venres, 2 de setembro de 2016

MAR AO NORDE



MAR AO NORDE / Álvaro Cunqueiro
13 de xuño de 1932
Nós, Santiago de Galicia. rúa das Hortas, 20, baixo.
Volume LI
55 p ; 17 cm.

Mar ao Norde. Poemas 1932, primeiro libro publicado por Álvaro Cunqueiro Mora cando tiña vinte anos, está inscrito na corrente vangardista europea e foi editado por Nós na rúa das Hortas de Compostela en xuño de 1932.
O exemplar utilizado para facer esta recensión está dedicado por Cunqueiro a Gerardo Gasset Neira. (2)
A Gerardo Gasset Neira, regalo de mi primer verso, que era al mar
Cunqueiro
A poesía vangardista atraeu durante os anos 20 e 30 do século pasado outros poetas galegos como Blanco Amor, Xulio Sigüenza, Emilio Mosteiro e, de xeito singular, Luís Amado Carballo e Manuel Antonio.
De feito, Mar ao Norde é epígono do caderno De catro a catro, se ben os poemas de Cunqueiro son máis concretos, menos odiseicos, que os de Manuel Antonio. En palabras de Fernández del Riego, son versos xeométricos.
A vida, sobre todo a humana, está ausente nestes versos e cando aparece faino dun xeito fuxidío, como indica Carballo Calero, que é a escasa presencia femenina. (3)
Non obstante, Cunqueiro no quixo identificarse coa vangarda. El mesmo o explica nun texto da serie O mundo i-outras vísperas publicado en El Pueblo Gallego en febreiro de 1935.


Góstame hoxe decir que eu non teño ren que ver nin cos gonfaloneiros do avangardismo, nin coa erudizón, nin con Xesús Nieto Pena, nin con ninguén senón conmigo mesmo. Eu, poeta, ando a ser personaxe exento.

Álvaro Cunqueiro escribiu estes versos para compartilos cos amigos, en particular con Ánxel Fole, quen daquela non estaba interesado na súa poesía (4). Pero sería Luís Seoane, a quen Cunqueiro coñeceu en 1931, quen insistiu en dalos ao prelo.
En setembro de 1931 coñeceu a Luís Seoane, feito decisivo no seu futuro como escritor. Seoane animouno a publicar Mar ao Norde e encarregouse de ilustralo e de falar con Ánxel Casal para que fose a editorial Nós quen o imprimise. (5)
Cunqueiro e Seoane coñecéronse por mediación de Fole no faladoiro do café Español, na rúa do Vilar de Compostela. Daquela Cunqueiro era un poeta non revelado e foi despois de ler estes versos diante de Seoane cando el, emocionado, falou con Ánxel Casal para publicar o libro, escollendo ademais o papel e o formato, e unha tarde de chuvia fixo as ilustracións na súa casa da rúa Fonseca, mentres llas ía dando de unha a unha ao poeta segundo saían da súa man. O propio Cunqueiro fala da súa relación con Seoane e do proceso de elaboración do libro no número 65 da revista Grial.

        Polo San Xohán do ano seguinte tiven nas mans o meu primeiro libro.
        E non puiden conterme, e saín a pasear con el polas rúas do meu
        Mondoñedo. Non podía entender como todo o mundo non saía ás
        portas, fiestras e balcóns a ollarme.
 


Un ano máis tarde de publicar Mar ao Norde, en 1933, Cunqueiro presentou o segundo libro de poemas inscrito na corrente poética da vangarda. Este foi Poemas do si e non, tamén ilustrados por Seoane. (6) Son versos moito máis ceibes e elaborados ca no volume anterior, tamén influídos polas correntes poéticas europeas, e particularmente pola poesía de Paul Eluard (7).
(...) Cando eu nascín tan soio a doce cousas lles faltaba
o nome preciso
i-eu cheguei cun oco nas frontes e na man
pra atopar a indefiñizón das suas craridades navegantes.

(Poema do si e non. Limiar)
Obra poética de Álvaro Cunqueiro (8)
En Mar ao Norde, Cunqueiro utiliza versos concisos, desprovistos de calquera adubo ornamental.
¿Cantas gotas d-auga
e cantas follas novas?
Da vosa mesma luz vos recontades: Abonda.
Os poemas reproducen unha estrutura semellante á utilizada por Manuel Antonio en De catro a catro, narrando a odisea transformadora do protagonista.
Un «itinerario» que ten seu esqueleto construtivo na estrutura mítica da aventura do heroe, e que implica un abandono (do mundo coñecido), unha aventura (no descoñecido) e un regreso (tras o proceso de transformación vivificadora) (9)
No primeiro volume da Obra en galego completa de Álvaro Cunqueiro, dedicado á poesía e o teatro, e publicado por Galaxia en 1980, o autor escúsase innecesariamente sinalando que moitos dos poemas teñen avellentado dabondo. Non obstante, os versos reflicten os anos mozos do poeta ou, como ben di o propio Cunqueiro:
Eu ollaba así o mundo, as estrelas, os merlos, as noites e os menceres, e o meu propio corazón.
Mar ao Norde
O libro non ten unha dedicatoria xeral, pero algúns poemas están dedicados aos amigos do autor. Entre eles están Aquilino Iglesia Alvariño (10), Anxel Fole (11), Bernardino Vidarte (12), Francisco Lamas (13), Ricardo Carballo (14) e Ramón Martínez (15).
Mar ao Norde está dividido en catro partes, identificadas por outros tantos debuxos de Seoane: Porto, Mar outa, Illa e Terra adentro.
Porto contén tres poemas, numerados e sen título. Unicamente o primeiro aparece dividido en tres partes identificadas como: Sol, Soma e Sempre.
Os poemas trasládannos ao inicio, o momento en que dá comezo a travesía.
Sin que naide o soupera
houbo un intre puro
no que nada houbo.
                               Agora,
na palma da ágoa,
da soma o fruto do instantiño aquil.
Mar outa reúne nove poemas, tamén numerados e sen título.
Os versos aluden á soidade do mariñeiro no mar aberto, rodeado de auga e sen máis compañía que os recordos.
Unha, duas, tres: A lancha
enchen de somas, áxiles e nítidas.
Sob de tí voan: craras,
navegantes,
tibias.
Catro, cinco, seis. Gueivotas.
A inmensidade do mar representa o paso da vida, que deixa atrás a adolescencia internándose na madurez: “Coma si houbese preno escuro”.
A vosa soedá oúcese
– algas, risas –
rota.
Xa nada hai d-aquela
sinxeleza crecente. O ronsel
– a cor, o ar –
perdeu o fume do seu perfil.
Xa, ren.
Illa inclúe sete poemas numerados. Unicamente o terceiro leva título: Rosal.
Illa é o santuario, o lugar alcanzado polo poeta logo de atravesar o mar, desde onde contempla a vida con especial claridade. Son versos de saudade. Tamén descobren a presenza feminina; única alusión humana no libro.
Xa teño a noite i-o día
azul-rosa, frescuras.
            ceios comunicantes.
Eiquí as choivas son choivas novas,
anacos relucintes, teitos outos
oh meu carto no meio do mar:
                     pomba parada!
O libro remata cos dous poemas de Terra adrento. Acaba a travesía e prodúcese a transformación. O poeta renace, arrastrando unicamente a saudade do pasado.
¿Non coñeces o mar?
– Non.
¿Nin o vento do mar?
– Non.
¿Quén eres, pois?
– Unha soma noviña
        recén nascida e nua,
        terra adrento!
(1)    Fonte da imaxe de Álvaro Cunqueiro: Centro Virtual Cervantes
(2)    Gerardo Gasset Neira. (Pobra do Caramiñal, 1899 – Vedra, 1969). Avogado e escritor.
(3)    A poesía galega de Álvaro Cunqueiro. Francisco Fernández del Riego. Grial nº 72, Vigo, Galaxia, abril-xuño 1981.
(4)    “Deseguida empecei a escribir en galego uns poemas que a Ánxel Fole, compañeiro meu no instituto, non lle importaban nada. El acababa de descubrir a Antonio Machado e andaba dicindo de memoria La tierra de Alvargonzález e esas cousas. Eu ensináballe os meus poemas con moita ilusión, pero non lle daba importancia. Fole é fantástico.” Leria con Álvaro Cunqueiro. Carlos Casares. Ibid. Nota 3.
(5)    O Cunqueiro de pre-guerra: notas biográfico-poéticas. Xosé María Dobarro, en A nosa terra, «O mundo de Cunqueiro», Vigo, novembro de 1991
(6)    Poemas do si e non. Edicións Un, Lugo, 1933.
(7)    Paul Eluard. (Saint Denis, 1895 – Charenton-le-Pont, 1953) Cunqueiro traduciu dous poemas de Eluard no Faro de Vigo baixo os pseudónimos de A. Labrada e Manuel Mª Seoane. Outros dous textos foron incluídos na escolma Flor de diversos (Eluard en Galego. Capital da dor. Espiral Maior. Poesía. A Coruña. 1997).
(8)    Mar ao Norde. Nós, Santiago, 1932; Cantiga nova que se chama riveira. Resol (Nós), Santiago, 1933; Poemas do si e non. Edicións Un, Lugo, 1933; Dona do corpo delgado. Editor Sabino Torres. Colección Benito Soto, Pontevedra, 1950; Herba aquí ou acolá. Volume I Obra en Galego Completa, Galaxia, Vigo, 1980.
(9)    Notas sobre la poesía vanguardista de Álvaro Cunqueiro. Arcadio López Casanova, en Boletín da Fundación Federico García Lorca (Madrid), n.º 15 (xuño de 1994).
(10) Aquilino Iglesia Alvariño. (Abadín, 1909 – Compostela, 1961). Poeta e tradutor.
(11) Ánxel Fole. (Lugo, 1903–1986). Narrador, dramaturgo e xornalista.
(12) Bernardino Vidarte. (Bos Aires, 1910 – Mondoñedo, 1981). Artista gráfico.
(13) Francisco Lamas López. (Lugo, 1905 – Madrid, 1987). Alcalde de Lugo en 1936.
(14) Ricardo Carballo Calero. (Ferrol, 1910 – Compostela, 1990). Poeta, dramaturgo, narrador, ensaísta e filólogo.
(15) Ramón Martínez López. (Boiro, 1907 – Pontevedra, 1989). Filólogo e político.