sábado, 11 de julho de 2015

EMBARCACIÓNS




EMBARCACIÓNS / Xaquín Lorenzo Fernández
1933
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Santiago
4 p ; 27 Cm.

O traballo Notas pra un cuestionario de etnografía. Embarcacións foi escrito por Xaquín Lorenzo Fernández e impreso por Nós en Compostela en 1933.

O texto forma parte das publicacións do Seminario de Estudos Galegos e vai precedido dun breve prólogo escrito por Vicente Risco. Editouse como separata exenta do número 111 do boletín Nós, publicado o 15 de marzo de 1933.

(...) A seizón de Etnografía e Folk-lore do Seminario de Estudos Galegos prepara un cuestionario compreto de estas importantes materias, que poida servir aos esculcadores das nosas tradicións populares e estilos de vida rural de guieiro nos seus inquéritos e máis de norma provisoal pra clasificación dos materiaes que vaian recollendo.

Xaquín Lorenzo elaborou este cuestionario para orientar as pescudas etnográficas sobre as embarcacións tradicionais. O SEG pretendía publicar unha guía xeral aplicada a diferentes disciplinas, pero este estudo non vería a luz e acabou anticipando o documento de Lorenzo coa intención de impulsar os traballos de campo dos investigadores.

Os membros do SEG, que na súa maioría tamén colaboraban co boletín Nós, procuraron emendar o desleixo das institucións públicas do seu tempo rexistrando as manifestacións da cultura popular. Por este motivo constituíron diversas seccións que agrupaban ámbitos como Prehistoria, Historia, Arqueoloxía e Historia da Arte, Filoloxía, Historia da Literatura, Xeografía, Etnografía e Folclore, Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas, Ciencias Naturais, Ciencias Aplicadas e Pedagoxía, atendendo as inquietudes dos socios ao tempo de abarcar un amplo espectro cultural.

Xaquín Lorenzo (Xocas) colaborou coa sección de Etnografía e Folclore do Seminario, dirixida por Vicente Risco, onde estudou diferentes aspectos da cultura popular.

Trátase dunha obra fecunda e orixinal, pois fixo as súas pescudas ao dereito da realidade andando a terra so ou acompañado por amigos como Risco ou López Cuevillas, coa intención de deixar constancia escrita dun mundo desaparecido e que aínda podemos comprender a través das descricións dos seus libros ou dos obxectos expostos no Museo do Pobo Galego, que el mesmo contribuíu a fundar como primeiro director do padroado e legándolle as súas coleccións.

O documento de tres páxinas e a dobre columna identifica cento quince aspectos críticos sobre as embarcacións, os mariñeiros e a cultura popular dos homes do mar. Entre eles hai cuestións xenéricas como por exemplo:

  • Debuxos e medidas da embarcación.
  • Nomes das súas pezas.
  • Diversos nomes que se dan a estas embarcacións.
  • Se é de vela, nome de cada unha delas e o seu oficio.
  • Clase de pesca para a que se usa cada unha destas embarcacións.
  • Número de homes que toma parte en cada unha das pescas e misión que cada un desempeña...

E outras máis curiosas como estas:

  • Que cousas levan de terra os tripulantes para xantar (viño, pan, augardente, aceite, etc.).
  • Como se saúdan de día dúas embarcacións cando se atopan (se son iguais e da mesma matrícula; se son iguais e de distinta matrícula; se son distintas e da mesma matrícula; se son do mesmo armador).
  • Receitas, fórmulas, esconxuros, etc. para curar os pescadores lesionados.
  • Crenzas dos mariñeiros referentes ás bruxas, meigas, trasno, tardo, fantasmas, animais fabulosos, etc.
  • Peixes monstruosos.
  • Peixes maléficos e benéficos.
  • Xeito de evitar uns e atraer o favor dos outros.

En conxunto o cuestionario resulta exhaustivo e non trata exclusivamente sobre a descricións das embarcación e a pesca, senón que tamén pescuda as vidas dos homes que as gobernan, a súa relación cos armadores, os costumes e a organización dos gremios e pobos onde viven os mariñeiros, procurando unha aproximación científica ao estudo etnográfico.

(1)    Fonte da imaxe de Xaquín Lorenzo: Academia Galega
 

Sem comentários:

Enviar um comentário