sábado, 13 de setembro de 2014

RETRINCOS



RETRINCOS / Castelao
19 de Nadal de 1934
Nós, Rúa do Vilar 15, baixo. Santiago
Volume LXVI
61 p ; 17,5 cm.

O libro de relatos Retrincos escrito por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi impreso pola editorial Nós na rúa do Vilar de Compostela en decembro de 1934.

A edición inclúe sete gravados en madeira obra de Maside: cinco acompañan os textos, outro é un retrato do autor que acabaría por se converter nunha icona gráfica e o sétimo ilustra a capa do libro.

Castelao preséntanos as narracións como autobiográficas:

De todos xeitos hai retrincos en carne viva que poden amostrarse tal como se conservan na memoria, e aínda convén certificar da súa autenticidade. Son esas cousas que lle pasan a ún e que dá gusto que se crean cando se conta.
Por eso eu ofrézovos hoxe uns anacos da miña vida e prégovos que os tomedes por certos e verdadeiros; pero se coidades que son mentiras eu perdónovos por adiantado.

Dos cinco textos escolmados na obra, tres apareceron antes publicados en xornais e revistas:

Revista Nós nº 43
Peito de Lobo foi publicado por vez primeira en A Nosa Terra en 1919; tamén apareceu incluído posteriormente no xornal Galicia e na revista Nós.

O segredo e O retrato, xunto de novo con Peito de Lobo, foron publicados no número 43 da revista Nós, editada o 25 de xullo de 1927.

O inglés e Sabela permaneceron inéditos até a súa edición en Retrincos.

Coñecemos unha carta de Ánxel Casal dirixida a Castelao onde o editor ofrece información sobre as circunstancias que rodearon a impresión. (2)

Querido Castelao: Despois do que che dixen cando o traslado de Bóveda (3), agora que te trasladaron a tí sô se me ocurre botar â rúa os teus Retrincos, cuias probas adxunto. Coido que non estaría mal aumentar outro Retrinco máis con unha anécdota de aitualidade...

2ª Ed. Retrincos 1962
Sabela é o relato escrito expresamente para o libro por demanda de Casal, onde Castelao narra a súa chegada a Rianxo logo de obter a acta como deputado das Cortes da República en 1931, transformando unha anécdota que conecta a mocidade coa madurez do autor nunha sutil reivindicación da figura do Castelao político, tal e como pretendía o editor, coa evidente intención de burlar a censura.

A ausencia do autor e as présas do editor por sacar o libro á rúa, probablemente motivaron que este fose o único libro de Castelao non ilustrado por el mesmo.

Os relatos agrupados en Retrincos destacan pola simplicidade formal da narración, cerna do arraigo popular dos textos de Castelao. O autor cultivou a mantenta este estilo aparentemente espontáneo, que responde a unha vontade de concisión estilística e resulta propia dun artista gráfico, proxectando reflexións universais a partir de cativas anécdotas.

Os relatos están unidos polo mesmo fío condutor: a mestría final empregada para pechar os textos, provocando a sorpresa ou a reflexión.

Os contos de Retrincos están escritos de xeito que atinguen ao final un climax resolto, polo común epifonémicamente. O pechamento do conto é de particular brillantez, e gáñanos a aprensión de que o conto pode estar escrito en función do final. (4)

Son textos poéticos, cheos de humanidade, que non obstante expresan unha certa amargura provocada polo paso do tempo, confrontando a intensidade dos sentimentos e as ilusións da mocidade co escepticismo da madurez. Os acontecementos recrean anécdotas ancoradas na mente do autor, agora revividas co obxecto de recordar as persoas que compartiron con el ese tempo afastado e transcender os acontecementos para pescudar no fondo da súa ánima.

Sinopse da obra

O Segredo (asinado en Compostela en 1909)

Narra un dos primeiros recordos do neno Castelao durante a súa estadía na Pampa Central arxentina. O autor fálanos do medo ao contacto físico coa morte e do pacto de silencio establecido co pai para preservar a tranquilidade da nai, revelando un paso decisivo no proceso de maduración do neno ao asumir conscientemente o código de responsabilidade dos adultos.

O inglés (asinado en Rianxo en 1914)

O relato fálanos da alienación que a enxurrada patrioteira espallada polos xornais provoca no neno Castelao, quen decide matar un inglés para defender a honra do exército español derrotado na guerra de Cuba. Afortunadamente as necesidades fisiolóxicas vencen sobre os instintos homicidas e o neno fica durmido, permitindo fuxir ao burleiro inglés.

Peito de lobo (asinado en Placeres en 1918)

Castelao fala do paso do tempo partindo da argallada do mozo estudante quen constrúe un cabezudo inspirado no mariñeiro máis feo do pobo. Pasada a carraxe dos primeiros días, Peito de lobo ha sentirse reivindicado na figura que transcende a súa vida vulgar. Anos máis tarde, a mirrada figura do mariñeiro evocará o vigor da mocidade contemplando a figura do cabezudo. Castelao cóntanos como a desfeita da imaxe de cartón coincide coa decrepitude do vello mariñeiro.

O retrato (asinado en Pontevedra en 1922)

Este texto fálanos de como o pasado non está formado polos feitos ocorridos senón polo recordo que gardamos deles. O pai dun neno moribundo encárgalle a Castelao un retrato e o artista fabulará os trazos do mozo. Así o pai lembrará o neno sabendo que foi o fillo máis guapo de todos cantos tivo.

Sabela (asinado en Pontevedra en 1934)

Sabela foi a parella de baile de Castelao cando mozo. Ela ensináballe os pasos e el pagáballe coa súa ledicia de estudante. Cando Castelao volve ao seu pobo convertido en deputado, a regateira estragada polo paso do tempo e os traballos que un día foi a moza Sabela, agarda por el preto da casa dos pais para recoñecelo como o seu bailador, invocando o pasado que sae ao encontro do presente.

(1)    Fonte da imaxe de Castelao: realacademiagalega.org
(2)    Castelao exerceu como funcionario no Instituto Xeográfico e Estatístico de Pontevedra desde 1916. En outubro de 1934 foi trasladado a Badaxoz polo goberno conservador da CEDA durante o Bienio Negro, co obxecto de descabezar o galeguismo político. Carta de Ánxel Casal a Castelao. A carta non está datada pero semella corresponder a novembro de 1934. Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. P. 309.
(3)    O goberno da CEDA trasladou forzosamente a Bóveda á Delegación de Facenda en Cádiz en outubro de 1934 anticipando o traslado de Castelao, coa intención de empecer o desenvolvemento do galeguismo. A carta aludida por Ánxel Casal e dirixida a Castelao o 25 de outubro de 1934 di o seguinte: Querido Castelao: confirmo a miña de antonte. Acaba de estar eiquí Sebastián a comunicarme o traslado de Bóveda a Cádiz e apresúrome a poñerche istas liñas pra decirche que estou âs vosas ordes, como decote. Ocúrreseme que non vai ser doado o xuntarnos pra xantar co-il pero coido que o se debe facer e ir a despedilo todos o día que vaia a tomar posesión do novo cargo no que seguidamente debe pedir a escedencia, satisfacendolle todos nós o seu soldo. Dendo logo eu contribuio co que me corresponda e coido que farán o mesmo eiqui: Pepe Martínez López, Barreiro, Durá, Beiras, etc. Non é cousa de que os traidores â Patria fiquen rîndose ao ver como nol-o quitan de Galicia e tampouco podemos tolerar que ao pedil-a escedencia se perxudique no máis mínimo. Ánxel Casal (1895-1936). Textos e Documentos. Dobarro Paz e Vázquez Souza. Ediciós do Castro, 2003. P. 308.
(4)    Retrincos. Ricardo Carballo Calero. Revista Grial nº 47, Homenaxe a Castelao. Xaneiro-marzo 1975. Editorial Galaxia. Vigo.


1 comentario: