domingo, 28 de julho de 2013

SEGUNDO LIBRO DE COUSAS


SEGUNDO LIBRO DE COUSAS / Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel
24 de abril de 1929. Volume XXI
Nós, Publicacións Galegas e Imprenta. A Cruña
57 p ; 23 cm.

O Segundo libro de Cousas de Daniel Rodríguez Castelao foi editado por Nós na Coruña en abril de 1929; ano en que Castelao fixo a súa célebre viaxe a Bretaña para estudar as cruces de pedra, dando ao prelo o traballo As cruces de pedra na Bretaña, publicado nas edicións do Seminario de Estudos Galegos un ano máis tarde. (2)

A reedición do segundo libro de Cousas en conxunto co primeiro produciuse en 1934 (3). Ánxel Casal alude a este libro na entrevista concedida a Álvaro das Casas:

¿Proyectos?

Ninguno; descansar. Estoy rendido, desalentado, vencido. Ya no puedo hacer más. Acabaré de editar la segunda edición de «Cousas», de Castelao, primero y segundo libros en un tomo, y suspendo la editorial. Da pena, ¿verdad? Aquí tienes una obra maravillosa de Otero Pedrayo – «Fra Vernero» – (4) que ya no tengo fuerzas para poner en prensa. Algunos libros como «Contiños da Terra» (5), se venden muy bien, rápidamente, pero los más van saliendo con una lentitud que agota todas las resistencias. No puedo más. (6)

As cruces de pedra na Bretaña
Finalmente, como todos sabemos, este non sería o último libro editado por Nós. A editorial seguiu publicando os textos da mellor xeración de narradores galegos até o mes de xuño de 1936, e aínda habían ficar no prelo outras moitas obras dispostas para a edición e que non chegaron a editarse. Mesmo algunhas delas acabarían por perderse definitivamente (7).

Un exemplo senlleiro destes narradores foi Castelao, dotado dun carácter artístico renacentista e a quen resulta difícil encadrar nunha disciplina pois el foi, ao tempo, debuxante, pintor, comediógrafo, conferenciante, novelista, ensaísta, narrador … mais tamén, por necesidade e compromiso con Galiza, político. Sobre este aspecto afirma Eduardo Blanco Amor:

2ª Edición de Cousas
Non foi decote máis lonxe das eisixencias que lle impuña o seu liderado galego, que tampouco lle gorentaba dabondo. En todo caso i en relación coas súas verdadeiras preferencias ou convincións, a política sinificáballe, máis que outra cousa, unha ocasional ferramenta lexitimada para valoracións que eran alleas á súa intimidade pero que non lle era doado rexeitar dentro das manipulacións, dos partidos, prolongándose ao traveso dos gobernos pantasmas do eisilio. Nistas encomendas e falcatrúas, sempre andaba “como aboiando nelas” i “eisixindo, até o máisimo, o seu sentido da disciplina” (Frases de Alexandre Bóveda nunha conversa, en Pontevedra, a meiados do ano trinta e cinco). (8)

Resulta doado apreciar o compromiso político que impregna os textos de Cousas, manifestado decote nunha evidente denuncia social. Despois de todo, “Castelao é o único do grupo Nós que non nascéu «señorito» sinón fillo dun mariñeiro de baixura e logo emigrante”. (9)

Xa que logo, os dous libros de Cousas son unha chamada á conciencia dos galegos, coa intención de denunciar as eivas provocadas por unha sociedade inxusta. Non obstante non se trata unicamente dun documento de denuncia; a humanidade coa que Castelao trata as súas personaxes transforma os textos en pequenas obras de arte.

Sinopse da obra

O libro vai precedido dunha dedicatoria do autor:

A Florentina, rapaza que morreu de amor na feligresía de Loureiro o ano de 1857.

Castelao utiliza a morte da vaca e dunha cadela para evidenciar a distancia que afasta as clases acomodadas dos labregos. Mentres os primeiros dóense na súa fartura pola morte da mascota, os outros adoecen na miseria logo de perder a súa mantenza.

Moitos dos relatos tratan da pobreza, como sucede no caso da vella Fanchuca, quen “por ser tan probe e tan vella e por estar tan perto da morte, ía tornándose terra e xa se confundía de lonxe co-a lama dos camiños”.

Tamén hai varios textos que narran o desarraigo dos emigrantes, obrigados a deixar atrás terra e familia. Así sabemos do “negriño cubano”, afeito a vivir na Galiza e que xa non quixo volver ao seu lugar de orixe ou da muller que durante anos recibiu as cartas da nai morta, fabricadas piadosamente polo seu home.

E poucos textos describen con tanta precisión en que consiste a saudade como a historia dos mariñeiros varados nun porto afastado, e que despois de moito beber descobren no aire dunha cantiga a súa orixe galega.

O taberneiro, gordo coma un flamengo de caste, veu saí-los dous mariñeiros da taberna e pol-a sua faciana bermella escorregaron as bágoas. E dispois dixo para sí n-un laído saudoso:
¡Lanchiña que vas en vela!
Tamén o taberneiro era galego.

Tesouros agochados e golpes de sorte que esconxuran a pobreza nun abrir e pechar de ollos tamén ocupan espazo no libro, pois “con diñeiro pódese chegar a Excelentísimo Señor, según xa ten pasado e ainda pasará”.

A inxustiza é outra das teimas que Castelao describe servíndose da caveira do home “que roubaba con tod’a legalidade, aproveitándose d’unhas leises que o gardaban da xusticia do noso mundo” e agora fai as veces de peto das ánimas, condenado a recibir sobre a súa ánima, cadela a cadela, todos os cartos que roubou.

Pero, sobre todo, son contos cheos dunha fonda tenrura e humanidade, como a historia da fidalga que devecía por ter un fillo e, xa vella, a chocheira fíxolle crer que era nai.

A boa da fidalga ándalle decindo a todos.
-Non sabes? Nasceume un fillo.
E todos se botan a rir porque as xentes xa non saben emocionarse.


(1)    Fonte da imaxe de Castelao: ianasagasti.blogs.comianasagasti.blogs.comianasagasti.blogs.com
(2)    As cruces de pedra na Bretaña. Seminario de Estudos Galegos, Santiago de Compostela. Imprenta Antúnez, Pontevedra.15 de maio de 1930.
(3)    Cousas I e II Libro. II Edición. Nós, Pubricacións galegas e imprenta. Rúa do Vilar XV, Santiago de Compostela. 29 de setembro de 1934.
(4)    Fra Vernero. Ramón Otero Pedrayo. Nós, rúa do Vilar, 15. Santiago de Compostela. 19 de Santos de 1934.
(5)    Contiños da Terra. Manoel García Barros (Ken Keirades). Nós, Avenida de Linares Rivas, 50. A Cruña. 3 de abril de 1931.
(6)   Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 348.
(7)   “Sábese que entre os libros, ou orixinais que estaban a imprentarse figuraban: Auga Lizgaira de Ánxel Fole, Diario d’um médico de garda, de Luis Pimentel, (a primeira versión de Barco sin luces), Síntese do crime. Libro de debuxos, un libro con deseños de Seoane, e o Volume I dos ensaios de Otero Pedrayo. De Castelao estábase a imprentar a peza teatral Pimpinela. Tamén é moi posible que Castelao retirase o orixinal de As cruces de pedra na Galiza para modificalo. Perdeuse tamén o manuscrito dun libro de contos de Xosé Mª Álvarez Blázquez que se ía titular Os ruís”. Información extraída do libro: Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 161.
Por investigación propia tamén sei que nese momento estaban preparadas as primeiras probas de imprenta do libro Los Dominicos en Galicia (apuntes históricos), escrito por Aureliano Pardo Villar. O documento leva o selo de Nós, Pubricacións Galegas e imprenta e a data de 1935. Ao cabo o libro editouno a Imprenta do Seminario Conciliar en 1939.
(8)   Castelao. Eduardo Blanco Amor. Prólogo ao volume I da Obra completa. Akal Editor, Madrid. 1981.
(9)   Ibidem anterior.


sexta-feira, 19 de julho de 2013

A LAGARADA



A LAGARADA / Otero Pedrayo, Ramón
29 de xaneiro de 1929. Volume XIX
Nós, Publicacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña
53 p ; 17,5 cm.


A peza dramática A Lagarada escrita por Ramón Otero Pedrayo e incluída na colección de Teatro Galego da editorial Nós, foi editada na Coruña en xaneiro de 1929.

Esporeados por Castelao, os membros da Xeración Nós herdaron das Irmandades da Fala o interese por facer do teatro un elemento normalizador da cultura galega, dirixido principalmente ao público urbano. Desde o Rexurdimento, unha parte minoritaria dos lectores estaban afeitos a relacionar o idioma galego coa poesía e, en menor medida, coa narrativa. No teatro, en cambio, o galego ficaba reducido á caracterización dos tipos populares, con clara intención burlesca.

Nun intento por dignificar o teatro, os escritores destas dúas xeracións puxeron ao dispor dos “cadros de declamazón” espallados por todo o país un novo catálogo de pezas dramáticas, que agora non procuraban unicamente divertir o público senón tamén instruír, reflexionar e, sobre todo, concienciar sobre o uso do idioma.

Otero non foi especialmente prolífico neste eido. O autor cultivou principalmente a novela e o ensaio; non obstante, entre as súas obras atopamos media ducia de pezas dramáticas. E precisamente A lagarada será o primeiro destes textos.

O desengano do Prioiro 2ª Ed.
A Lagarada leva o subtítulo Lembranza d’unha tristeira vendima, e nela atopamos moitos dos elementos habituais na narrativa de Otero: as xeiras que rexen a vida no campo, a relación dos homes coa natureza, o valor supremo representado pola propiedade da terra e a necesidade de reproducir as tradicións herdadas dos antepasados.

Entremedias deste marco desenvólvese a traxedia que ten por protagonista ao señor Vences, un labrego acomodado enfrontado cos fillos e os criados, que ven nel un home despótico, obsesionado por exercer o control sobre a casa e nunca satisfeito co traballo dos outros. A morte do patrón a mans dun criado restablecerá a paz na familia.

Sinopse da obra

Desenrólase na ribeira do Miño no tempo da vendima en calquer parróquea entr’os Peares e Filgueira lonxe d’Ourense e de Ribadavia. No auto I pateo da casa do señor VENCES e na cociña que se franquea ô pateo. No auto II na bodega da mesma casa. No III no camiño emparreado e no monte de Medelo. A auceón no século XX con grandes anacos d’outros sigros que cobren c’o mantelo d’unha antiguidade relativa as cousas d’hoxe.

O acto primeiro desenvólvese no curro da casa do señor Vences. Deica a bodega chegan os carros ateigados con uvas.

Ao señor Vences lévano os demos pensando que os vendimadores perden máis tempo en comer e troulear que en apañar as uvas, e agora xa non traballan como nos seus tempos mozos.

No lagar xúntanse ás agachadas Delmiro e Basilisa.

Delmiro: (…) Eu toleo por ti. Teño arripios de febre … Bailando hoxe na moxega soilo tiña sospirar pra tí. Desleigada! (…)
Basilisa: Ista noite temos que falar … Despois de cear … Cando todos estean embobados ôs contos … Na fonte.

Vences, ademais de patrón, tamén é o amante de Basilisa, e Delmiro manifesta o seu odio contra el. O patrón a miúdo bota pestes dos traballadores e tamén da familia.

¡A min ninguén me quer! Estou afeito. Ises bocas podres dos fillos agardan pol-o meu corpo. Igoal qu’os corvos.

Venerando e Xohana, os fillos do señor Vences, critican a mesquindade do pai. Xunto con Roque, o marido de Xohana, Venerando decide reclamar o que lles pertence.

Da semana que ven non pasa. Prántome xunto d’un abogado. Imos pedir partixas. Si o come a xusticia, millor…

O segundo acto comeza aquela mesma noite.

Fai noite pecha no local escuro cheo pol-o bafo do viño que ferve agurgullante. A cubaxe figura un acugulamento de sombras mouras.

Vences reflexiona sobre a súa vida. Hai días acudiu con Basilisa ao avogado para cederlle as propiedades, pero xa estaba a piques de asinar as escrituras cando cambiou de idea.

Os fillos ser malos son, mais ista casa e ista bodega han ser pr’a xente da miña caste sexa boa ou mala. O meu verdadeiro sangue non corre pol-as suas veas mais alenta na casa, nas viñas, no lagar.

Os fillos e os vendimadores aínda dormen. Enfadado, Vences bota a todos da casa e decide limpar el mesmo a pipa de carballo.

¡Eu vou fregar a pipa de carballo! Aínda teño moitas vendimas por diante anque vos pese. Basilisa carrégame aixiña duas olas d’auga e traime a basoira nova.

Cando o patrón está a remexer dentro da Pipa, os catro – Venerando, Roque, Delmiro e Basilisa – teñen o mesmo pensamento:

O Delmiro cruza un ollar ca Basilisa. C’un pê dá â forra e a cuba rola hastra quedar ca boca apegada ô chán.

Horas máis tarde, os vendimadores dan co señor Vences morto dentro da pipa.

Coñécese qu’a nova vaise espallando pol-o val pois calan as cántigas e os aturuxares das vendimas. Loce un sol craro e óuvese o primeiro batelar de difuntos.

O acto terceiro comeza contra a noitiña do mesmo día.

Pol-o camiño emparreado alanca un fato de cregos. Háinos outos e enxoitos coma carballos con faciana, máns e ollos de paisano ou señor d’aldea que desdín da roupa talar. Estiveron n’un preceuto na parroquia veciña e veñen pra xogar ô tresillo e dispôr pr’o día seguinte o enterro do señor Vences da Alén.

Basilisa quere fuxir con Delmiro á cidade, pero el rexéitaa. Agora quere ser un lobo para os homes. No seu interior non hai piedade e ha cobrar os desprezos que soportou na súa vida.

Delmiro: Xa non preciso de ti. Ti tampouco precisas xa de mín. Contodo, douche as gracias. Adeprendíchesme o camiño … Podes cobrar o prezo ô fillo e ô xenro. Son ricos gracias a mín.
Basilisa: Maldizoado seias fillo da loba, que morras enforcado, que apodrezas na cadea …
Delmiro: Non latriques mais, miña xoia. Xa saberás de mín. Lévoche un coitelo menos afiado qu’as miñas intenciós. Mañán, hai feira no Carballal …

(1)     Fonte da imaxe de Ramón Otero Pedrayo: fundacionoteropedrayo.org



domingo, 14 de julho de 2013

BÁLSAMO DE FERABRÁS



BÁLSAMO DE FERABRÁS / Labarta Pose, Enrique
1928
A Cruña

99 p ; 17,5 cm. 

Bálsamo de Ferabrás, segunda edición póstuma do libro de poemas de Enrique Labarta Pose, editouse como cuarto e último título da Biblioteca Lírica Lar.

O libro non leva inscrita a data de impresión, pero con toda seguridade este foi o último volume literario impreso no obradoiro da rúa da Franxa 34, na Coruña. (2) No interior inclúe unha páxina de publicidade informando da publicación do primeiro tomo do dicionario galego-castelán de Leandro Carré, e sabemos que isto ocorreu en xullo de 1928.

Labarta Pose editou Bálsamo de Fierabrás en Madrid en 1889, nesta ocasión incluíndo poemas tanto en galego como en castelán e con prólogo de Alfredo Brañas (3).

Labarta, coetáneo dos escritores do Rexurdimento e colaborador habitual na prensa da época, cultivou principalmente a poesía de xénero humorístico. Tamén fundou varias revistas de corta duración como Galicia Humorística ou Galicia Moderna.

Na entrevista concedida a Álvaro das Casas en 1934, Ánxel Casal infórmanos dalgún dato da súa relación con Labarta (4).

Casal, ¿cómo empezaste tu vida de editor?

Una vez, en la Irmandade da Fala de Coruña, Viqueira y Antón Villar Ponte propusieron iniciar una serie de publicaciones, se llegaron a reunir 12.000 pesetas para comprar una imprenta, pero todo se quedó en proyectos. Más tarde me escribió desde Barcelona Labarta Pose, que había sido expulsado de Hacienda por la dictadura, proponiéndome fundar una editorial. No encontramos dinero.

Ademais de exercer como poeta e xornalista, Labarta traballou no ministerio de Facenda até a súa morte en Barcelona como consecuencia dun accidente ferroviario (5).

A lírica peculiar de Labarta utiliza o sarcasmo e a ironía para poñer en evidencia as trasnadas dos seus veciños. Ademais de humor os poemas tamén destilan fonda humanidade e enxeño, como non cabe esperar outra cousa dun dos “troianos” que inspiraron a novela de Pérez Lugín (6).

Sinopse da obra

Rúa da Franxa nº 32-34
O libro comeza cun prólogo en memoria de Labarta escrito por Uxío Carré Aldao, pai de Leandro Carré:

Inda que en folga facía longo tempo a pruma que produxera tantas estimabres obras e que o seu autor ingresara nos funcionarios do Estado, cabía agardar que acordase de novo a musa do poeta, mais a sua morte , ocurrida en 13 de Mayo de 1826 en Barcelona, a causa das feridas que recibira no choque de trens de “Las Palmas”, privou a Galicia d’un dos seus fillos, afortunado cultivador da sua lírica peculiar.

Segundo Carré, este cuarto volume da Biblioteca Lírica Lar había ser o primeiro da nova edición das obras de Labarta; cousa que non chegou a producirse.

O libro ábrese cunha composición humorística datada en 1896: Revista d’unha corrida ¿de touros? na vila de Noya (feita por un labrego).

«Mallábanse», tres becerros / das montañas de Barbanza; / presidían a función / o alcalde … y-a compaña; / compoñíase a «cuadrilla» / de tod’a xente da praza / os que pinchaban primeiro / eran «primeiros espadas»; / «picadores» … ¡tod’o mundo / ôs probes «bichos» picaba! / «banderilleiros» … ¡os coxos! / «capeador» ¡quén tiña capa! / os touros … ¡mártires dinos / quizais d’unha millor causa! / E con esto por sabido / escomenza … a foliada.

Deseguida outro poema titulado Carta que dend’a sua aldea manda un abogado novo á un seu amigo do pobo pra que soilo él a lea, denuncia os arranxos caciquís e as raposadas dos veciños.

E por este Ayuntamento / hai quen, posto á pleitear, / ¡é capás de enxuiciar / a Ley de Enxuiciamiento!

Tén dous bandos o lugar / e hai qu’estar á velas vir / pois cand’uns van á subir / tócall’ôs outros baixar.

Eu xa sabes, son prudente / e non me gusta arriscarme / pro co tempo … hei d’arrimarme / ô soliño que mais quente.

A fonte do demo trata con sorna as supostas meiguerías destinadas a desenguedellar as coitas de amor, da saúde, dos cartos “y-en fin outras moitas / cousas coma estas / que teñen pr’o caso / semellanza … a mesma, / qu’a que tén aquelo / co as catro témporas. / Cantas meiguerías  / hai na miña terra.”

O poema ¿Veñen eses cartos? Poesía dedicada ás 125 pesetas en sinal do moito cariño que lles tén o autor, foi premiado no certame literario celebrado en Pontevedra en agosto de 1886.

Fama … tampouco a deseo / ¡De fama á fame, respondo / qu’hai ben pouco según creo! / ¡E ca fama … non me cheo! / ¡E fame … xa teño abondo!

A continuación seguen os poemas Por qué fago estes versos, ¡O premio gordo de Navidá! e Epigrama:

A muller do comerciante / Arbo, quedouse sen xente, / pois morreulle o seu parente / o mesmo día qu’o amante; / ante perda somellante, / a probe quedouse fría, / e puxo no mesmo día, / sin qu’a razón se comprenda, / este letreiro na tenda: / Viuda de Arbo e Compañía.

A mirada irónica de Labarta tamén critica Os caprichos da moda:

Hoxe, que no candieiro / da moda está o polisón / ¿qué muller d’alto peteiro / ademais do seu traseiro … / non tén outro á prevención?

Defensa das mulleres é un longo poema inspirado no discurso do mesmo título escrito polo pai Feixóo. Logo o poeta chama pola inspiración en ¡Váiseme a musa! E deseguida temos o excelente poema ¡¡¡Probe gaiteiro de Bayo!!! onde narra a emigración de Xan Mella, quen deixa Baio con destino a América na procura de cartos.

¡Moito se falou de Xan! / ¡Moito todos o choraron! / Mais o tempo todo cura … / Pasou un ano i-outro ano; / Carmela casou con outro, / os amigos olvidárono, / seus pais morreron de pena / sin poder darlle un abrazo / ¡E ninguén mais pensou n-el!

O poema foi premiado nos certames de agosto de Pontevedra e Betanzos en 1886.

Entre as composicións do volume destaca, por inusual, o poema patriótico ¡Qué fermosa é a patria!

Por eso, Galicia, / o meu peito inframas, / i-ô mirarte escramo: / ¡Qué fermosa é a patria!

¡Meu orfiño! é un poema triste sobre a morte dun neno abandonado. O libro remata coa composición Canto á Pontevedra, “Premeada con duas onzas d’ouro no certame celebrado en Pontevedra no mes d’Agosto de 1886”.

Eu saúdote á ti, casa branquina
co teu emparradiño, xunt’a porta …
A ti, fontiña fresca e caladiña
que pasas marmurand’o o pé da horta …
¡Doces recordos d’unha edá qu’axiña
pra sempre se pasou …! ¡Pra sempre morta!
¡Patria … pirmeira edá … servos de groria …
xuntos formades unha mesma hestoria!

(1)   Fonte da imaxe de Labarta Pose: savonarolamiscelanea.wordpress.com
(2)   Posteriormente á edición de Bálsamo de Ferabrás, Leandro Carré había publicar en 1931 o segundo volume do seu dicionario castelán-galego, e aínda a segunda edición deste mesmo dicionario nun único volume en 1933.
(3)   Bálsamo de Fierabrás. Colección de versos en gallego y castellano. Librería de Fernando Fe. Madrid. 1889. 281 páginas.
(4)   Ánxel Casal (1895-1936) Textos e documentos. Dobarro Paz, Xosé Mª e Vázquez Souza, Ernesto. p. 346. Entrevista realizada por Álvaro das Casas a Ánxel Casal en 1934.
(5)   Aínda que Uxío Carré informa da morte de Labarta en maio de 1926, o texto anexo documenta que esta ocorreu en 1925: Enrique Labarta Pose. Apuntamentos para unha biografía. Xosé Manuel Varela Varela.
(6)   Pérez Lugín: “De Labarta es el desenfado y la ironía zumbona de Barcala, la socarronería y, sobre todo, el galleguísimo carácter”. Ibidem anterior nota.