sexta-feira, 20 de março de 2015

OS DOUS DE SEMPRE



OS DOUS DE SEMPRE / Castelao
25 de xullo de 1934
Editorial Nós, Rúa do Vilar, 15. Santiago.
Volume LXIII
273 p ; 19 Cm.

A novela Os dous de sempre escrita por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi impresa por Nós en Compostela en xullo de 1934.

A edición deste libro o día de Galiza de 1934 coincidiu coa impresión dos volumes O silenzo axionllado (Ricardo Carballo Calero), A romeiría de Xelmírez (Ramón Otero Pedrayo) e Os evanxeos da risa absoluta (Antón Villar Ponte), no que para Vicente Risco constitúe un feito destacado:

Falouse moito pra o que s’adoita falar en Galiza dos libros galegos dos catro aparecidos o Día de Galiza, catro libros deitados â rua n-un soilo día, coma quen deita na mesa os catro reis n-unha xogada decisiva. (2)

Os dous de sempre foi tamén a única novela escrita por Castelao, quen até ese momento cultivou principalmente a narrativa instantánea.

Sendo mozo pintóu, dunha vez, una pola dunha mazaira frorescida, e pode asegurarse que naquela soia pola ía pendurada unha primaveira chea de recendos e de chíar de paxaros. (3)

Ou como tamén dixo Risco: Castelao é un artista dos contos que non son contos, pois cada un deles é unha novela comprimida nunha páxina breve e intensa como o pé dunha caricatura, recadando a síntese da vida enteira dun personaxe nunha soa liña. (4)

E Castelao utiliza esta mesma técnica na súa novela como de novo apunta Risco, porque cada capítulo arredado dos outros constitúe un relato breve independente, o cal representa un exercicio de virtuosismo narrativo.

Os episodios van acompañados dunha ilustración do autor, como tamén a capa onde alude á personalidade dos protagonistas: Pedro, quen vive a rentes do chan como a ra, deixándose ir sen tomar decisións que encarreiren a súa vida e Rañolas, o idealista identificado co paxaro, disposto a loitar malia estar condenado ao fracaso.

Dúas vidas desgraciadas marcadas polo karma dos perdedores que encerran unha reflexión universal como sucede en todos os relatos do autor, quen conclúe que a felicidade consiste en tomar as rendas da propia vida e saber conformarse en lugar de vivir nun degaro permanente.

O libro está dedicado aos mozos galegos.

Ós mozos galegos. Eu quero adicarvos esta miña primeira novela. Fíxena para derramal-o tempo que me sobraba, máis que para sentil-o gozo de crear unha peza de arte. Prestoume horas de vida feliz e xa me daría por satisfeito co que me divertín ô escrebila; pero foi maxinada con tanta ledicia e composta con tanto amor que algo terá de bó. Estou seguro de que non é unha gran obra; pero é tan humán e tan miña que non podería oferecervos nada mellor.

Sinopse da obra

Pedriño, sempre famento, foi vivir coa tía Ádega. “Endexamáis podía ver comer sen pedir parte”. O seu mellor amigo era o Rañolas: “un rapaz eivadiño das pernas, que andaba en crequenas, por tel-os remos engoumados”. Tiña as pernas encartadas e para andar ás présas axudábase das mans, andando a catro pés.

A nai de Rañolas botouno ao camiño en compañía duns moinantes para gañar o pan amosando as súas eivas, pero o neno espeliuse e fuxiu para pedir esmola nas feiras pola súa conta.

Diante da cruz de pedra que se ergue nas Portillas, pousou a ofrenda d’un croio de seixo no milladoiro, e sen mágoa de deixal-a terra da súa nascencia entrou con aquel de conqueridor en terras alleas.

O mozo atravesou España e logo cruzou a raia de Francia, tomando o camiño de Lourdes.

Entre tanto, o preguiceiro de Pedriño vivía ao servizo do seu ventre vencido pola galbana dos vellos xubilados, até o día en que o cacique da vila empregouno na oficina da Facenda por mediación da tía Ádega. Entón comezou para el unha vida sosegada, amortecida entre a pousada e a oficina pola ignorancia e a covardía.

Por aquel tempo Rañolas deixou a vida de esmoleiro en Lourdes e chegou a París, onde traballou como vendedor de xornais e reloxeiro autodidacta, mentres soñaba con montar unha reloxería na súa terra.

Pedro casou con Filomena e desde entón tivo que soportar a sogra bourando nel decontino. Non era un home ruín, pero tiña o espírito amolecido e non era quen de realizar ningún sacrificio.

Pedro chegou a non ser home, e os roños da sogra caíanlle como pingas na súa i-alma de borralla. Tocaban un pasodoble i-él marcaba o paso sen querer, rendido âs vountades alleas.

Un día entrou o Rañolas na oficina da Facenda, encrequenado e ben vestido. Agora tiña cartos, así que abriu unha tenda na vila e fixo cortar as pernas engruñadas para poñer outras ortopédicas traídas de París.

Daquela despediron a Pedro da Facenda por ter cometido pequenos roubos e tivo que emigrar á Pampa arxentina, onde fracasou, volvendo coa familia para soportar de novo as aldraxes da sogra. So tiña acougo cando visitaba a reloxería de Rañolas, quen agora era “un honrado artesán, tomaba café, cantaba n’un orfeón e tiña voto”.

Nun arrouto Pedro estivo a piques de matar a sogra e aquel acto de carraxe valeulle o respecto da familia. A mesma sogra procuroulle un posto na oficina de consumos do concello e aquel traballo apazugouno, devolvéndolle a felicidade.

Mentres, o Rañolas, ceibe das miserias, comezou a simpatizar coas ideas anarquistas. Sabíase escravo do traballo e tiña saudades do tempo en que vagou ceibe polo mundo, e aquela ira xorda rebordou cando fixo estourar a casa con el dentro.

Na parede branca salferida de miolos sanguiñentos, deixou Rañolas a súa despedida. Era unha soia verba, escrita con letras grandes e mouras; ¡PROTESTO!

(1)    Imaxe de Castelao: realacademiagalega.org
(2)    Os homes, os feitos, as verbas. Libros. A romeiría de Xelmírez. Vicente Risco. Revista Nós nº 130, outubro de 1934.
(3)    Prosas galegas. As cruces de pedra na Galiza. Florentino López Cuevillas. Editorial Galaxia, 1962. Vigo.
(4)    Os dous de sempre. Vicente Risco. Revista Nós nº 130. Outubro de 1934.
 

sábado, 7 de março de 2015

COTOS Y JURISDICCIONES DE GALICIA. VILLAR DE FERREIROS



COTOS Y JURISDICCIONES DE GALICIA. VILLAR DE FERREIROS / Antonio Taboada Roca
1929
Nós, Publicacións Galegas e Imprenta – Real, 36 – 1º. A Cruña
24 p texto + 1 lámina; 24,5 cm.

A publicación Cotos y Jurisdicciones de Galicia. Villar de Ferreiros. El pazo. Sus poseedores. Inventarios de la casa en el siglo XVII, separata exenta do segundo volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, foi escrita polo historiador Antonio Taboada Roca e publicada por Nós en 1929.

Taboada Roca presentou tres traballos sobre os coutos galegos que foron incluídos como separatas nos Arquivos do SEG. O primeiro deles apareceu no primeiro volume dos Arquivos e foi editado por LAR en 1927 baixo o título Cotos y Jurisdicciones de Galicia (2). En 1929 ampliaría esta serie cos traballos sobre o pazo de Santa Mariña do castro de Amarante (3) e tamén sobre o pazo de Vilar de Ferreiros, os dous incluídos no segundo volume dos Arquivos do SEG.

Separatas dos Coutos galegos escritas por Taboada

O autor Foi un dos promotores da obra interdisciplinaria Terra de Melide (4), especializándose ademais en heráldica e na pescuda histórica nobiliaria.

A separata sobre o pazo de Vilar de Ferreiros completa o primeiro traballo aparecido en 1927 e incluído no volume I dos Arquivos, onde Taboada abordaba as orixes desta mesma casa desde unha perspectiva histórica, para inventariar agora os bens incluídos no pazo durante o século XVII. Os dous traballos sobre a casa que o autor identifica como a dos seus maiores, están escritos en castelán.

Sinopse da obra

Iniciada en el volumen anterior de estos «Arquivos» una monografía sobre El Pazo de «Villar de Ferreiros y sus poseedores», la terminamos en el presente, dando a conocer los ricos inventarios de la época en que más explendor alcanzó la casa y refiriendo algunos aspectos de la vida de sus dueños.

De seguida o autor describe polo miúdo ao longo de trece páxinas o contido das habitacións de unha a unha, seguindo a relación efectuada pola xustiza de Abeancos diante do escribán e familiar da Inquisición Domingo Varela de Barrio, logo da morte de Don Francisco Pimentel de Soutomaior.

(...) Una cama de Madera de nogal Torneada Con Colgadura de sempiterna azul guarnecida con galoncillo de seda berde E ylo Blanco (...) Una Lámina bordada En las fronteras de dch Cama Cuya bordadura hes de ylo de oro Con hespejuelos Con una ymaxen de nuestra Señora Con su precioso hixo Y otras Quatro Imaxenes de Santos; Y en dha. Cama Vn jergón de hestopa; Vn colchón de lana Usado dos almoadas delgadas llenas de lana – Vna savana de hestopilla de Dos lienzos – tres mantas de lana de Castilla Blancas las dos Casi nuevas (...)

O texto tamén alude a varias cartas e documentos de partillas escritas nos séculos XVII e XVIII por descendentes das célebres familias dos Pimentel e os Soutomaior e que tratan cuestións relacionadas coa facenda da casa.

Por último, o traballo remata co agradecemento de Taboada.

Lector, si quieres evocar unos momentos la vida señorial medioeval; visita este bello pazo. Allí la sentirás con toda intensidad. Sus poseedores han perdido parte de esta gran hacienda y prerrogativas; pero con el nobilísimo solar, conservan el porte y distinción de la gente bien nacida. Son el prototipo de nuestros caballerosos hidalgos. Complaciéndome en reiterarles desde aquí, la consideración y afecto por sus amabilidades y atenciones, durante mi estancia en tan poética residencia.

(1)   Fonte da imaxe de Antonio Taboada Roca: farmacialopezrio.com
(2)   Cotos y Jurisdicciones de Galicia. Taboada Roca, Antonio. Imprenta Lar. Franja, 34. A Coruña. 1927. Obra comentada neste lugar en abril de 2013.
(3)   Cotos e xurisdicións de Galicia – Pazo de Santa Mariña do Castro de Amarante. Taboada Roca, Antón. Nós, Publicacións Galegas e Imprenta. Real, 36. A Coruña. 1929. Obra comentada neste lugar en agosto de 2013.
(4)   Terra de Melide. Varios autores. Seminario de Estudos Galegos. Editorial Nós. Compostela. Xuño de 1933. Obra comentada neste lugar en maio de 2014.