sábado, 2 de julho de 2016

DICCIONARIO GALEGO-CASTELÁN




DICCIONARIO GALEGO-CASTELÁN / Leandro Carré Alvarellos
Tomo I. Xullo de 1928
Tomo II. 2 de xuño de 1931
Edición Lar. A Cruña
473 e 447 pp ; 16 cm.

Leandro Carré Alvarellos editou os dous volumes do Diccionario Galego-Castelán sucesivamente en 1928 e 1931. O primeiro tomo foi impreso no obradoiro da imprenta Lar no número 34 da rúa da Franxa, na Coruña (2) e o segundo – tamén incluído no catálogo da editorial, se ben esta cesou a actividade a todos os efectos en 1928 – saíu do prelo na imprenta Moret, tamén na Coruña.

En 1933 editouse unha segunda edición deste dicionario nun único volume impreso na papelería Zincke Hermanos da Coruña, que sería o último volume identificado coa imaxe de Lar. (3)

Carré esforzouse por fixar a ortografía e o vocabulario da lingua galega, recuperando as voces recollidas en dicionarios anteriores e dando entrada ao novo léxico moderno.

Coa finalidade de ter instrumentos técnicos para facilitar o uso do galego, a Irmandade editou o Compendio de gramática galega en 1919 e un Vocabulario castelán-galego, inicialmente por entregas (1922-1923), a autoría de ambos é de Carré. (4)

Segunda edición do dicionario
Precisamente este Vocabulario das Irmandades da fala aclara o criterio escollido para seleccionar as entradas:

Palabras de uso actual que creemos no constituyen barbarismos, neologismos y maneras de dicción de influencia ajena, especialmente castellana y aquellos términos excesivamente comarcales. Pero en cambio procuramos esforzarnos en consignar todos los vocablos que son netamente gallegos y que están inscritos en cuantos monumentos literarios existen de los pasados siglos, hasta el XVI, en que, oficialmente, comenzó a imponerse el castellano. (5)

A revista Nós no número 59 de novembro de 1928 celebra a publicación do primeiro volume do dicionario, destacando o carácter popular da obra.

Publicidade na revista Lar
É unha obra d’utilidade e destiñada ô gran púbrico; non é un diccionario d’autoridades, com’o da Academia Galega, nin unha verdadeira enciclopedia de cousas de Galiza, com’o que se vai principiar, d’Eladio Rodríguez González, nin unha obra centífeca. Pro é moito mais que ningún dos diccionarios compretos que se levan pubricado, e que ata d’agora, mais ben foron vocabularios estesos que non diccionarios propiamente ditos. Ven encher unha necesidade que se faguía sintir fondamente, e está por elo chamado a ter un grande éisito.

Este carácter popular fica tamén de manifesto desde as primeiras noticias sobre o seu lanzamento na revista Lar, que no número 35, de xullo de 1927, anuncia a pronta edición do Diccionario Galego Lar – O máis compreto dos pubricados hastr’o dàgora. E a partir do número 37 comezan a publicarse cupóns de desconto na mesma revista: O que presente á coleición de cupós pubricados en LAR, a partir de hoxe, recibirá un exemprar do «Diccionario galego LAR» en condiciós ventaxosas.

Os catro cupóns de desconto aparecidos na revista Lar
A lentitude coa que a Academia Galega acometeu a empresa de editar o seu dicionario, finalmente abandonada en 1928 debido ás dificultades económicas – interrompérono logo de publicar 27 cadernos, sen rematar a letra C (a última entrada foi cativo) –, provocou a frustración dos escritores e intelectuais galegos, para quen resultaba urxente encher o baleiro dunha lingua preservada fundamentalmente na tradición oral. (6)

Despois dun longo periodo en que a nosa língua ficou sômente agarimada nos sinxelos beizos dos homildes, labregos, traballadores e mariñeiros, que tiveron a grandeza de a conservaren na quentura melosiña dos seus fogares, hoxe volta á recobrare o seu esprendor, e ainda á escintilar con novos resprandores, gracias ao xenio dos nosos escritores que fixo rexurdir â vida literaria e culta, a desleixada, desditosa, fala. (verbas limiares ao primeiro tomo do dicionario de Leandro Carré).

E neste relativo ermo lexicográfico, axitado pola expectativa da inminente publicación do dicionario de Eladio Rodríguez, que finalmente non se produciu até 1958, xorde o primeiro tomo do dicionario galego-castelán de Leandro Carré.

Este primeiro tomo está dedicado a Manuel Portela Valladares. (7)

Leandro Carré non xulga necesario incluír no seu dicionario as entradas comúns ao galego e castelán. Ademais incorpora un prontuario ortográfico, que entre outras cousas inclúe as normas para a formación do plural, o uso dos pronomes, infinitivos e acentos gráficos. Tamén anexa a conxugación dalgúns verbos.

O primeiro tomo, rematado en xullo de 1928, acaba na letra D.

O segundo tomo, publicado o 2 de xullo de 1931, non inclúe limiar nin información ortográfica adicional e reúne as entradas que van desde o E até o Z.

A última palabra recollida no dicionario é: Zuruxano s.m. Cirujano. V. Ciruxán.

(1)    Imaxe de Leandro Carré Alvarellos: portada de Enredos. Terra a Nosa. Bibrioteca Popular Galega. 1919
(2)    En agosto de 1927, Leandro Carré trasladou o obradoiro da imprenta Lar á rúa da Franxa, 27 desde a rúa Real, 36, logo da separación de Ánxel Casal, quen fundou a editorial Nós na antiga sé, onde tamén estaba o seu domicilio.
(3)    O dicionario conta cunha terceira edición en 1954 impresa na Litografía e Imprenta Roel da Coruña e outra edición ampliada en 1972 na Imprenta Moret. Logo editouse de novo en Compostela na Imprenta Velograf en 1979, chegando á octava edición en 1984.
(4)    Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso. Xosé Manuel Maceira Fernández. Alvarellos Editora. Santiago de Compostela. 2014.
(5)    Vocabulario Castellano Gallego de las Irmandades da Fala. Imprenta Moret. A Coruña. 1933.
(6)    Os dicionarios galego-casteláns de principios do século XX. Benigno Fernández Salgado. USC. 2000
(7)    Manuel Portela Valladares. (Pontevedra, 1867 – Bandol (Francia), 1952). Político de ideoloxía republicana e liberal, propietario e fundador de El Pueblo Gallego, en Vigo, onde deu entrada aos intelectuais galeguistas. Exerceu como presidente do goberno de España entre 1935 e 1936.