sábado, 23 de agosto de 2014

DOUS FOLK-DRAMAS



DOUS FOLK-DRAMAS / Yeats, W.B.
28 de marzo de 1935
Nós, Santiago de Compostela
30 p ; 24,3 cm.

A obra dramática Dous folk-dramas do escritor William Butler Yeats foi impresa pola editorial Nós na rúa do Vilar de Compostela en 1935.

O libro reúne dúas pezas: Catuxa de Houlihan (Cathleen ni Houlihan) e O país da saudade (Land of Hearts, Desire), traducidas ao galego por Plácido R. Castro (2) e os irmás Antón (3) e Ramón Villar Ponte (4).

C’o pensamento posto nos coros enxebres pillamos d’un horto da Illa Verde co’a fouce druída do luar estas flores que enfeita o orballo celta da saudade, común a todol-os pobos da mesma raza, para ofrecerllas vizosas logo d’as ter transplantadas con labrego agarimo â nosa doce língoa atlántica feita salaios d’amor nos Cancioneiros. (parágrafo extraído do prólogo)

Yeats, natural de Dublín e premio Nobel de literatura en 1923, foi un dos protagonistas do rexurdimento literario irlandés e impulsor do teatro nacional irlandés. Seguindo esta iniciativa, Antón Villar procurou establecer anos máis tarde as bases do teatro nacional galego apoiándose nos textos fornecidos polos novos escritores dramáticos (Antón Villar, López Abente, Álvaro das Casas, Armando Cotarelo, Vicente Risco, Ramón Otero...) e nos Cadros de Declamazón formados por afeccionados e establecidos por todo o país.

Plácido R. Castro, Antón Villar e Ramón Villar

Antón Villar conta no prólogo do libro que o teatro galego aínda non tiña saído dos primeiros balbucidos e mantiña como guía a literatura dramática castelá, “que xa era calco servil â sua vez da pior e mais serodia literatura escénica do mundo”. O uso do galego na escena serve para facer proselitismo da lingua, pero esta intención non abonda para crear un teatro propio.

Este é o problema que Yeats, Synge e outros poetas irlandeses resolveron mergullándose na lagoa da saudade, común ôs pobos celtas, para ouviren os sinos da tradición con ouvido virxe e gracia santificante, cando xa se coidaban aqueles totalmente perdidos no sereo acougo do espello azul dos orixes. (parágrafo extraído do prólogo)

A identificación de Galiza con Irlanda non resulta casual na intención dos correlixionarios de Villar Ponte. Unha vez determinada a orixe común dos pobos nos referentes míticos establecidos por Murguía, o movemento de liberación irlandés pasou a ser visto con simpatía pola elite galeguista da época como exemplo de arredismo dun pobo irmán, membro da mesma nación celta que integra Galiza.

Na segunda metade de 1920, sobre todo despois da morte do alcalde de Kork por folga de fame, o conflito nacional irlandés pasou a ser o centro de atención de todas as chancelerías e de todos os nacionalistas europeos e as Irmandades tomaron o asunto coa importancia que realmente tiña. A influencia do Sinn Féin no nacionalismo galego deses días é tanta que o seu nome, que significa «nós» ou «nós mesmos», serviu para nomear a revista de Risco e Castelao, a exposición das láminas do rianxeiro e apareceu a partir de aí como unha palabra totémica que se multiplica nos manifestos, prosas e versos de todo o nacionalismo galego. (5)

A música e o teatro irlandés identificáronse co rexurdimento do espírito celta, poñendo en valor a capacidade artística deste pobo. No caso do teatro: Synge, O’Casey e Yeats foron os dramaturgos máis aclamados.

As pezas escollidas para esta tradución son Land of Hearts, Desire, estreada en Londres en 1894 e unha das pezas máis representadas do autor e Cathleen ni Houlihan, estreada en Dublín en 1902; drama onde a vella Cathleen representa, en palabras dirixidas polo autor á tamén dramaturga Lady Gregory, “a Irlanda en cuxa honra tantas lendas e tantas cantigas se teñen feito e pola redención da cal moitos homes deron a vida”.

Sinopse da obra

Catuxa de Houlihan

Interior d’un cottage en Killala; pol-o ano 1789.

Bríxida e Pedro Gillane miran a roupa de noivo de seu fillo Miguel que está a piques de casar con Delia Cahel.

Nunca matinei que tivese un fillo que poidera locir traxes tan galanos na data da sua boda, e que fose, endeben, tan escelente partido para unha moza.

Unha vella sube o camiño. No lugar fálase dunha forasteira que visita o país na véspera da guerra. Desde o pobo chega o balbordo e Patricio, irmán de Miguel, sae da casa para saber que está pasando. A vella chega á casa dos Gillane e entra para acollerse ao lume da lareira.

Pedro. Que tristura debe ser o non tere un leito propio para poder acochárenos n’ele.
Probiña. Xa pasano moitos tempos desd’a data en que eu escomencei a pelengrinare pol-o mundo.
Bríxida. Abofé é estrano que non estendes mais acabada con tanto andare por eses mundos del Señor.
Probiña. Cecais teña os pes cansos e as mans quedas pro o coraçón non atopa acougo nin repouso. Cando a xente óllame asín tranquía, coida que a vellés ténme pillado e que todal-as inquedanzas fuxiron de min. Pro, de súpeto, a anguria e a dolore son a me abraiare, e entón desacougada vou falar ôs meus amigos.
Bríxida. E que é o que vos fai andáredes a rolo, coma quen dí, pol-a vida, d’acó para aló?
Probiña. O habere moitas xentes alleas na miña casa.

A vella amósase magoada por térenlle roubado os seus catro campos verdes (Leinster, Ulster, Connaught e Munster) e canta para recordar os que morreron polo seu amor.

Probiña. Algúns dos que teñen morto xa vai pra centos d’anos, pra séculos, sen falar d’outros que han morreren mañán.

Os Gillane ofrécenlle cartos á vella, pero ela rexéitaos. Precisa dun bo corazón que se lle ofreza. Os que queren axudar a Catuxa, a filla de Houlihan e “teñen as fazúlas bermellas, terán as fazúlas enmagrecidas e marelas, por mor meu, pol-a miña culpa, pro halles parecer que recibiron boa paga”.

Miguel ten agora a mirada de lume. Bríxida tenta retelo ao carón dela recordándolle a voda, pero el está enfebrecido. Patricio volve traendo as novas do pobo: os franceses desembarcan en Killala. Tamén Chega Delia e pídelle a Miguel que non marche, pero el non escoita.

Miguel, céibase súpetamente de Delia e corre â porta: fica alí á escoita, como aluarado; despois bótase fora para seguir â Vella. Bríxida aloumiña a Delia que chora e salouca tremelante nos seus brazos.
Pedro. (Collendo a Patricio pol-o brazo) Di: ti viches unha vella que baixaba pol-o camiño?
Patricio. Non: pro vin unha moza que camiñaba com’unha raíña.

O país da saudade

O logar da aición na baronía de Kilmacowen, no condado de Sligo, e nun tempo antergo.

Martiño, Xoán e Bríxida, da familia Bruin, sentan a carón da lareira nun casal xunto co pai Hart. Bríxida boura no seu fillo Xoán porque Maruxa, a nora, soña decote coas fadas en lugar de traballar.

Unha man peta na porta e acena por Maruxa, quen acude levando unha cunca con leite.

Maruxa. Unha vella velliña, com’outra non vin en ningures toda enfeitada de verde.

Un vello pídelle entón lume e Maruxa acéndelle a pipa. Bríxida teme que a nora teña entregado a casa ao poder das fadas e relea con ela, mentres Maruxa pide ás fadas que veñan ceibala da casa triste onde vive, sempre bourada pola lingua aceda da sogra.

Fóra cantan e bailan os espíritos cativos. Martiño sae da casa e trae canda el a fada meniña. Todos fican engaiolados diante da súa beleza e simpatía. Ela ten a palabra xusta para cada quen.

A nena. Chamoume eiquí alguén, mandei os meus mensaxeiros por leite e por lume; voltou a chamárseme e entón viñen eu.

A fada veu procurar a Maruxa para levala ao seu mundo de xente leda. Os Bruin e o Pai Hart relean co poder da meiga, pero Maruxa déixase tentar polas súas promesas e morre decontado.

Xoan. ¡Ela morreu; está morta!
Bríxida. Arrédate desa imaxe; fóronse o corpo e a i-alma. Botáchel-os brazos arredor d’unhas follas apiladas pol-o vento ou do tronco d’un freixo que tomou a sua figura.
P. Hart. Asin pillan a sua presa os espíritos do mal, case da mesma man de Deus, e de día en día seu poder faise maior, moito maior, e os homes e as mulleres abandoan ôs vellos camiños honestos porque a fachenda ven a petar nos seus coraçóns c’os cotenos tentadores.

(1)    Fonte da imaxe de W.B. Yeats: es.wikipedia.org
(2)    Plácido Ramón Castro del Río. Intelectual galeguista. Foi un dos primeiros tradutores á lingua galega das obras clásicas da literatura universal durante os anos vinte e trinta. Tamén foi unha das voces galegas das emisións da BBC para Galiza nos anos da ditadura. Fonte da imaxe: igadi.org
(3)    Antón Villar Ponte. Xornalista, político e escritor; principalmente dramaturgo. Favoreceu o espallamento dos Cadros de Declamazón, instrumento do teatro nacional galego para achegar o idioma ao público e, particularmente, ao público urbano. Promoveu a fundación das Irmandades da Fala. Foi un dos artífices do tránsito do rexionalismo ao nacionalismo. Fonte da imaxe: realacademiagalega.org
(4)    Ramón Villar Ponte. Intelectual galeguista vinculado ás Irmandades da Fala. Foi fundador da agrupación de Ferrol e dirixiu a editorial Céltiga. Xornalista e ensaísta, tamén exerceu como alcalde de Viveiro durante a Segunda República. Fonte da imaxe: realacademiagalega.org
(5)    Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Editorial Galaxia. Vigo. 2009. Pp 224-225.



sábado, 16 de agosto de 2014

A ILLA DE ONS



A ILLA DE ONS / Das Casas, Álvaro
1934
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Rúa do Vilar, 15. Santiago
18 p ; 27,5 cm.

O traballo sobre A illa de Ons do escritor Álvaro María Casas Blanco forma parte das publicacións do Seminario de Estudos Galegos e foi impreso como separata da revista Nós en 1934.

Álvaro das Casas foi un destacado difusor da ideoloxía galeguista e fundador dos Ultreia – mocidades do Partido Galeguista –. Tamén exerceu como ensaísta, narrador, poeta e, principalmente, dramaturgo.

A editorial Nós editou simultaneamente o traballo sobre a illa de Ons como separata exenta e tamén apareceu incluído no número dobre 131-132 da revista Nós, correspondente á xeira novembro-decembro de 1934.

Esta monografía constitúe con toda probabilidade o traballo de entrada de Álvaro das Casas no SEG e nela realiza o primeiro estudo etnográfico coñecido sobre Ons.

Revista Nós 131-132
A illa de Ons carez de bibriografía; apenas unha lixeira reprenza nos dizonarios e mais ren. Rivera e Vázquez non falan dela, moi pouco Murguía, Rodríguez González pouco mais fai que nomealas o mesmo que Gallego Armesto o mestre Otero Pedrayo, tan compreto sempre, adícalle uns comentarios casi telegráfecos; Xurxo Lourenzo adícallos brebísimos (sic) e Xoán Carballeira fáille uns reportaxes no Pueblo Gallego mais sen saírese do senso xornalísteco que os motivaba.

Tanto esquecemento dos estudosos move ao autor a ocuparse das illas, que cualifica como un dos recantos máis atraentes e interesantes do país, expresando o desexo de que este traballo sirva como punto de partida para outros estudos máis profundos.

A illa abránguese nunha ollada que conmove e apaixoa: verdecente como a Erín das lêndas, ergueita como un castelo, cinguida de escumas e salseiros pol-o crebar impoñente das ondas nos cantís esgrevios; semella unha nao mitolóxica a pregar o rosario das illas do poente.

Sinopse da obra

O estudo está dividido en dez apartados: xeografía, historia, habitación, xente, supersticións, lendas e contos, xantares, festas, relacións xocosas e cancioneiro.


Respecto da xeografía, o autor fala da situación da illa e da súa morfoloxía. Tamén sabemos que é propiedade de Didio Riobóo, quen reside nela logo de comprala por trescentas mil pesetas.

A metade N. da illa é probe, pouco habitada e tristeira; a do sul rica, fermosa, máis habitada e leda (...) moran na illa 59 veciños facendo un total de 418 habitantes que se xuntan en 64 casas. Non hai crego, nen médeco, nen botica, pero si escola (...) os veciños moran na illa de aluguer e pol-a terra teñen de pagar renta ao Sr. Riobóo; non teñen ren nen a casa en que moran. Recollen moi boas colleitas e axúdanse co peixe que abonda moito nestas costas.

Das Casas non manexa información histórica sobre o lugar. Recolle as novas de Xaquín Lourenzo, quen fala da presenza de dous castros e algunhas mámoas, e identifica un deles, o chamado Castelo dos mouros que o autor tiña visitado antes na xeira en barco dos mozos Ultreia. (2)

Cornide di que a Ons e a Onceta son as Insulae deorum de que fala Ptolomeo. Outros fánnas dúas das dez Casitérides de que fala Strabón, e Murguía quer amostrar que a Ons é a Aunios de que fala Plinio.

A illa estivo deshabitada até comezos do século XIX cando foi repoboada por tres familias chegadas de Loira apelidadas López, Piñeiro e Comesaña. Os colonos rebeláronse contra o propietario, o marqués de Valladares, quen quixo desaloxalos e a piques estivo de morrer na revolta.

As casas dos habitantes das Ons son de piso baixo, con planta rectangular e chan de terra.

O dono ten divididos aos veciños en duas castes asegún a casa que teñen e a renda que pagan: os mais antigos e ricos labouran uns cincuenta ferrados e ocupan un casal, os mais probes, fillos que se foron emancipando por casorio os mais deles, labouran de 15 a 20 ferrados e ocupan unha caseta.

Sobre as xentes indica que “son tristeiros, pechos en sí, receosos, desconfiados”.

As mulleres traballan a terra de sol a sol. Os homes érgense con noite e saen ao mar; voltan de pesca ao meio día; xantan unha caldeirada e vanse a labourar na terra; cean unha cunca de caldo e déitanse moi cedo. Os nenos teñen conta do gando e axudan aos pais na pesca e nos traballos da terra. Non cantan nen xogan: son tristeiros de seu.

O autor afirma que este é un dos lugares galegos onde persisten máis supersticións. Tamén anota varias lendas e contos e dá conta dos xantares típicos nos días sinalados como a compota, as filloas e o bandullo. A única festa importante é a de Pascua, cando a mesa fica posta desde a mañá até o solpor.

O traballo escolma por último as cantigas populares que Das Casas afirma son acompañadas polo son do pandeiro.

Ao pasar as illas de Ons
acórdacheme meniña,
agora que van pasadas
coma si nunca che vira.

Vai dehí pernas de cabra,
pantorrillas de carneiro;
si queres falar conmigo
busca fianza primeiro.

Bailador que andas bailando
sacude ben os calzóns,
que parece que traes neles
un ferrado de abellóns.

Adeus as illas de Ons
con ventanas e vidreiras,
non me pesa de mais nada
senón das mozas solteiras.

(1)    Fonte da imaxe de Álvaro das Casas: bvg.udc.es
(2)    A xeira dos Ultreia tivo lugar entre os días 1 e 13 do mes de xullo de 1932. O grupo viaxou a bordo do paquebote Xaquín Pérez, percorrendo as rías baixas desde Muros deica Vigo.