libro inclúe os relatos: Luar, Loliña, A funesta bondade (2) e A rosa.

Francisco Fernández del Riego fixo a seguinte anotación sobre o texto no Dicionario de escritores en lingua galega:

Alfredo Canalejo publicou no ano 1927 na colección « Lar », co título de Contos, unhas « narracións extraordinarias » ou « contos fantásticos », con elementos decorativos modernistas.

En tres destes « contos extraños », como os denomina tamén – « Luar », « Loliña », « A rosa » –, desenvólvense os motivos da beleza, o amor, o misterio e a morte. En todos tres, a muller morre. No conto restante – « A funesta bondade » – non está presente a muller, pero si o elemento misterioso. (3)

Sinopse da obra

LUAR

Debruzados na fiestra, diante da ría, os protagonistas déixanse levar pola saudade que produce neles a contemplación da paisaxe, cando “súpeto, por atrás e mesmo a rentes da masa teixa de un piñeiral mesto e grumido, xurdiu a lua, en frente dos nosos ollos”.

Os dous mozos embarcaron nunha dorna, na procura do “luar líquido e bulideiro” reflectido na auga, “co’o agallo de surprendermos o rutilante regueiro”.

Pero a dorna non alcanza o ronsel e a moza bótase na auga.

¡Non ten volta! Non me levas. Eu irei. ¡Adeus! (…) subeu de un brinco no asento da proa, e de outro mais súpeto chimpou de cabeza na auga.

A dorna virou de seu na procura do punto de partida. “Non lucía xa na tona das augas o rensol de luar líquido”. Os contornos da mera prateada que flotaba a rentes da auga “parecían sorrirme meigamente, aloumiñándome o corazón con raiolas de luz morna e meluriña”.

LOLIÑA

O corpo de Lola repousa no leito. “Eu mesmo a collera exánime, con todo o mimo concebible, cando lánguidamente debruzara encol do piano, que vibrou n-un apagado repiniqueo, e a pousaran con tenreza no tálamo, que abalou debilmente ao recebila”.

Ela interpretaba unha melodía, mentres o mozo escoitaba sentado na cadeira, preto dela. O único signo de vida eran os dedos movéndose sobre as teclas. “Tiña os ollos pechados e a cabeza, adoito graciosamente ergueita, abatíase case contra o peito”. A melodía declinou aos poucos e Lola esmoreceu donda sobre o piano.

Desde aquela, cando o mozo sentaba no tallo, diante do piano, escoitábaa de novo “debullando, quer o seu canto mortuorio, quer aquelas melodías arbitrarias e quiméricas. Entramentres, revoaba darredor de min algo etéreo e invisible, que por veces me chincaba co’os seus leros agarimosos, aloumiñantes, talemente coma se me abanase co’as aas de seda unha rolada de diminutas borboletas”.

A FUNESTA BONDADE

El era un home xa antergo. A cara dáballe pucos mais de cincoenta anos, mas poida que andivera xa nos sesenta, según facía suspeitar o seu aspecto, que traducía un pasado ordeado e sombrío. Era forasteiro – o seu apelido de acusado sabor castelán denunciábao –, e viñera a se establecer n-uns negocios en que fracasaran moitos da terra.

Non obstante, H. trunfou e transformouse nun industrial acomodado. A xente considerábao un home bo e honrado, incapaz de facer mal ningún.

O narrador cruzábase todos os días con el no camiño da escola “e sempre respondía ao meu saúdo co’o mesmo tono de adeus e idéntico xesto beatífico”. Pero co tempo o mozo acabaría receando daquel exceso de bondade, desenvolvendo unha xenreira solapada cara a el e os seus apoloxistas.

Os encontros diarios e os saúdos rituais volvéronse insoportables. E se algo detestaba en particular o mozo, era a bondade coa que o home respondía diante da non disimulada molestia que a el lle producía o saúdo cotiá.

Cada día ao atopar o vello, facíase mais ostensible, pra contra de cada un dos dous, a nosa agachada aversión recíproca, que eu sentía medrar en medio do embercellamento caótico das ideas do meu cerebro.

O mozo orbitaba fatalmente arredor do vello e todos os pasos que daba ao cabo do día conducíano irremisiblemente ao pé del, seguindo un proceso de atracción e repulsión “coma os voraces anelos rutilantes de un vórtice”.
Ao cabo, o mozo perdeu a noción do espazo e non puido discernir quen dos dous xiraba e quen permanecía quedo na órbita que os unía e, perdendo a lucidez, entregouse a aquel ser fatídico: “¡Sí! ¡É o home mellor do mundo! ¡É Deus!”.

Na casa, ao vir en min, dixéronme que me levara « aquel » señor tan amable e místico, que me vira caír esmorecido na vía cando el pasaba (…) Non o volvimos ver, e soupen que morrera no mesmo día de me levar á casa.

A ROSA

Se viras… Hai no xardín unha rosa que non se murcha. Leva xa uns dous meses aberta, tan louzá e frequiña coma o primeiro día.

A moza acompañouno e, no momento de ulila, os pétalos abríronse e pecháronse e a rosa tremeu. Ao darlle un bico, as follas parecían unha pel de muller.

Todos os días miraban a flor. Cando a moza enfermou, a rosa murchou e morreu. Ela deixou o leito e quixo vela, e daquela a flor recuperou a louzanía da véspera. Entón comprendeu que a presenza da moza era necesaria para mantela viva. Ao cabo ela morreu, e a rosa recobrou a vida.

No adiante, seguín saboreando os labres e o alento – o espírito – da miña rapaza. Na roseira, todo o que non era a flor secara. Pero eu, n-ela, non puxen, nen poño, nen poñerei cousa algunha que non sea a miña boca.

(1)  Está documentada a publicación do conto “Bicos” no xornal El Noroeste, editado na Coruña, en 1918.
(2)  A funesta bondade reeditouse na Antoloxía do conto galego de medo. Silvia Gaspar. Galaxia; Vigo, 1995.
(3)  Diccionario de Escritores en lingua galega. Francisco Fernández del Riego. Ediciós do Castro; Sada, 1990. p 60.


quinta-feira, 21 de março de 2013

HISTORIA SINTÉTICA DE GALICIA


HISTORIA SINTÉTICA DE GALICIA / Villar Ponte, Ramón
25 de santos do 1927
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – A Cruña
220 p ; 20 cm.

O ensaísta Ramón Villar Ponte inaugurou as publicacións da editorial Nós co libro Historia Sintética de Galicia, o día vinte e cinco de novembro de 1927.

O libro tivo unha segunda edición en 1932, tamén impresa por Nós (1).

Ánxel Casal puxo en marcha a editorial Nós logo de separarse de Leandro Carré. A primeira localización da imprenta estivo no domicilio familiar de Casal, na rúa Real da Coruña; no mesmo lugar que até xullo de 1927 foi sede da editorial Lar.

Para identificar a nova empresa, Casal elixiu a coñecida imaxe do hórreo deseñada por Castelao.

O hórreo é o emblema da editorial Nós. Un gravado dun perfil en negro que representa un hórreo con dous cativos. Unha rapaza que lé e un neno que, deitado á sombra, escoita. O gravado, deseñado por Castelao, corresponde a un cadro perdido deste, que se atopaba na editorial de Casal. O cadro tiña un pé, « fartura pr’o corpo e fartura pr’o espríto » que simbolizaban o hórreo repleto (víase por entre as ripas o millo) e os nenos a ler. (2)

E non resulta casual que para botar a andar a editorial, Casal escollese a obra de Ramón Villar: Historia Sintética de Galicia.

Ramón Villar Ponte foi un dos militantes galeguistas que serviu de ponte entre a vella xeración Rexionalista de Murguía e os Nacionalistas organizados arredor das Irmandades da Fala. Os novos galeguistas compartían o devezo da xeración anterior por recuperar a memoria colectiva e dignificar o uso do idioma; cerna da identidade nacional que estimaban diluída por causa da ignorancia e o desleixo do pobo.

Xa que logo, a Histórica sintética de Galicia, máis ca un manual didáctico, é un dos instrumentos doutrinais impulsados polos homes das Irmandades.

Editorial Céltiga
O autor tivo un papel destacado no impulso das Irmandades, fundando xunto a Xaime Quintanilla a agrupación de Ferrol e o seu órgano cultural: a editorial Céltiga, onde Villar ostentou o cargo de xerente.

Sobre a Historia sintética de Galicia temos dúas informacións fornecidas directamente por Ánxel Casal. A primeira delas nunha carta dirixida ao propio Ramón Villar e datada o 5 de xaneiro de 1928:

Pol-o d’agora non sei como vai a venda da Historia, pois o menos en tres meses non fago liquidazón cos libreiros. Ti xa vés por exemplo da venda de «Estebo» en Viveiro sei pol-o que ti me dixeches. Axiña sairá Zamora de viaxe e ao mesmo tempo visitará ôs libreiros e asi saberei como anda o choio. (3)

A segunda referencia atopámola na entrevista de Álvaro das Casas para El Pueblo Gallego en 1934.

Me separé de Leandro Carré y en 1927 inicié la editorial «Nós», con la publicación de la «Historia Sintética de Galicia» de Ramón Villar Ponte, de la cual tiré 500 ejemplares vendidos casi todos ellos entre maestros de escuela. Ya estoy con la segunda edición que va muy avanzada de venta. Sin embargo, es una vergüenza que, en una obra de esta naturaleza que debiera ser imprescindible para todo gallego, no estemos ya en la vigésima edición. (4)

De certo, o manual era unha obra necesaria nunha época en que a historia de Galiza, a pesar do enorme esforzo de investigadores como Murguía ou Vicetto (5), transitaba entre a escuridade e a lenda. Consciente desta misión, Ramón Villar introduce o libro cunha exhortación patriótica:

Aos meus, e moi singularmente aos que levan o meu sangue, para que lêndo istas páxinas se avive n-eles o imperativo patriótico, o berro da terra encadeada, e os force a feitos nobres e asiñalados que algún día poidan figuraren nas galegas historias que ainda terán de s’escribiren…

Sobre Ramón Villar cómpre, por último, citar a terrible información referida por Xosé Dobarro e Ernesto Vázquez no seu libro Ánxel Casal (1895-1936). Textos e documentos:

Morreu na Coruña o 14 de setembro de 1953, aos 63 anos. Segundo nos informou súa filla Teresa Villar Chao a consecuencia dunha malleira propinada polos falanxistas na rúa do Orzán. (6)

Sinopse da obra

A obra vai precedida dun prologo escrito por Vicente Risco:

Ides ler unha sinxela, unha crara e xusta esposición de feitos, que comprende a vida toda de Galiza, dend’os tempos prehistóricos. Ides atopar, condensado en poucas páxinas, canto hai d’importante espallado en grosos volumes, en coleiciós de revistas, en libros esgotados, en manuscritos, en fontes de non doado achádego.

O libro encadea notas breves de carácter pedagóxico, encabezadas pola Prehistoria e a Idade Antiga. Seguindo as teses de Murguía, e logo dunha sumaria exposición sobre o substrato Neolítico e a Idade do Bronce, o autor debulla a Idade do Ferro identificada coa presenza dos Celtas en Galiza.

O pobo celta é un pobo de raza e língoa indo-europea, que asegún as mais das opinións tivo o seu punto de orixe nas ribeiras do mar Báltico. Parece sere que iste pobo s’espallou pol-o centro e sul da Europa chegando á invadire á península a que pertenesce a Galiza e findando por se afincare de un modo permanente na terra galega.

O texto continúa cunhas breves notas sobre a dominación romana e o cristianismo, para deseguida tratar a herexía en Galiza: o Priscilianismo, poñendo fin á Idade Antiga.

O segundo apartado abrangue a Idade Media. O período comeza co esplendor da monarquía sueva e o seu ocaso a favor dos godos, para logo rexurdir convertida ao cristianismo. Após deles chega a época visigoda e a irrupción dos árabes. Capítulo á parte merece o mítico achado do bispo Teodomiro.

Hai un suceso d’enorme trascendenza pr’â terra galega qu’é o qu’en realidade escurece a todos para destacare él soiamentes. Iste suceso é a feliz descuberta do Corpo do Apóstol Santiago, ocurrida no bosque lo Libredón situado perto do chamado Burgo dos Tamariños ou Tamaricos, no sitio tiduado dende estonces Campo da Estrela.

O autor narra a xénese do reino ástur-galego, as incursións musulmás e normandas, e as loitas de poder que producen a integración das coroas galega e leonesa na castelá. Especial importancia teñen a narración dos feitos que atinxen a don García, a raíña Urraca e Xelmírez.

A Historia enumera a sucesión de monarcas posteriores e informa das liortas señoriais e populares, até o esmorecemento do poder real a favor dos señores feudais. Capítulo destacado merece a narración das dúas revoltas irmandiñas e os enfrontamentos posteriores entre o arcebispo Fonseca e os condes galegos, sometidos polo poder real de Isabel e Fernando.

(Deron en promulgar un) decreto polo que se ordeaba o emprego eiscrusivo do castelán como idioma oficial e, pol-o mesmo, o desbote da groriosa lingua do país até estonces usada pra todo, non trardaron n-ofresceren o resultado que se perseguía, ou sexa o escomezo da verdadeira castelanización galega que xa dimpois prosigueu cada vegada con forza meirande.

Coa incorporación definitiva de Galiza á coroa castelá, comeza a Idade Moderna.

Moi pouco intrés ofresce a Historia galega a partire dos sucesos que fincan relatados nos capítulos denantecedentes.

O autor narra brevemente a sucesión de reis casteláns até o reinado de Carlos IV, para estenderse polo miúdo na loita dos galegos contra a invasión francesa e os fitos locais desta revolta.

Deseguido, Villar consigna as loitas entre liberais e reaccionarios en Galiza, e con especial detalle a revolta galega do ano 46 e os sucesos de Carral.

Cos derradeiros ecos da groriosa revoluzón galega que fica someiramente relatada, pódese decire que rematan tamén os feitos que dende os escomezos dos homes tiveron como axeitado esceario â Galiza, sendo eiscrusivos e peculiares d’ela, e constituíndo en longa sucesión de anos e de séculos a honrosa executoria da persoalidade galega a través dos tempos, ou sexa a verdadeira e inesquecente Historia da Galiza.

Por último, o autor refire “a xeito de colofón” unha breve historia do galeguismo desde os Precursores até a fundación das Irmandades da Fala, poñendo especial énfase na publicación do libro do seu irmán Antón Villar: A nosa afirmación rexional, que para Ramón Villar marca o tránsito do galeguismo ao nacionalismo.

(1)  Historia sintética de Galicia, 2ª ed. Corr. Villar Ponte, Ramón. Editorial Nós. Santiago de Compostela, 15 de Nadal de 1932.
(2) A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Vázquez Souza, Ernesto. Ediciós do Castro, 2003. p. 407.
(3) Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. p. 193. Unha nota dos autores aclara que Casal alude na carta a Federico Zamora Mosquera, representante de calzados Senra e a quen a súa profesión permitíalle establecer contacto cos libreiros, actuando así como corresponsal da editorial Nós. Esta mesma función acáelle tamén a Víctor Casas e sabemos pola carta que o mesmo Ramón Villar representa a Casal en Viveiro.
(4)  Ibidem nota 3. p. 347.
(5) Murguía consideraba pouco rigorosa a singular historia de Benito Vicetto, que ás veces transcende os feitos históricos e transcorre polos eidos da imaxinación. Tampouco Vicetto tiña en consideración as historias anteriores de Molina, Gándara ou Huerta. Como exemplo da historia de Vicetto, abonda con citar o delicioso comezo da obra: Al retirarse las aguas del Diluvio, cuando la última onda, turbia y perezosa, se desvaneció en el azul trémulo del mar de nuestras costas, por una de esas reacciones admirables en el orden da la naturaleza, los valles y las montañas comenzaron a cubrirse de verdor en poco tiempo (…) Las aguas del Diluvio absorbieran en sus olas bramadoras al mundo corrompido, según la voluntad de Dios; y por eso todo en la creación renacía a la nueva vida, de la manera más pura, virginal e inmaculada. Galicia era entonces un vergel acariciado del Creador.
(6) Ibidem nota 3. p. 193.



quarta-feira, 13 de março de 2013

O ILUSTRE CARDONA


O ILUSTRE CARDONA / Fernández Flórez, Wenceslao
Setembro de 1927
Lar, revista mensual. Ano 4; número 37. Imprenta Lar. Franxa, 34 - A Cruña
42 p ; 16 cm.


Wenceslao Fernández Flórez, autor que inaugurou en 1924 a serie de novelas breves Lar co relato A miña Muller (1), publicou nesta mesma colección O ilustre Cardona en setembro de 1927, co número trinta e sete.

Esta foi a segunda novela editada en solitario por Leandro Carré logo da separación de Ánxel Casal. O primeiro dos libros impreso no local da Franxa escribiuno o propio Carré e para este novo exemplar botou man do seu consagrado (2) amigo Fernández Flórez, reeditando unha novela publicada orixinalmente en castelán catro anos antes na colección La novela de hoy (3).

Mesmo entra no posible que fose o propio Carré o encargado de traducir a novela. Non obstante, isto non deixa de ser máis ca unha suposición.

A nota editorial que precede a obra enxalzando a categoría do autor e agradecéndolle a deferencia por ter cedido os dereitos de reimpresión, sérvelle tamén a Carré para demandar novos orixinais que permitisen continuar a colección, da que había publicar outros tres números antes de desaparecer definitivamente.

DÚAS VERBAS

Por segunda vez honramos as páxinas de LAR pubricando unha fermosísima novela do grande humorista e ilustre escritor Wenceslao Fernández Flórez, que quer así contribuir ao maor esplendor da fala e da literatura galegas.

Cómprenos agradecer pubricamente ao ademirado amigo a amabilísima atención que lle merez a pubricación LAR, e desexamos que o seu interés atope noutros estimados literatos galegos estímulo para arrequentar tamén, con algunha sua producción, as letras rexionaes.

A Direición.

Fernández Flórez xa era un escritor popular en 1927. Afincado en Madrid logo do seu paso pola dirección do Diario Ferrolano e El Noroeste da Coruña, colaboraba adoito no xornal ABC e tiña publicado numerosas novelas; entre elas Las siete columnas (1926), unha das súas obras máis ambiciosas.

Tendo e conta que, salvo raras excepcións, a obra de Fernández Flórez non se distingue polo uso da lingua galega, resulta evidente que a publicación d’O ilustre Cardona responde máis á vontade do autor por auxiliar a Carré, que ao devezo por promover a literatura galega como pretende o editor.

El ilustre Cardona. Madrid, 1923
O ilustre Cardona é un dos moitos relatos escritos por Fernández Florez, aparecidos nas coleccións de literatura popular da época (4).

Trátase dunha traxedia con trazos grotescos onde o autor denuncia a inutilidade da fama cando non vai acompañada de recursos económicos. A relación superficial entre ricos e pobres, afastados por unha fronteira nada sutil, redúcese ao eido das convencións sociais e mentres os primeiros manexan os recursos e toman as decisións, para os outros quedan as loas e a miseria.

Sinopse da obra

Ramiro Cardona vive coa súa irmá Xustina, enferma do corazón e encamada desde hai anos.

Ramiro Cardona era un grande poeta, e, naturalmente, vivía moi mal; todo o mal que pode vivir un home que non ten mais ingresos que os do seu cargo de oficial primeiro nunha dependencia do Estado.

A ollos da irmá, Ramiro é un artista loado pola sociedade que celebra os seus versos e recoñece nel un home de talento. Claro que tamén hai circunstancias que Xustina ignora, porque a Ramiro “o xefe do seu negociado dispreciábao; as xentes serias tíñano por un pouco tolo; os editores convencíano de que os versos non se venden”.

O deputado Crisanto Cedrón, de quen Ramiro foi secretario hai tempo, pídelle ao poeta que exerza como mantedor nos xogos florais do seu distrito.

Escomenzaba a anoitecer cando chegaron â cidade (…) O diputado repartía apretóns de mans e frases amábeles. Ramiro, inmovilizado perto d’ele, c’unha cortés sorrisa nos beizos, presenciaba o desfile d’aqueles personaxes que apenas rozábano con olladas de frienta curiosidade.

O poeta provinciano Luis Beltrana é o único interesado en Cardona, e ao tempo que gaba as súas poesías confésalle que algún día espera gozar do mesmo estatus ca el. O poeta cala para non desenganalo, porque sabe que o éxito e a fama non sempre corren parellos.

Cando Cardona volve a Madrid agrávase a enfermidade de Xustina. Necesita cartos para o tratamento e resolve pedir axuda no ministerio de Belas Artes. Os que saben destes negocios danlle poucas esperanzas.

Vostede é un artista, un grorioso e verdadeiro artista. É dicir; nada mais que un artista. Nin sequer escribe vostede epigramas contra os políticos. E un artista non lle importa aos nosos gobernantes.

Desacougado pola súa incapacidade para resolver os problemas de Xustina, Cardona confésalle que a gloria dos versos non serve para acadar nada práctico.

Non logrei ren ao lograr ese nome: nin estimanza, nen diñeiro, nen a xerarquía de que eu che falaba con aparente fachenda (…) Non son mais que o que agora ves: un pobre home que pode acusarse de ter perdido a sua vida, que non servíu para facer a tua mais folgada e ditosa, nen ainda para gañar esa presiña de pesetas necesarias para mercar esa saude que che manca.

(1)  A miña muller B.L. nº 1. Lar, 29 de novembro de 1924. Impreso en Moret, A Coruña.
(2)  Wenceslao Fernández Flórez viña de recibir o Premio Nacional de Narrativa en 1926.
(3)  El ilustre Cardona. La novela de hoy. Junio de 1923. Nº 55. Mendizábal, 42. Madrid. Impreso en Sucesores de Rivadeneyra, Paseo de San Vicente, 20. Madrid. A novela orixinal conta ademais cunha breve nota a xeito de prólogo dirixida polo autor a Artemio Precioso, director de La novela de hoy. Tamén inclúe un soneto dedicado a Fernández Flórez, asinado por Mariano Tomás.
(4)   Entre outras coleccións destas mesmas características onde publicou parte da súa obra Fernández Flórez, pódense citar: La novela de hoy, La novela corta, La novela de la semana e La novela mundial.



quarta-feira, 6 de março de 2013

O XORNAL DE MAVI


O XORNAL DE MAVI / Carré Alvarellos, Leandro
Agosto de 1927
Lar, revista mensual. Ano 4; número 36. Imprenta Lar. Franxa, 34 - A Cruña
29 p ; 16 cm.


O xornal de Mavi, cuarto e último texto publicado por Leandro Carré Alvarellos na colección de novela breve Lar (1), saíu do prelo en agosto de 1927 co número trinta e seis.

Este foi tamén o primeiro libro publicado por Carré en solitario logo da separación de Ánxel Casal, quen deixou Lar para fundar a editorial Nós.

Carré dá conta deste feito en dous textos inseridos no libro:

AVISO
 
Téndose trasladado os talleres e adeministración de Lar â rúa da Franja, 34 – baixo e non sendo xa adeministrador das pubricaciós LAR D. Anxel Casal rógase aos nosos suscritores e colaboradores dirixan toda a correspondencia ao Direitor Leandro Carré. Franja, 34 – baixo. A Cruña.

Diversas circunstancias, entre elas o cese do administrador, Don Anxel Casal, no seu cargo, obrigáronnos a trasladar os talleres e adeministración de LAR, â rua da Franxa, 34 – baixo, onde agora están instalados, e cuio novo domicilio compracémonos en ofrecer aos nosos amigos.

O traslado dos talleres, mais despois algunhas reparazons que houbo necesidade de facer na maquinaria, foron causa de retardar a nosa pubricación.

Rogamos se nos perdoe este inevitábele adiamento e non duvidamos que será desculpado por quens veñen decote adicándonos a sua atención e estima, para os que gardamos un fondísimo agradecemento.

A DIREICION

As diversas circunstancias ás que alude escuramente Carré e que provocaron a separación de Casal, son un dos misterios non resoltos da nosa literatura. Alfonso Mato ofrece a explicación máis aceptada sobre os probables motivos:

Hai que destacar como razón máis probable da separación, o feito de que Carré non vivía exclusivamente do traballo dunha imprenta e editora que dirixía como propietario, senón do seu labor administrativo para varias sociedades, fundamentalmente a asociación de cafés coruñeses (2). Non era así o caso de Casal, dedicado por completo á impresión, mais ás ordes de Carré. A inclinación de casal era, segundo o testemuño de Manuel Casal Agra (3) e dun dos seus empregados, Mateo Pena (4), ser propietario dun negocio que consumise todo o seu tempo e do que aspiraba a facer unha grande editora moderna. (5)

Sobre esta mesma cuestión abonda Ernesto Vázquez nun dos seus estudos sobre Ánxel Casal.

Non temos probas de, como se ten insinuado, ter existido unha ruptura violenta. Máis ben semella que se produce unha separación por parte de Casal, quen pasa a converterse no seu propio xefe, xa que ao revés de Carré ten dedicación exclusiva e novos proxectos para os que precisa o control total. (6)

O certo foi que Casal permaneceu no local da rúa Real, domicilio familiar do matrimonio Casal-Miramontes e sede da Irmandade da Fala, mentre Carré debía mudarse á veciña rúa da Franxa.

Despois do cese de Casal como administrador, Carré insiste en deixar claro que el é o propietario de Lar. Ademais de conservar a marca editorial que había publicar algo menos de vinte novos títulos, nos seguintes volumes da colección de novela breve identifícase como “Direitor propietario”, quizais para aclarar a confusión ao respecto que sen dúbida existía entre os colaboradores e subscritores de Lar.

Cinco dos libros que publicará a editorial desde este momento e até a súa desaparición son do propio Carré. Entre eles está O xornal de Mavi.

Sinopse da obra

Mavi comeza a escribir o seu diario o 15 de maio de 1925, ao tempo que esperta nela a conciencia da súa individualidade.

15 de maio. “Hoxe dispuxen un caderno (…) encomencei a riscar o meu diario, o meu «xornal íntimo», disposta á consinare todol-os meus anotos de cada día.

Os recordos infantís sucédense, mentres Mavi evoca con saudade o pasado. A moza recorda o día en que deixou a aldea para instalarse coa súa tía Carola na cidade.

Ao me ver na vila coidei alolear. Tantas casas, tan outas; e tantas xentes, tantos carros e automóveles; e logo as luces, que somellaban ollares parpadexantes que se fitaban en min.

16 de maio. Onte fixo oito días que deixei o colexio, que perdín de vista as tocas albacentas das freiras.

Xuliño Valeiro é amigo da tía Carola: “pareceume un babeco vestido de señor”. Xuliño é un home rico, pero tamén inculto e groseiro, diferente do simpático e atraente Ramón Varela, quen censura a Carola, temendo que Mavi acabe parecéndose a ela.

5 de xunio. Non durmín en toda a noite, e sinto ainda un acoramento que me afoga.

Carola amañou un encontro entre Mavi e Valeiro. Mavi loitou por ceibarse, esnaquizándolle un vaso na testa. A tía acudiuna entón, pero lonxe de valerlle: “¡Es unha babioca! Valeiro está tolo por ti: é rico; podías ter canto quixeras…”, pediulle que aceptase o sacrificio porque “a vida é doce para moi poucos privilexiados; para os mais e rixa, espiñenta e rixa”.

Mavi resolve volver a Cañás, a aldea onde vive Xuana. Alí acouga. Non ten máis bens que o casal e a horta que foi de seu pai, e para non ser unha carga traballa como costureira e dá clases aos nenos da parroquia.

30 de xunio. Sinto saudades.

A moza devece por Ramón Varela.

20 de xulio. Hoxe fun â vila. Fun cô gallo de mercar algunhas cousas; mais o gallo verdadeiro e úneco foi o desexo de ver a Ramón.

17 de setembro. Toda a mañâ de onte resoaron as detonaduras dos cazadores que inzan os montes por este tempo.

Un deles chegou ás présas na procura de alguén que puidera avisar o médico de Carral, porque un dos homes mancou a perna despois de saltar un valado. O mozo é irmán de Ramón, quen acude a Cañás para atendelo. A moza relouca de contento pensando no encontro. Ao cabo os mozos reanudan o noivado.

2 de novembro. Despois de tantos días ditosos, un fondo pesar veu aflixirme (…) O irmán de Ramón pode xa ser conducido â sua casa, e Ramón tén que se ire co’ele.

2 de xaneiro. O que tiña medo que socedera aconteceu. Os meus cadrís anchean, e sinto que unha nova vida xurdiu nas miñas entranas.

Mavi decide criar o neno sen axuda. Non obstante afronta o futuro con afouteza. Despois de todo, ao neno ¡Quén poidera asegurarlle un porvir mais venturoso que o da súa nai!
 
(1)  Outras obras de Leandro Carré na Biblioteca Lar son: Naiciña B.L. nº 4, 17 de xaneiro de 1925. A propia vida B.L. nº 14, outubro de 1925. O home que deu vida a un morto B.L. Nº 21, maio de 1926
(2)  O Café Moderno, o Marineda e o Quiosco Alfonso formaban parte dunha cooperativa de cafés e establecementos. Nesa sociedade traballaba na administración e xerencia Leandro Carré. Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 53.
(3)  Manuel Casal Agra, irmán de Ánxel Casal; fillo de Manuel Casal Basteiro e da súa segunda muller: María Agra Carrón. Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 398.
(4)   Mateo Pena traballou na imprenta da editorial Nós entre xaneiro de 1929 e setembro de 1931. Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 415.
(5)   Ánxel Casal. Un percorrido biográfico. Alfonso Mato. A Galiza de Ánxel Casal. Murguía, revista galega de historia. Nº 7/8, maio-decembro de 2005. p. 74.
(6) A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Vázquez Souza, Ernesto p. 255.