xoves, 19 de novembro de 2015

A MULLER NO CANCIOEIRO GALEGO

A MULLER NO CANCIOEIRO GALEGO / Xaquín Lourenzo Fernández
1932
Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Hortas, 20. Santiago
17 p ; 27 Cm.

A separata exenta A muller no cancioeiro galego de Xaquín Lorenzo Fernández, foi impresa por Nós en Compostela en 1932.

O texto publicouse previamente no boletín Nós, nos números 98, 99 e 100, entre febreiro e abril de 1932.

O exemplar utilizado para facer esta recensión presenta a particularidade de ser un orixinal de imprenta dos usados por Casal para confeccionar a tirada posterior, que Xaquín Lorenzo entregou ao profesor Antonio Mendes Correia (2), tal e como consta na dedicatoria manuscrita:

Seminario de Estudos Galegos
Santiago
Ao Proff. A. A. Mendes Correia
coa ademiración do Autor
Sant. Yago, 29-11-32

Lorenzo expresa neste traballo a intención de establecer as características da muller galega na cultura popular, a partir das cantigas de gabanza e as de crítica e despeito.

Para recadar os textos, o autor escolma outros cancioneiros, algúns deles inéditos, ordenados entre outros por Pérez Ballesteros, Bouza-Brey, Cotarelo Valledor, López Cuevillas, Antón Fraguas, Lois Tobío e Xurxo Lorenzo.

Revista Nós, números 98, 99 e 100
Entre as cantigas que gaban o amor polas mulleres atopamos exemplos coma estes:

Pasei o mar de Ferrol ferrolana por te ver; pasei o mar de Ferrol a pique de me perder.

Penitencia rigurosa me deron por querer ben; si querer ben é pecado non se salvará ninguén.

C-unha codia de pan quente, unha sardiña salgada e un abrazo dunha nena pasa un home unha somana.

Claro que este amor non sempre é desinteresado.

O carballo que é pequeno tamén fai pequena sombra; a rapaza que é bonita pequena dote lle abonda.

Tamén as mulleres manifestan as súas preferencias no cancioneiro popular.

O zapato quere a media, a media quere o zapato; a meniña que é bonita tamén quer o mozo goapo.

Non te fíes de muller, anque son muller o digo: a muller engana ô home que seña máis entendido.

Unha chea de cantigas rexouban os defectos das mulleres.

Todol-os ánxeles teñen un anaco de muller; o demo tamén foi ánxel, que coidado che hai que tér!
       
Alabado sea Dios, que xa veu a barateza: os homes á catro pesos, as mulleres á peseta (tamén hai unha variación: os homes á catro cartos as mulleres á peseta).

Moitas cantigas gaban as mozas louras e roxas e outras tantas rexeitan as morenas.

Paxariño millarengo que estás na punta do toxo, toma, lévalle esta carta âs nenas do pelo roxo.

Moreniña, moreniña, vaite lavar ô cachón, que por moito que te laves es morena de nazón.

Anque che son moreniña eche do polvo da eira; verasme para o domingo como rosa na roseira.

Claro que non todo son críticas.

Quedache de vir âs nove viñeches âs nove e media: ti non sabes que é pecado engañar a unha morena.

Outro clásico das cantigas son os ollos das mulleres.

Solo por ver os teus ollos: que a sede moita non era, fun â fonte á beber auga debaixo de unha pereira.

Ollos verdes son celosos, os negros son churrusqueiros, pero eu quero os azules que son mais namoradeiros.

O autor afirma que “Non son partidarios os nosos mozos das delgadas. Ista coalidade, tan alaudada, n-outros cancioeiros, atopa poucos partidarios no noso. En xeral, os mozos, sin gabar âs que son grosas, búlranse das delgadas.”

Eres alta como un pino, delgada como un chantón: quen te ha de querer a tí, demonio de lubión!

Tamén hai cantigas nas que as mozas alardean dos seus amores.

Cinco xustillos teño de diferente color e cinco amores tamén para escollel-o millor.

Anque me vexas con outro non te afrixas nin te asustes, que non hai Santo sin ter ô menos un par de luces.

Anque me vexas casada non me perdal-o cariño, que podo quedar viuda e mais casarme contigo.

Claro que tamén os mozos pagan coa mesma moeda.

Teño un amor na montaña teño un amor montañés; teño un amor na montaña, na ribeira teño tres.

A vaidade merece o escarnio do cancioneiro.

Si tua nai quere reis na baraxa tenche catro: rei de ouros, rei de copas, rei de espadas, rei de bastos.

O despeito é outro dos temas comúns nas cantigas.

Andivecheste alabando que eu te quería e te quero; tamén pódeste alabar que te quixen e te deixo.

Candeleiro de tres luces non derretal-o metal; si tí me tiveras lei eu che sería leal.

Non me fales mal dos homes que lle quero moito bén: salalos, salpementalos e botálos na sartén.

Poucas cantigas fan referencia aos sogros.

Miña nai cando me reñe peta co pé no sobrado: ela dí que non quer xenro e eu xa llo teño buscado.

Tua nai, tua nai, ten a sona de borracha, pelexa, porcona; e teu pai, e teu pai tamén tén de borracho, pelexo, tamén.

Pero si hai unha chea delas que falan da nai.

Miña nai como é moi probe e non ten pan que me dare, éncheme a cara de bicos e despois rompe a chorare.

A través destas cantigas, o autor establece o canon da muller galega na tradición da cultura popular.

O que primeiro sai â vista é a sua côr: a moza galega debe ser loira. Non é preciso que teña loiro o cabelo: bástalle tel-o tipo. A cara, redonda e colorada, anque tamén pode tel-a branca; os ollos, castaños ou cecais tamén azús. Non debe ser alta, antes ben, prefírese baixa e non precisamente delgadas (...) A capacidade amatoria das mozas galegas alarma incruso ôs mesmos galáns que valeiran o seu inxenio en cantigas que critican ésto. Ô lado de ésto, vemos na nosa muller unha gran constancia cando chega á querer firmemente e o seu amor é correspondido (...) Vémol-a tamén como boa filla; anque âs vegadas pareza dar de lado ôs mandados da nai, ésta é querida e respetada por ela. Ante o pai, non manifesta tanto cariño, senon temor (...) Finalmente, como nai, vémol-a aparecer disposta á se sacrificar pol-os fillos, sendo seu agarimo nos momentos difízles da vida.

(1)    Fonte da imaxe de Xaquín Lorenzo: Academia Galega
(2)    António Augusto Esteves Mendes Correia. (Porto, 1888 – Lisboa, 1960). Antropólogo, médico, profesor e político.