sábado, 21 de fevereiro de 2015

A FESTA DOS MAIOS



A FESTA DOS MAIOS / Xosé Filgueira Valverde
1927
Imprenta Lar. Franja, 34 - A Cruña
63 páx. ; 24 Cm.

A separata exenta dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos A festa dos Maios. Papeletas de folklore galego, escrita polo polígrafo Xosé Filgueira Valverde e tamén incluída no primeiro volume dos Arquivos do SEG, foi publicada por Lar en 1927.

Tanto este primeiro volume dos Arquivos como as separatas que o integran foron impresas por Leandro Carré en solitario no obradoiro da rúa da Franxa, onde trasladou a imprenta Lar logo da separación de Ánxel Casal.

O traballo recibiu un premio na Festa da Lingua Galega de 1924, onde tamén foi premiada a novela Pantelas, home libre escrita por Ramón Otero Pedrayo e publicada por Lar na súa colección de novela breve (2). Tradicionalmente estas festas celebrábanse en Compostela organizadas pola Liga de Amigos de Santiago.

Os Maios son festas de orixe ancestral que celebran a fin do inverno e o comezo da primavera. Estes Maios represéntanse mediante símbolos naturais como árbores, obxectos que as representan e tamén persoas cubertas por pólas e flores.

Filgueira conecta no traballo os ritos primaverais dos Maios; unha tradición xa esmorecente no seu tempo, co culto ás árbores tamén presente noutros países europeos. Ademais pretende dar unha visión diversa da celebración, escolmando ritos e cantigas recollidos por toda Galiza.

Sinopse da obra

Os Maios son as festas primaverais en que os galegos matan simbolicamente o inverno e fan xurdir o verán, representado por unha árbore, unha póla ou unha persoa disfrazada, celebrando que a terra acorda logo dos fríos invernais e o aumento da luz do día provocado polo devalo do sol.

As festas acabaron inevitablemente asimiladas polos novos ritos cristiáns e teñen lugar entre marzo e maio, formando parte do calendario de moitos pobos europeos.

D’iste xeito as Carnestolendas e a Pascua recolleron en algúns lugares as costumes da espulsión do inverno, o mes de Maio adicouse á Virxe María, a Santa Cruz tén en Maio a sua festa, o Corpus, especialmente entre nós, absorve as danzas de primadeira i-en San Xohán e San Pedro culminan as festas do estío.

Filgueira evidencia o carácter ancestral dos ritos agrícolas, falando das prácticas naturalistas dos Priscilianistas e da persecución das cerimonias pagás levada a cabo polos bispos cristiáns. As poesías populares provenzais evocan estas primeiras bailadas primaverais, que tamén deixaron pegada na poesía popular galega.

Bailemos nós xa todas, todas ai amigas
so aquestas avelaneiras floridas;
e quen for belida, como nós, belidas,
se amigo amar,
so aquestas avelaneiras frolidas
virá bailar (Airas Nunes).

OS MAIOS EN GALIZA. O autor recolle as cantigas e costumes das festas dos Maios en distintos lugares de Galiza e describe polo miúdo o xeito de celebrar a festa en cada pobo, destacando o costume de “alumiar o pan” para que medren as colleitas e tamén o ritual de chantar nos agros pólas enchoupadas en auga bieita.

Outro costume estendido por Galiza son as árbores de Maio. Non obstante as raíñas, presentes nas festas primaverais de toda Europa, non aparece aquí e son substituídas por homes cubertos con follas.

En moitas localidades o Maio é un rapas adobiado con follas e froles que sai po-las rúas o día primeiro de Maio rodeado por outros nenos cantando cantigas tradicioales e pedindo maiolas, castañas pilongas e noces.

CONCORDANCIAS

O costume de acender lumes polo Maio concorda coa festa céltica Beal-tene (Fogo de Deus), cando os mozos acendían fogueiras nos outeiros o día primeiro de maio.

Festa do Maio. Cambados. 2009
A árbore de Maio tamén ten infindas variantes e a tradición de chantar ramos nas leiras, enfeitar as casas e enramallar carros é unha práctica estendida por Europa, como tamén as roldas de mozos cantando polas casas á procura de cartos, comida ou bebida.

Outros elementos dramáticos como as máscaras de Pentecoste, das que derivan peliqueiros e outras carautas do entroido, celebran a expulsión e morte do inverno en lugares tan afastados como Rusia e Escocia.

En Portugal como en casi toda Galiza pídense castañas: é preciso comelas o 1º de Maio pra non levar o burro. No Poitou é o viño branco. En Rulha ovos, crema, lambetadas. En Salzwedel ovos e manteiga. É unha circunstancia accidental cambiable según o gosto e o clima dos paises que en nada influie o senso de festa dos Maios.

CANTIGAS DOS MAIOS

O volume péchase cunha escolma de cantigas, identificando o lugar onde foron recollidas.

Principiamos a cantar / todo o millor que poidamos / para ver si deste xeito / algo pró Maio quitamos. (Escomenzos. Santiago)
Escoiten as fatigas / d’este probe Maio / que ó chegar á calle / quedouse estrangoado. (Escomenzos. Ourense)
A canta-lo Maio / señores acá vimos / e para canta-lo / licencia pedimos. (Petición de licencia. Pontevedra)
Cantar cantaremos / do Maio o redor / ó señor Alcalde / e ó Gobernador. (Saúdo. Ourense)
Aquí ven o Maio / e traio estas flores; / ehí ven San Xohan / que as traerá mellores. (Alusión ao Maio. Vilagarcía)
Echeno-lo Maio / señores caballeros / si no tienen Maio / échennos dinero. (Petitorios. Viveiro)
Ahí ven o Maio / señor coronel / boten maiolas / da ucha do mel. (Petitorios. Mondoñedo)
Vaian dando a propina / porque ben a merecemos / teñan compasión de nós / porque somos moi pequenos. (Petitorios. Lugo)
Deano-las maias / señor cura, dea, / das que lle sobraron / da sua coresma. (Petitorios. sen identificar)
Levántate Maio / fuxe d’eiquí rexo / que si saen os caciques / ándanche co pelexo. (Remate. Ourense)
Nas salas da Xusticia / para mor profanación / fabrícanse hoxe os novos / caciques na nación. (Copla de maldizer. Ourense)
Señoras e señores / poñan atención / que vamos falare / do gobernador. / Nin é alto, nin é baixo / nin é malo nin é bó / parece un reló parado / dentro da Diputación. (Copla de maldizer. Pontevedra)

(1)   Fonte da imaxe de Xosé Filgueira: filgueiravalverde.blogspot.com.es
(2)   Pantelas, home libre. Ramón Otero Pedrayo. Lar, revista quincenal nº 8. Imprenta Lar, 6 de xuño de 1925. A Cruña. Comentario publicado neste mesmo lugar en setembro de 2012.

 

sábado, 7 de fevereiro de 2015

O VIGAIRO



O VIGAIRO / Xosé Filgueira Valverde
Febreiro de 1927
Lar, revista mensual; número 30. Imprenta Lar, Real 36 – 1º A Cruña
22 páx. ; 16 Cm.

O Vigairo foi escrito por Xosé Filgueira Valverde e publicado por Lar co número trinta na súa colección de novela curta en febreiro de 1927.

Durante anos Filgueira publicou principalmente ensaios científicos de carácter diverso, malia ter escrito tamén de xeito máis esporádico colaboracións xornalísticas, poesía, teatro e narrativa. Precisamente desta última deu ao prelo tres títulos: os contos reunidos no volume Os nenos (2), editados por Lar en 1925 e que había inaugurar as publicacións fóra de colección da editorial; o libro O Vigairo, editado en 1927; e a reedición ampliada de “Os nenos” presentada pola editorial Galaxia en 1971 baixo o título Quintana Viva. (3)

Resulta común nos tres textos narrativos a evocación soidosa do pasado inmediato localizado na infancia e que, lonxe de ser a patria morriñenta de Rilke, deixan un pouso triste no lector. Neles destaca tamén o uso exquisito da linguaxe, reflectindo a vontade de Filgueira por establecer un rexistro antropolóxico do uso popular da lingua.


Na obra O Vigairo, Filgueira fálanos de Xohan de Pontevedra, un vello mariñeiro respectado polos mareantes do Morrazo e o Salnés. Tradicionalmente os vigairos eran veciños designados pola comunidade para representar os intereses comúns diante do concello e organizar as festas da parroquia.

Sen chegar a ser unha novela; tampouco un conto, O Vigairo reúne unha colección de notas soltas escritas con prosa poética, retallos na vida do vello mariñeiro que encarna a memoria de Pontevedra e serven ao autor para evocar a vila de antano, recuperando os lugares e costumes sepultados pola cidade moderna.

O texto esta incluído no catálogo de publicacións do Seminario de Estudos Galegos e Filgueira dedicoullo a Casto Sampedro. (4)

Ó meu mestre D. Casto Sampedro e Folgar que na Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra adicou o esforzo de unha vida, ó estudo da nosa hestoria, ofrezo, ca máis fonda ademiración, estas follas, nas que quero faguel-a miña cántiga a boa vila mariñeira de antano.

O número 39 da revista Nós, de marzo de 1927, inclúe un breve comentario anónimo sobre a novela, que puido ter sido escrito por Vicente Risco.

Escrita n-un galego requintado e por vegadas difizile, é o poema simbólico de Pontevedra e da Moureira, o poema da dinidade, da fidalguía plebeia da nosa xente mariñeira, que co-a labrega é o Sal da terra: democracia e tradición, a y-alma da raza. O Vigairo é tamén a persoificación das virtudes ancestrás; os seus pensamentos e as suas verbas son a executoria moral do pobo. En poucas liñas, o pasado todo de Pontevedra ponse diante dos nosos ollos n-unha síntese de xeito romántico. Pol-o demais, na noveliña pouco pasa: non pasa mais qu’o que ten que pasar pra qu’o Vigairo s’erga diante do leutor de corpo inteiro con nobreza e eixempraridade.

Sinopse da obra

PRANTO O MAR DA MOUREIRA. Cal que un vigairo doa a eirexa da Nosa Dona un cotibaldo, broslado, de prata, quixérate eu doar un cotibaldo de ondas, meu mar, ti que deches á terra a prata farturenta dos teus peixes.

O VIGAIRO. O Vigairo Xohan de Pontevedra é coñecido e respectado nos arciprestados de Morrazo e Salnés porque fala como os vellos mariñeiros.

A VILA DO VIGAIRO. Filgueira descobre os pobos que forman Pontevedra comezando polo mariñeiro da Moureira, onde vive o Vigairo. Alí está a igrexa de Santa María, ergueita cos cartos dos pobres.

Unha noite erguerá velas. O manto albeiro da Virxe Branca fenderá a xerfa estrelecida.

Fálanos tamén dos pazos edificados con pedra tallada, da ribeira, dos peiraos, da xente que traballa a terra...

É un pobo de señoríos e mosteiros, con mestos pinales e leiras vizosas, agros de pan e viño, prados rachados pol-o meandro dos regatos que moven as suas i-augas entre soutelos de salgueiros e ameneiros, pomares e ortas; que ruben pr’a montana.

E aínda ten Pontevedra outro pobo que nin é da terra nin do mar, acougo de artesáns e burgueses, trunfo do estilo administrativo e das virtudes cívicas: orde, crítica, urbanismo.

A vila fuxindo do mar saeu pol-a rua do Progreso cara Castela. Madride dou realidade ós seus anceios. Fixo da ría un regato e asomellouna, de cheo, ás vilas casteláns.

O SINO DO VIGAIRO.

O vigairo andivo moito pol-o mar e pol-a terra. Loitou cas augas e cos homes e gardou nas suas lembranzas mais balbordos ferventios que agarimos de praceres.

O Vigairo foi pobre e traballou arreo como calquera outro mariñeiro: pingas de auga no mar sen deixar pegada da súa dor.

OS DITOS DO VIGAIRO. Filgueira escolma pasaxes na vida do Vigairo adubados coas súas sentenzas.

Un señorito foi dar un borde na sua gamela. A i-auga dos remos salseaballe a roupa e queixábase moi cricas. O Vigairo ía decíndolle.
     - Ai rapás este é o polvo do camiño.

A VIDA DO VIGAIRO.

Nas festas do Corpus tiña ido, de pequeno, baixo as andias de San Telmo tendo os puchos dos que o levaban. Pasado o tempo, cando era xa un mozo circio e forte levou o San Miguel e daba xenio velo botar a despedida. De home andado levou un varal do palio – ritmo de remos nas augas – e de vello a insinia do Teucro.

O Vigairo botaba as contas da vida medindo o paso dos anos pola festa do Corpus.

A DOR. El viu derrubar todo canto construíron os antepasados e determinou non saír da Moureira para non ter que se laiar do alleo tendo perdido moito na casa.

A FILLA DO VIGAIRO. A Raíña foi alta e forte, e ninguén levou coma ela a garrideza con tanto señorío. Ao cabo morreu pobre e famenta logo de fuxir da casa atrás dun armador.

A GRAN FESTA. O Vigairo está cego e non ten que o leve á festa do Corpus. Sae da casa ás apalpadelas á procura das lembranzas na festa dos mareantes e imaxina estar na procesión cando cae no regato que pasa por diante da súa casa e afoga.

(1)   Fonte da imaxe de Xosé Filgueira: filgueiravalverde.blogspot.com.es
(2)   Os nenos. Xosé Filgueira Valverde. Editorial Lar, 25 de setembro de 1925. Impreso en Pontevedra, na imprenta de Antúnez. Comentario publicado neste mesmo lugar en setembro de 2012.
(3)   Quintana viva. Xosé Filgueira Valverde. Editorial Galaxia, 21 de Nadal de 1971. Vigo.
(4)   Casto Sampedro e Folgar. (Redondela, 1848 – Pontevedra, 1937) Musicólogo, antropólogo e historiador.