domingo, 25 de janeiro de 2015

FUXIDOS...



FUXIDOS... / López Abente, Gonzalo
Outono de 1926
Lar, revista mensual; número 26. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
51 páx. ; 16 cm.

A novela Fuxidos... foi escrita por Gonzalo López Abente e publicada co número vinte e seis na colección de novela breve Lar en outubro de 1926.

Esta obra completa un ciclo narrativo ambientado por López Abente nas vilas costeiras da Costa da Morte e que reúne catro títulos: O diputado por Veiramar (1919) (2), O novo xuez (1922) (3), Buserana (1925) (4)  e Fuxidos... (1926).
  
O autor emprega materiais como a corrupción, o caciquismo, as lendas máxicas, a vida nos pobos mariñeiros e os traballos do mar para tecer tramas descritivas e pouco complexas onde manifestar o seu compromiso político a prol da causa galeguista, procurando espertar a conciencia dos lectores.

Pobres pescos que tantos traballos teñen que pasar para comeren un anaquiño de pan! (Fuxidos...)


O diputado por Veiramar / O novo xuez / Buserana / Fuxidos...

En Fuxidos... a paisaxe agreste da costa e o mar tumultuoso adquiren a categoría de personaxe e serven como pano de fondo para a traxedia que arrasa as vidas de Arturo e Loísa durante unha noite de inverno.
 
A novela vai precedida dunha nota dos editores:

A noveliña que hoxe pubricamos (...) fai cáseque un número dobre pol-as páxinas que leva, ocasionándonos un gasto proporcionado ao seu volume; mais non por eso aumentamos o prezo, desexando que os nosos leitores vexan a nosa boa vontade para os compracer, proporcionándolles novelas interesantes e ben escritas que lles den prena satisfaición, ainda impoñéndonos sacrificios; porque a nosa empresa non é industrial, senón patriótica. Queremos contribuir ao engrandecimento da Literatura Galega, da Cultura Galega; e por eso traballamos con fé, e afiuzados na crecente afición â leitura de libros galegos, de bôs libros, e co-a espranza d’unha axuda sincera e intensa para espallar as nosas pubricacións por parte de aqués que sintan as mesmas arelas de engrandecimento espiritual da nosa raza. (..)

Raza, patria, cultura, literatura; conceptos que guiaron os actos de Ánxel Casal e Leandro Carré, determinando o seu compromiso galeguista materializado, entre outros aspectos das súas vidas, na fundación das editoriais Lar e Nós.

Sinopse da obra

Fuxidos... está ambientada na vila de Muxía, nos últimos días dun mes de febreiro.

O mar, remexido e convulso, brua escumante nos cantiles enchendo o âr d’un grave e longo balbor.

Os veciños comentan os sucesos da noite, cando dous namorados fuxiron do pobo e unha tormenta esnaquizou o adro do templo de Nosa Señora.

As paredes, ben feitas e barudas que arrodeaban a igrexa, desapareceran coma por arte de encantamento; nin unha pedra quedara no seu sitio; revoltas e espalladas amontoabanse pol-o chan en desorden.

Arturo viviu no pobo cando neno. Daquela seu pai era notario e agora volve para hospedarse na casa da señora Ramona, a nai de Loisiña.

Levámonos tan ben as duas familias! o meu difuntiño era oficial da notaría e o seu finado pai apreciabao moito. A sua nai tamén era moi boa. Meus pobres, todos van alá!

O mozo ten trinta anos e pretende recompilar material sobre a costa para os seus escritos. Loísa está casada con Pepe desde hai ano e medio. Agora vai para un ano que o home marchou a América.

Aquí todos lle fan o mesmo. Van a fora, volven. Cásanse na terra e volta a marcharen. Non hai remedio. Aquí non se gana nada.

O escritor deixa a pousada polas noites para ir percorrer os camiños da beiramar. Cando volve todos dormen agás Loísa, enguedellada nos traballos da casa; ela é o motivo para o mozo prolongar as camiñadas nocturnas. Aos poucos, a muller esquece do home emigrado e Arturo ocupa o seu lugar.

Arturo decide entón volver á cidade temendo desbaratar nun arrouto a paz do fogar da señora Ramona, pero Loísa pídelle que non marche durante a última noite que pasa na pousada. Logo sae correndo camiño da igrexa seguida por Arturo, quen chega onda ela cando a tormenta bate con forza na porta do santuario.

A resaca escumante, impetuosa e cega arrastróu aqueles dous corpos fortemente abrazados, a tombos e a trastazos por enriba dos duros penedos, ao fondo dos abismos.

A narración tamén describe un lance onde tres mariñeiros foron rescatados por un vapor cando estaban a piques de naufragar. Hai pouco apareceu nun xornal o recordo dun suceso idéntico ao relatado polo autor, ocorrido en 1926 na costa de Muxía. Resulta moi probable que este feito inspirase parte da narración de Fuxidos. Na seguinte ligazón pode consultarse a nova.

(1)   Fonte da imaxe de Gonzalo López Abente: LaVozdeGalicia.es
(2)   O diputado por Veiramar. Gonzalo López Abente. Imprenta Nova, 1919. A Cruña.
(3)   O novo xuez. Gonzalo López Abente. Céltiga, novela mensual ilustrada nº 4. Editorial Céltiga, xuño de 1922. Ferrol.
(4)   Buserana. Gonzalo López Abente. Lar, revista quincenal nº 11. Imprenta Lar, 18 de xullo de 1925. A Cruña. Comentario publicado neste mesmo lugar en setembro de 2012.


Sem comentários:

Enviar um comentário