sábado, 31 de janeiro de 2015

O FILÓSOFO DE TAMARICA




O FILÓSOFO DE TAMARICA / Xulián M. Magariños Negreira
Novembre de 1926
Lar, revista mensual; número 27. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
26 páx. ; 16 cm.

A novela O filósofo de Tamarica foi escrita por Xulián Manuel Cipriano Magariños Negreira e publicouna Lar co número vinte e sete na súa colección de novela curta en novembro de 1926.

Meses antes Magariños presentou nesta mesma colección a novela O kalivera 30 H.P. (2). Estes dous relatos humorísticos gardan certa semellanza estilística e temática cos textos de Wenceslao Fernández Flórez, a quen correspondeu inaugurar as publicacións da editorial Lar en 1924 coa novela A miña muller. (3)

Os dous textos foron as únicas obras literarias de Magariños, quen faleceu prematuramente antes de facer os trinta anos.

O filósofo de Tamarica é un relato satírico onde Magariños critica o culto aos supostos sabios que non acreditan mérito ningún pero son loados por todos, sen que os afervoados seguidores se atrevan a facer pública a súa completa ignorancia sobre a obra do homenaxeado. O consenso creado pola tradición protexe das críticas o legado destes patriarcas.

Sinopse da obra

Cibrán Teixido, con ática eleganza, arredou a tixeira da cachola do parroquiano, e seguíu cortando no ar, facéndoa repinicar artísticamente.

O mestre barbeiro exerce o oficio en Tamarica, onde hai dous bandos “que ainda sin ter ourentazón política nin ideoloxía relixiosa, levábanse tan mal como si a tiveran”. Dunha banda están os “aristócratas”, clientes da barbería do culto Cibrán Teixido, “cal o proba o feito de lêr cáxeque todol-os días o xornal e de falar en castelán côs forasteiros”. Da outra reúnese a burguesía e a clase baixa, clientes da barbería de Chinto de Pedralonga.

As diferencias entre os inimigos avéntaas A Voz de Tamarica; unha folla voante onde os dous bandos plasman os seus intereses.

Cando un tamarico quería alcumar a outro, ou descubrirlle segredos, escribía un artigo e mandábao a “A voz de Tamarica” con un billete de cinco pesos dentro (...) decontado chegaba âs mans do insultado o artigo de referenza. Entón cheo de carraxe, mandaba percurar un cadernelo de papel de barba e escribía outro artigo contra o autor do primeiro; e meténdolle cinco pesos dentro, mandábao a “A voz de Tamarica”. E así sucesivamente.

Un día chegou a nova a Tamarica: a Sociedade Internacional de Filósofos e Profundadores tiña designado don Pedancio Casanova como sabio de número.
Este don Pedancio imitaba os filósofos antigos levando a vida tranquila e retirada dun pensador xermánico. El era un filósofo consagrado que nunca escribira ren.

Os veciños organizaron unha velada para homenaxear o sabio e tempo despois chegou ao pobo un mozo no coche de liña que puña en contacto Tamarica co resto do mundo. Chamábase Galo Penedo, era novelista e dixo ter publicado trinta e dúas novelas.

-      Debe sacar moitos cartos da venda das novelas, porque hoxe en día lêse moito.
-      Regular, regular; emporiso, mais que a venda de libros dá o reparto de persoaxes.

Penedo explicoulles que cando en Madrid un novelista famoso estaba a piques de comezar unha novela, pola súa casa desfilaban persoas principais comprando o dereito a aparecer nela. O mozo vendeu algúns personaxes entre os tamaricos cultos e ademais propuxo organizar a colecta para erixir un busto ao ilustre pensador.

Il mesmo encetou a lista con cincoenta pesetas, e encarregouse, coa aprobazón de todos, de recoller os cartos axuntados.

Penedo tamén obtivo algunhas xoias da sobriña do filósofo e logo desapareceu do pobo sen que volveran saber del.

Os seareiros de Chinto de Pedralonga sacaron unha boa rexouba de todo aquilo. Os clientes de Cibrán Teixido preferiron esquecelo. Pouco tempo máis tarde o filósofo enfermou e logo morreu.

Dimpois de soterrado os seus íntimos amigos dirixíronse á casa fondamente emocionados. Era tempo de dar á coñecer os profundos traballos do sabio de número da Sociedade Internacional de Filósofos e Profundadores. Ían dispostos á esculcar o que don Pedancio tivese escrito (...) Na mesa de traballo acougaban sete ou oito kilos de cuartelas en branco. Unha soia estaba escrita: “Consustanciación filosófica do pensamento humán – Capítulo I”. E non decía máis. Os seus íntimos non dixeron a ninguén o que atoparan (...) D. Pedancio Casanova, é hoxe un dos valores mais indiscutidos da raza branca.

(1)   Fonte da imaxe de Xulián Magariños: gl.wikipedia.org
(2)   O Kalivera 30 H.P. Xulián Magariños Negreira. Lar, revista quincenal nº 18. Imprenta Lar, febreiro de 1926. A Cruña. Comentario publicado neste mesmo lugar en outubro de 2012
(3)   A miña muller. Wenceslao Fernández Flórez. Lar, revista quincenal nº 1. Imprenta Lar, 29 de novembro de 1924. A Cruña. O ilustre Cardona. Wenceslao Fernández Flórez. Lar, revista mensual nº 37. Imprenta Lar, setembro de 1927. A Cruña. Os dous libros foron comentados neste mesmo lugar en setembro e marzo de 2013, respectivamente.
 

Sem comentários:

Enviar um comentário