sábado, 20 de dezembro de 2014

MITIN



MITIN / Álvaro das Casas
San Xohan do 1936
Ed. Nós. Rúa do Vilar, 15. Santiago
22 p ; 17,5 cm.

A peza teatral Mitin escrita polo dramaturgo Álvaro María Casas Blanco e incluída na colección de Teatro Galego, foi impresa por Nós en Compostela en xuño de 1936.
Este título que había ser outro máis no catálogo da editorial Nós, acabou por se converter no último libro editado por Ánxel Casal, dando cabo prematuramente á súa actividade editorial que comprende dúas etapas: a primeira iniciada na Coruña xunto con Leandro Carré na imprenta Lar o 29 de novembro de 1924, inaugurando a Biblioteca Lar coa novela curta A miña muller, do escritor Wenceslao Fernández Flórez, e rematada en xullo de 1927 coa edición do libro de relatos humorísticos De como claudicou Xaquín Quiroga, do autor Xacobe Casal, na mesma colección.
A segunda etapa editorial comezou tamén na Coruña o 25 de outubro de 1927 coa presentación da Bibliografía da Prehistoria galega, escolmada por Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza-Brey; primeiro libro impreso pola editorial Nós e rematou en Compostela o 23 de xuño de 1936 coa impresión de Mitin, peza escrita por Álvaro das Casas.
Entre un título e outro transcorreron once anos e sete meses, e máis de douscentos corenta libros editados, ademais da revista Nós, o semanario A Nosa Terra e moitas outras publicacións, cartaces e folletos.
Ao tempo de pechar a actividade da editorial Nós, Mitin tamén completa a colección de Teatro Galego formada por dezasete títulos, seis deles escritos por Álvaro das Casas (2).
Mitin é unha obra de claro contido político onde o autor critica o caciquismo e confronta o idealismo de Xoquín, último elo das vellas liñaxes que gobernaron o agro galego, co pragmatismo dos labregos Mingos e Solón, incapaces de comprender o alcance das ideas do fidalgo.
Sinopse da obra
Os antepasados de don Xoquín foron os amos de Soutolongo. Agora o fidalgo empobrecido vive afastado da aldea logo de venderlle o pazo a un indiano, trocando o nome da Casa grande dos Quintás polo máis doméstico Villa Rosario.
Mingos e Solón, vellos aforados do pazo, veñen aconsellarse con don Xoquín sobre un asunto de terras. Solón fala castrapo e practica a xurisprudencia do camiño, enredando nos seus preitos os veciños de Soutolongo.
D. Xoquín: E vostede, Solón, como van eses xuicios de faltas?
Solón: A lo preceutive imos tirando. Aún onte le metí un intredito al Carpazas como para fendelo; pra eso bástome solo. Vostede bien sabe que non he sido juez de direcho por que no me petó la gana. Algo mais saco así: hoy una consulta, mañán una demanda, el otro de hombre bueno... Como me caigan las partixas del Abade de Roucos, limpo dez mil reás libres. Que me coma o demo si non.
Mingos pagou trinta mil reais por unha seara e quere saber se fixo un bo negocio. Solón acode como conselleiro de Mingos.
D. Xoquín: Fixeste ben; estremaba contigo i eisí quédache unha herdade moi xeitosa. En troques de esnaquizar as terras compre xuntalas, pra facer éidos de bon traballar; a mitade do tempo váisevos en ir deiquí pra acolá, co-as ferramentas, gastando o día pol-os camiños. As terras xuntas trabállanse mellor, vixíanse mellor, gastan moito menos, e parez que dan colleitas dobres.
Logo de aconsellalos, don Xoquín pregúntalles polas novas de Soutolongo.
Mingos: Pois o crego xa anda aos votos.
D. Xoquín: Faría mellor en se ocupar da eirexa.
Mingos: Cada serán aparescen pol-a porta os do concello.
D. Xoquín: Mágoa non aparesceren cada serán do ano, pra ollar como están os camiños, e as fontes, e a pontella d-enriba, e a casa da escola.
Mingos: Pechou por que vai pra dous anos que non-a pagan.
Solón apoia os conservadores e Mingos ten o voto comprometido con don Xeromo, o cacique, a quen debe unha chea de pesos e moitos favores.
D. Xoquín: Perde sete ou oito mil pesetas cada ano e gaña trescentos votos. Sáinlle ben pagos.
Mingos: Mais dése conta que con trescentos votos un home pinta e rabia. Vostede mal o pode entender por que nunca os tivo.
D. Xoquín: Tamén é certo.
Mingos: Dispón do concello como lle peta, fai o que quer na diputación, chámase de tú co gobernador, ten ao seu mandado a todol-os cregos, non paga bautizos, nen casamentos, nen cédula, nen contribucións, nen consumo, nen billete no coche de liña. Ténlle un bó momio.
Os labregos precisan do cacique para abrirlles as portas do concello ou do hospital e para pedirlle emprestados dez pesos cando faga falta. Claro que por Soutolongo tamén pasaron outros homes que falaban como o propio evanxeo, pero logo marcharon e agora non saben onde ir procuralos.
Mingos: Farán por min o que fai D. Xeromo? Meus amigos, eran tan pobres como eu!
Don Xoquín recoméndalles xuntarse por parroquias e resolver as leas de boa fe.
D. Xoquín: Eu endexamais fun un señorito. Traballei dende neno, fixen a pulso a miña carreira, gañei sempre pra o meu pan e pra manter aos meus; defendín sempre que a terra ten de ser pra o que a traballa, que as herdades hermas do señorío deberían ser ouxeto de incautación, que o que non traballa non ten dereito á vida; que os cregos non teñen nada que facer na política, que os políticos deberían sair direitamente do pobo, que unha sociedade que recoñece privilexios é unha sociedade que grorifica a servidume...
Os labregos son máis e mellores, deben organizarse e poñer en común os esforzos en beneficio da comunidade. Solón considérase un home de orde e pensa que o antigo fidalgo está tolo, pero don Xoquín afirma que a súa tolemia consiste en ver Galiza convertida nunha terra fecunda e farturenta.
D. Xoquín: Ti cres en min, meu vello Mingos?
Mingos: (Conmovido) Eu si. (Con moito medo) Pro non llo digo a ninguén.
PANO RÁPIDO
Consideración final
Por último quero compartir cos lectores unha consideración persoal, pois penso que sería unha fermosa homenaxe dedicada a Nós e ao seu editor representar sequera unha vez esta peza que puxo o ramo ao proxecto editorial galego máis ambicioso do século XX. O breve texto mantén hoxe en día todo o vigor e a actualidade coa que foi concibido por Álvaro das Casas para ser interpretado por un pequeno “cadro de declamazón” formado por tres persoas, e desde aquí poño o texto orixinal ao dispor de quen teña interese en representalo.
(1)    Fonte da imaxe de Álvaro das Casas: bvg.udc.es
(2)    Os volumes escritos por Álvaro das Casas son: A morte de Lord Staüler (1929), Pancho de Rábade (1931), Tres conversas (1931), Matria (1935), Rechouchío (1936), Mitin (1936).


Sem comentários:

Enviar um comentário