domingo, 30 de xuño de 2013

POESÍAS GALEGAS



POESÍAS GALEGAS / Añón, Francisco
1928
Biblioteca Lírica Lar. A Cruña

50 p ; 18 cm.

A escolma Poesías Galegas do autor Francisco Añón Paz foi publicada pola editorial Lar en 1928.

Este foi o terceiro volume da Biblioteca Lírica Lar (2) e había editalo en solitario Leandro Carré, logo de abandonar Ánxel Casal a imprenta Lar para fundar a editorial Nós.

O libro vai precedido dun prólogo escrito por Uxío Carré, pai do editor, quen xa tiña publicado en 1920 un pequeno volume coas poesías de Añón (3). Precisamente os poemas escolmados por Lar son a segunda edición desta mesma obra.

Carré indica no prólogo que moitas das poesías de Añón aparecidas orixinalmente en revistas e boletíns acabaron perdéndose e son poucas as que chegaron até nós. Tamén introduce algunhas notas biográficas sobre o autor.

Francisco Añón Paz, naceu n’aldea de Boel, parroquia e concello de Outes, partido de Muros, provincia da Cruña, o día nove de outono do ano 1812.

Añón foi un dos liberais que tomaron parte na malfadada revolución galega de 1846. Logo da revolta fuxiu a Portugal e máis tarde instalouse en Madrid. Durante este tempo traballou como xornalista, tradutor e mestre, vivindo sempre con grandes dificultades económicas até acabar os seus días sumido na miseria.

Francisco Añón. Poesías. A Coruña, 1920
Curros Enríquez consideraba a Añón como "vello mestre" e identificábase coas súas ideas progresistas e anticlericais, polo que o escolleu como guía no seu Divino Sainete. (4) 

As poesías galegas de Añón expoñen en primeira persoa a saudade do autor, decote lonxe da súa terra e tamén o seu humor cheo de acedume. A pesar da súa reducida obra en galego, Añón gozou do recoñecemento popular no seu tempo e tamén do respecto dos outros escritores, entre os que era sinalado como O Patriarca.

Sinopse da obra

O libro comeza co poema A Galicia.

O tempo s’apresura … Querida patria, escoita
ese xemido rouco que racha o aire van …
é o vapor que chama con violencia moita
a ese pôrvir xigante que co pasado loita,
e á transformar s’apresta o teu fecundo chán.

Deseguida Carré escolma o poema A Pantasma, unha composición burlesca, e os versos Xogos Froraes, enviados aos xogos da Coruña do ano 1861 xunto co himno titulado de novo: A Galicia.

A ti voa entre ardentes salayos
sobre as trémulas olas do vento,
a soidade do meu pensamento,
que decote cravado está en ti.
Por diversos países qu’eu vaya,
ti serás miña doce memoria …
¡Mesmo entrar non quixera na groria
sin primeiro pasar por ahí!!

A égloga Recordos da Infancia evoca a nenez do poeta; un tempo feliz e despreocupado “cal lóstrego sútil que as nubes racha, / cando un metido se hacha / en noite horrible de fatal negrura”.

A Leiteira é unha revisión enxebre do conto de Esopo. De novo O Recordo expresa a saudade do poeta por estar fóra de Galiza e O Magosto evoca a esmorga duns mozos.

Deseguida atopamos os mellores versos humorísticos de Añón no poema A Miña Enfermidade. Sobre eles anota Uxío Carré no prólogo:

Vello, doente é pobre pasou por moitas, mais inda tiñan de lle chegaren horas mais amargas. Así e todo o seu humorismo de cote, non o deixou, como pode verse na poesía A miña enfermedá, composta pouco antes de s’empeorar; composición na que o poeta se burla donosamente dos seus males.

        Fraco como un asubío,
        con tres enemigos loito,
        enfermedá, fame e frío,
        e da miña vida o fío
        vaise adelgazando moito (…)

        De duros unha poutada
        podrá curarme a hepatites,
        enfermedá conxanada
        cando ven acompañada
        d’unha gran sindinerites.

O libro remata cos poemas breves: Amor Apresurado, Ante a Torre d’Hércules e Epigrama.

ANTE A TORRE D’HERCULES

-      Esta torre fai mil anos
que a fixeron os fenicios.
-      Tamén hai algúns indicios
de qu’é obra dos romanos.
-      Sodes na historia profanos
e en sentenciar mui lixeiros;
pois nin foron os primeiros
nin os segundos ¡aposto!
-      Tíranos da duda, Agosto:
dí ¿quens foron?
- ¡Os canteiros!

(1)    Fonte da imaxe de Francisco Añón: Poesías Galegas.
(2)    A Biblioteca Lírica Lar reuniu catro volumes: No desterro e Da terra asoballada, de Ramón Cabanillas, en 1926. Poesías Galegas de Francisco Añón, en 1928 e Bálsamo de Ferabás de Enrique Labarta, tamén en 1928.
(3)  Poesías. Follas Galegas. Francisco Añón. Prólogo de Uxío Carré Aldao. Imprenta e litografía de L. Lorman, A Cruña. 1920.
(4)  Francisco Añón. Real Academia Galega.


Ningún comentario:

Publicar un comentario