quarta-feira, 1 de junho de 2016

VIEIROS



VIEIROS / Ricardo Carballo Calero
6 de maio de 1931
Nós, Pubricazóns Galegas e Imprenta. Avenida de Linares Rivas, 50. A Cruña
77 p ; 20 cm.

O libro de versos Vieiros foi escrito por Ricardo Carballo Calero e publicado por Nós na Coruña en 1931.

Ricardo Carballo reuniu os primeiros versos escritos en castelán no volume Trinitarias (2), editado en 1928. Os seguintes tres libros de versos publicounos a editorial Nós: o primeiro deles, escrito en galego, foi Vieiros; logo deu ao prelo La soledad confusa (3) en 1932, de novo en castelán, e por último presentou en galego O silenzo axionllado (4) en 1934.

O autor fala da súa relación literaria co idioma no libro que escolma as conversas mantidas con Carmen Blanco. (5)

RCC. No ano 1928 publiquei o meu primeiro libro, un libriño que se titulaba Trinitarias e que era un libro aínda modernista, a pesar de que por aquela época xa estaban en escena en España os poetas da xerazón do 27, pero eu non posuía asesoramento ao día e creio que nese libro dominan influencias de leituras de poetas modernistas. Logo, o meu primeiro libro de versos galegos foi Vieiros, publicado no ano 1931.
CB. ¿É cómo foi ese cambio lingüístico?
RCC. En realidade, ese cambio lingüístico non o houbo (…) porque eu escrebo en galego desde que escrebo, se ben alternaba naturalmente co castellano e escrebín tamén muito tempo en castellano. En realidade, deixei de escreber en castellano en tempos da miña mocidade, porque cheguei a publicar aínda despois outro libro de versos castellanos que se titulaba La soledad confusa (…) o que se pode dicer é que deixei de escreber en castellano poesía lírica nun determinado momento.

Vieiros reúne trinta poemas entre os que está a Canzón das lavandeiras, que pecha o libro e previamente apareceu no número 76 da revista Nós en abril de 1930, anunciando formar parte “do libro VIEIROS que será pubricado axiña pol-a EDITORIAL NÓS”.

A época de Vieiros coincide coa mocidade do autor. El mesmo manifesta nunha entrevista que comeza a escribir estes versos en 1927, cando tiña dezasete anos.

Esta poesía presenta unha estrutura conceptual sólida, contraposta por exemplo á poesía aérea que por estes mesmos anos escribía Cunqueiro. Trátase por outra parte dunha poesía de temática variada; tumultuosa e un tanto torrencial, en palabras de Carballo Calero, que no caso de Vieiros pretende evadirse do romanticismo modernista dominante no primeiro libro.

O poeta alterna os versos cargados de intensidade, como a Evocazón  da infanza perdida, con liviáns xogos de palabras n’A miña estilográfica, compoñendo un volume de temática diversa, onde sorprende a superposición dos temas.

Non obstante, en xeral Vieiros expresa unha poesía existencial, no sentido de expresar intensas vivencias. Xa que logo, son versos que foxen do puro esteticismo, procurando transmitir as angustias e ledicias que inundan a vida do poeta.

O libro comeza cunha invocación chea de fondo lirismo no primeiro dos poemas: Como foi.

(...) Ti apareciches toda donda,
ti apareciches toda crara,
ti apareciches toda dóce,
ti apareciches toda branca;
co teu cabelo escuro,
cos teus ollos do côr da avelana,
co curazón sanguento dos teus beizos
e a lanza surrideira da túa ollada.

Este lirismo domina tamén os seguintes poemas: O silenzo do sol e Deus, e deseguida, nun xiro temático, enfróntanos á fealdade do esmoleiro retratado n’O gafado.

(…)un anaco de carne gafada e latexante,
un furado por boca, por ollos dous furados,
chagas fedentas, mouras, que farrapos lixados
deixan ver, como bocas que fan horribles mocas

A saudade impregna os versos de Vaise esvaíndo o amor.

Vaise esvaíndo o amor
vaise esvaíndo...
como unha lembranza,
como un pensamento perdido... (...)

O Poema dos bois e as estrelas, dedicado a Filgueira Valverde, conecta a poesía de Carballo Calero co animismo de Amado Carballo. Recorda tamén o imaxinario de García Lorca.

(...) Os bois
erguendo
as suas testas ô i-outo
van maxinando sonos
nos escuros cerebros.
Os ollos malencónicos
cara o ceo
van falando coa sua lingua pequena
d’este xeito:

Sóbor dos prados da terra
están os prados do ceo.

O autor fai unha chiscadela ao neotrobadorismo no poema Cantigas de amor lonxano, dedicado a Bouza-Brey, quen daquela aínda non tiña publicado Nao Senlleira (Nós, 1933), o libro que dá comezo a esta corrente poética, pero desde 1928 viña presentando algúns poemas na revista Nós.

Aquela nena inxele dos lenes ollos tenros,
das mans agarimosas e os afroantes beizos...
                          ai Deus, qué lonxe está de mín! (...)

Deseguida, o poeta alterna os versos de amor con outros onde procura amargamente o sentido da vida, como este anaco do poema Filosofía.

(...) Os camiños da vida son dóces para algúns,
que, gaiosos da vida, non querendo perdela
maxinan que inda hai outra tras da morte...
- ouh probe alma sinxela
coas áas apegadas â lama da terra! –

Outros vesos son tradicionais e reproducen as formas das cantigas populares no Romance de mar e amor.

(...) O corazón, de vagar,
pol-as ondas verdes ía;
ía pol-as ondas verdes
no verde da mar infinda.

A poesía narrativa e tamén épica ten o seu lugar nos versos do Noiturno compostelán, onde Carballo Calero solicita un rexurdir glorioso de Galiza.

(...) A praza da Quintaa, baixo o luar, soñaba
que a cruzaban, saudosas, as somas fuxitivas
do arcebispo Xelmírez e do mestre Mateo,
o cubizoso crego e o milagreiro artista.

De novo os versos animistas de Parque celebran o paso do Miño por Lugo.

Lá baixo vai o Miño, Presidente
da Unión de Ríos da Terra.
(...) Lugo, en lembranza do seu paso
férialle un peite de honor – a ponte –
pra peitear as súas barbas crechas.

Versos, que na Fiestra ó mar e á cibdade vólvense vangardistas.

(...) Tempo, boi canso, dime:
qué aguillada afiada,
punxente, podería
apresurarte, darche
presa, boi canso, tempo?

O volume péchase cunha cantiga de temática tradicional na Canzón das lavandeiras.

(...) O lonxano estaba preto, o ceo coa man se acadaba.
- En cada corda unha pomba equilibrista avançaba.

(1)    Imaxe de Ricardo Carballo Calero: El Correo Gallego
(2)    Trinitarias (Poesías). Editorial El Correo Gallego. Ferrol. 1928.
(3)    La soledad confusa. Imprenta Nós, rúa das Hortas, 20 baixo. Santiago. 1932.
(4)    O silenzo axionllado. Editorial Nós, rúa do Vilar, 15. Santiago. 1934.
(5)    Conversas con Carballo Calero. Carmen Blanco. Editorial Galaxia. Vigo. 1989.