sábado, 13 de junho de 2015

A DATA DA INSCRIPCIÓN DA PORTA DAS PRATERÍAS



A DATA DA INSCRIPCIÓN DA PORTA DAS PRATERÍAS / Xesús Carro García
1932
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago.
15 p + 5 láminas; 24 Cm.

Xesús Carro García escribiu A data da inscripción da porta das Praterías, separata exenta dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos impresa por Nós en Compostela en 1932.

O texto tamén foi incluído no cuarto volume dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos.

Xesús Carro, cóengo da catedral de Compostela e director da sección de Arqueoloxía e Historia da Arte do SEG, contribuíu ao catálogo da institución con distintos traballos relacionados todos eles coa catedral. (2)

O estudo onde Carro divulga as diferentes interpretacións sobre os signos inscritos nunha das xambas da porta das Praterías, comeza dando conta do enmarañado preito sobre a datación da obra e que os estudos coetáneos interpretan como 1112 ou 1117 (3). O autor establece o comezo das obras de edificación do templo moderno pouco antes, entre os anos 1072 e 1073 (4).

A razón desta discrepancia sobre a data de edificación da porta explícase porque a inscrición foi renovada coa intención de definir mellor os trazos, pero esta intervención é causa probable da polémica.

O autor compara a inscrición formada por números romanos e letras con outros símbolos medievais e dá conta das conclusións expostas por varios historiadores, citando entre outros a Villaamil e Castro, Murguía, López Ferreiro, Ánxel del Castillo e Kingsley Porter.

Mr Porter non desbota as tres leituras: a miña, Era MCXII; a máis corrente e xeneralizada, Era MCXVI; e a de Gómez Moreno, Era MCXLI.

Outros traballos datados entre os séculos XIV e XVIII atopados por Carro e Pérez Constanti (5) no arquivo da catedral, contribúen a estender a polémica tanto na interpretación da data como no texto, que pode entenderse como KALENDAS ou IDUS.

Non obstante e sen chegar a afirmalo categoricamente, Carro inclínase por interpretar a data como 1112.

A posibilidade de ser MCXII e que o rasgo da X fose engadido, como paresce. Si ansí foi, o fixeron denantes do século XVI. Xa co rasgo unido â X debemos téla como Era MCVII. As datas MCXVI e MCXLI perden preferencia. Esperemos algún dato novo que nos traiga máis craridade. Contentémonos pol-o de agora cos presentes achádegos. A inscripción da xamba da Porta das Praterías non pode esquencerse no arte románico.
 
(1)    Fonte da imaxe de Xesús Carro: realacademiagalega.org
(2)    O tímpano da capela de dona Leonor. Revista Nós nº 80; Arquivos do Seminario de Estudos Galegos V; Separata exenta dos Arquivos do SEG. (1930). O botafumeiro da catedral Compostelán. Revista Nós nº 109; Separata do SEG (na separata o traballo titúlase: O botafumeiro da catedral de Santiago) (1933).
(3)    Actualmente admítese que a construción da fachada das Praterías comezou no ano 1103.
(4)    As obras de construción da actual catedral románica comezaron no ano 1075.
(5)    Pablo Pérez Constanti (1857-1938). Arquiveiro do concello de Compostela. Autor de varios libros entre os que destacan Notas viejas galicianas (1925-1927) e Diccionario de artistas gallegos de los siglos XVI y XVII (1930).
(6)    Fonte da imaxe da xamba da porta das Praterías: wikipedia.org
 

Sem comentários:

Enviar um comentário