sexta-feira, 2 de dezembro de 2016

DE ESTO Y DE LO OTRO



DE ESTO Y DE LO OTRO / Roberto Blanco Torres
30 de Nadal de 1930
Biblioteca Murguía I
Nós, Pubricazóns Galegas e Imprenta. Linares Rivas, 50. A Cruña
217 p ; 18 Cm.

A escolma De esto y de lo otro reúne varios textos xornalísticos publicados por Roberto Blanco Torres e foi editada por Nós na Coruña en 1930.
Un ano antes, en 1929, a editorial Nós tamén publicou o libro de poemas Orballo da media noite, do mesmo autor. (2)
De esto y de lo otro inaugura a Biblioteca Murguía, unha colección destinada a divulgar as obras escritas en castelán por autores galegos e que chegou a publicar un segundo volume titulado Ensayo histórico sobre la cultura gallega, de Ramón Otero Pedrayo. (3)
O libro de Blanco Torres recupera algúns dos textos publicados polo autor na prensa galega ao longo dos anos. El mesmo explica no prólogo a orixe da escolma.
La mayor parte de los artículos que componen este voumen fueron publicados en diferentes fechas y sin la sospecha, ni siquiera remota, de que pudieran algún día perder la condición efímera de todo trabajo periodístico para ganar en el libro cierto valor de permanencia.
O autor emigrou con dezaseis anos a Cuba, onde colaborou en xornais e revistas. Xa de volta en Galiza, Antón Villar Ponte introduciuno no ambiente galeguista da Coruña e particularmente na Irmandade da Fala. O 10 de abril de 1917 deuse a coñecer entre os seguidores do galeguismo publicando o seu primeiro artigo en A Nosa Terra, converténdose desde ese momento nunha das voces autorizadas do nacionalismo galego.
A ideoloxía de Blanco Torres, expresada en numerosos artigos, acredita na existencia de Galiza como nación asentada sobre tres elementos básicos: o idioma (vehículo da cultura), a historia (liña temporal que xunto coa cultura une as xeracións) e o carácter (a peculiaridade psicolóxica dos galegos).
Desde a dirección de varios xornais ou como simple columnista, Blanco Torres radiografou con lucidez a sociedade galega, fuxindo do patriotismo acomodaticio da prensa chamada a preservar o status quo e fustrigou nas eivas dun país individualista e sen conciencia de seu.
A escolma de artigos reunida neste libro sae á rúa logo da ditadura de Primo de Rivera e durante a chamada ditabranda de Dámaso Berenguer. O propio autor aclara estes sucesos no prólogo.
Alejado del periodismo militante desde que la falta de libertad cercenó sus atributos fundamentales, y considerándolo sometido a vicisitudes de dependencia y subordinación incompatibles con su naturaleza ideal y su misión de vehículo de cultura, evoco, a la vez con melancolía y orgullo, mis jornadas de alerta y agonía al pie de ese baluarte donde el fervor y la ilusión centuplicaron el brío de mis mejores días.
Escolma da obra
En torno a la ciudad gallega. As pequenas cidades galegas, mediocres e sen conciencia propia, non son quen de proxectar Galiza no exterior. Tampouco a reserva da esencia galega está no campo, como pensaron tradicionalmente os galeguistas. Os labregos teñen abondo con sobrevivir baixo a opresión dos caciques, negándoselles a conciencia colectiva para evolucionar como sociedade.
Idioma, enseñanza, escuelas. Galiza ten un idioma propio no que aprendeu a falar e pensar. Non é un idioma inventado, senón un feito biolóxico, arraigado e transcendente. As persoas cultas deberían ennobrecelo e perfeccionar este instrumento diferencial. Non facelo sería caer no auto-desprezo.
La fisonomía espiritual de Orense
Podíamos decir que La Coruña es la ciudad de la elegancia espiritual, Santiago la ciudad de la historia, Vigo la ciudad del progreso material, Lugo la ciudad de la tradición, Orense la de la inteligencia y Pontevedra la de la quietud y la belleza.
Ourense é a cidade onde a intelixencia practícase nunha modalidade intelectual chamada humorismo. Alí naceron La Centuria, aclimatando as correntes universais da cultura en Galiza, e Nós, que incorpora a aportación do pensamento autóctono. Non tivo a mesma fortuna Ourense coa política, “calificada por su ramplonería y su falacia, ruedo de logrerías y feria de apetitos sin solución de continuidad”.
Galicia fuera de turno. Os pobos non poden vivir sen un ideal nin desenvolverse sen liberdade. Galiza presenta o espectáculo dun conglomerado social informe, sen o impulso director dunha enerxía intelixente. Esta falta de vontade fai que Galiza non conte no panorama actual “y a Galicia que se la trague el diablo o la protejan los próvidos dioses desconocidos”.
La verdad ante todo. Cando os galegos viven na súa terra teñen atrofiado o órgano patriótico: non se preocupan por nada non sendo os seus intereses particulares, nin reaccionan diante de ningún problema ou senten solidariedade polas inquietudes espirituais. Non obstante, cando deixan Galiza esperta neles o sentido patriótico dun xeito exacerbado, cobrando unha sensibilidade rexional esaxerada diante de calquera agresión contra a súa terra de orixe. Este asociacionismo de alén mar ben podía ter colaborado á renovación de Galiza en lugar de enxalzala en medio de banquetes e encontros folclóricos.
Galicia y sus colectividades en América. A Galiza real é unha e a idea que dela teñen os emigrados é outra. Este concepto equivocado de Galiza non pasa de rozar o adxectivo e anecdótico, mirado desde a distancia co superioridade, por asimilar a terra que deixaron sen chegar a coñecer co atraso e a miseria.
Las jerarquías imperantes y la masa social. O español vive cativo dun sentimento egoísta, alleo a toda solidariedade e non reacciona contra a inxustiza agás cando cae preto del. En lugar de opoñerse á falta de liberdade e á xerarquía cando non dá o talle moral, os españois adáptanse e acatan o fraude.
Una antología. Blanco Torres debulla as súas peripecias contra o lapis vermello do censor e propón facer unha antoloxía da censura, citando como nos seus artigos foron prohibidas receitas culinarias, parágrafos da Biblia ou textos médicos escritos por patólogos. “La censura en la época dictatorial, si no fuera un atropello y un oprobio que ningún ciudadano digno podía tolerar, sería un ejemplario cómico y pintoresco capaz de monopolizar la risa de un par de generaciones”.
O último texto: La agonía de un régimen, conten un parágrafo sobre o militarismo español que ao cabo pode considerarse premonitorio.
No está el Ejército español tan cargado de laureles para que tuviese aun el gesto de volverse contra los anhelos de su mismo pueblo. Aun habiendo perdido España todas sus colonias, casi todo un continente, sería monstruoso pensar que quiere destrozarse a si misma. Más que la ignominia, su Historia la llenarían la demencia o la estupidez.
(1)    Fonte da imaxe de Roberto Blanco Torres:Realacademiagalega.org.
(2)    Orballo da media noite. Roberto Blanco Torres. Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta. Real, 36 – 1º. A Cruña. 1929. Este texto foi comentado neste mesmo blog en outubro de 2013.
(3)    Ensayo histórico sobre la cultura gallega. Ramón Otero Pedrayo. Biblioteca Murguía II. Nós, Pubricacións Galegas e Imprenta, Rúa do Vilar 15, Santiago. 1933.


terça-feira, 1 de novembro de 2016

DIVAGACIONES



DIVAGACIONES / Adriano Martínez Morales
1930
Imprenta Nós. Linares Rivas, 50. La Coruña
502 p ; 18 Cm.

Divagaciones. Consejos, ideas y conocimientos útiles al campesino y para él escritos, do autor Adriano Martínez Morales, quen se identifica como axudante do Servizo Agronómico, foi editado por Nós na Coruña en 1930.
Un dos poucos datos dispoñibles sobre Adriano Martínez é o seu nomeamento como axudante de cuarta categoría e funcionario do Servizo Agronómico Catastral, publicado en El Progreso Agrícola e Pecuario, xornal agrícola de ámbito estatal, o 15 de outubro de 1917.
Tamén sabemos que militou na causa agraria.
Figura menor foi o agrario de Nebra, Adriano Martínez Morales, quen publicou na Coruña en 1930 o volume Divagaciones. Consejos, ideas y conocimientos útiles al campesino y para él escritos. Polas dificultades da época tivo unha mala distribución e consérvanse poucos exemplares. A obra fai referencia á coñecida represión sobre o campesiñado ocorrida o 12 de outubro de 1916 na ponte de Cans en Nebra. (1)
Precisamente o libro comeza recordando a represión dos veciños de Nebra por parte da Garda Civil (2).
Cuando el 12 de Octubre del año 1916 la Guardia Civil ocasionó la muerte en el Puente de Cans, de la parroquia de Nebra (Puerto del Son) a cinco miembros de la Sociedad Agrícola local e hirió a treinta y cuatro, pensamos que la eficacia de una fuerza social no estriba solamente en el número de socios que la integran sino, más bien en la cultura e ilustración de estos.

Por este motivo, a Sociedade decide premiar ao autor dun libro que reúna os dereitos e obrigas do labrego, ao tempo de orientalo socialmente. O proxecto non pasou da intención e o propio Martínez decidiu acometelo pola súa conta.

Solo la cultura y la estrecha unión con tus compañeros, los demás labradores, que deben ser tus mejores amigos, te redimirán de la miseria que padeces y de la esclavitud en que vives.

Enterro dunha das vítimas dos Mortos de Nebra
ou Mártires de Cans en outubro de 1916
@GZhai1seculo
As dificultades económicas polas que pasaba Ánxel Casal en 1930, logo do fanado intento de poñer na rúa o xornal El Momento, contribuíron de certo a limitar a distribución do libro. Tamén poden explicar a aparición deste volume tan pouco coherente coa liña editorial de Nós, quizais pola necesidade de aceptar encargos dos propios autores.
As Divagaciones de Martínez Morales constitúen un manual de auto-axuda con intencións moralizantes.
Utilizando exemplos, en ocasións extravagantes, o autor pretende marcar o camiño recto que guíe os actos dos labregos, encamiñando a moralidade individual e a responsabilidade colectiva cun carácter marcadamente conservador.
Os discursos preséntanse a xeito de sermóns laicos moralistas, adubados con sentenzas e abarcan distintos aspectos da vida dos labregos.

El que sepa conformarse con lo que tiene vive contento y acaso más feliz que aquel que sea dueño de grandes riquezas y, siempre avaro, se desvele y sacrifique desordenadamente por aumentarlas.

Al campo debemos volver los ojos los españoles si queremos regenerarnos. En el campo están y del campo han de salir los elementos de la salvación del país.

Creemos firmemente que si el hombre pusiera tanto interés en conservar su salud como pone después que la pierde en recobrarla, no enfermaría casi nunca.

O índice diverso comeza falando do matrimonio e as calidades dos cónxuxes, para logo seguir co proceso do embarazo, parto e cría, e a moralidade, falando por extenso da envexa, a calumnia e a verdade.

Deseguida acomete un apartado sobre a saúde física e psicolóxica, combinando a conservación da saúde coa necesidade de evitar o que el chama: “enfermidades secretas” e unha exhortación aos labregos para que non se deixen abater polas penas.

Varios capítulos tratan da necesidade de conservar a facenda, gabando a sobriedade persoal e colectiva, para iniciar a continuación varios apartados que podemos englobar dentro da organización social.

Neles fala da inxustiza, os caciques e a pobreza e como remedio propón a asociación dos labregos, na liña dos postulados agrarios. Tamén expón a súa visión sobre o comunismo e o cooperativismo, aspirando á igualdade das retribucións.

O autor tamén fai profesión de universalismo e aspira á existencia dunha única patria, unha relixión e unha lingua universal, superando así os que el chama dialectos rexionais.

A nosotros se nos figura que entre todos los inconvenientes que consigo lleva el hablar lenguas distintas dentro de los linderos de una misma Nación, es precisamente el más grave, el más perjudicial, el que más daños causa y origina, aquel que engendra un amor distinto a la región materna, al terruño.

Por último, Martínez dedica un apartado ao sufraxio universal.

Vamos solamente a indicar a los labradores, o mejor dicho a recordarles, que su voto, que tan poco estiman y aprecian, dándolo generosamente a cualquier caciquillo de pueblo o aldea, es factor importantísimo, decisivo en la vida económica del pueblo agrícola; es la llave con que han de abrir un día, después que se den perfecta cuenta y se preparen para ello, las puertas del sagrado templo de su redención.

(1)    As letras de Porto do Son. Unha panorámica. Xoán Pastor Rodríguez Santamaría. Barbantia. Anuario de estudos do Barbanza, nº 8. Asociación Cultural Barbantia. Boiro. 2012.
(2)    Os veciños de Cans, aldea próxima á ría de Muros, no concello de Porto do Son, manifestáronse en 1916 contra o reparto dos Consumos que foran incrementados arbitrariamente polo concello para facer fronte ao déficit municipal. O 12 de outubro, o axente encargado da recadación acudiu escoltado pola Garda Civil, que ante a oposición dos veciños abriu fogo sobre eles na ponte de Cans, matando catro mulleres e un home (Francisca Carou, Ramona Suárez, Xenerosa Vidal, Rosa Cardóniga e Antonio Sobrado) e ferindo moitos dos manifestantes.