martes, 1 de novembro de 2016

DIVAGACIONES



DIVAGACIONES / Adriano Martínez Morales
1930
Imprenta Nós. Linares Rivas, 50. La Coruña
502 p ; 18 Cm.

Divagaciones. Consejos, ideas y conocimientos útiles al campesino y para él escritos, do autor Adriano Martínez Morales, quen se identifica como axudante do Servizo Agronómico, foi editado por Nós na Coruña en 1930.
Un dos poucos datos dispoñibles sobre Adriano Martínez é o seu nomeamento como axudante de cuarta categoría e funcionario do Servizo Agronómico Catastral, publicado en El Progreso Agrícola e Pecuario, xornal agrícola de ámbito estatal, o 15 de outubro de 1917.
Tamén sabemos que militou na causa agraria.
Figura menor foi o agrario de Nebra, Adriano Martínez Morales, quen publicou na Coruña en 1930 o volume Divagaciones. Consejos, ideas y conocimientos útiles al campesino y para él escritos. Polas dificultades da época tivo unha mala distribución e consérvanse poucos exemplares. A obra fai referencia á coñecida represión sobre o campesiñado ocorrida o 12 de outubro de 1916 na ponte de Cans en Nebra. (1)
Precisamente o libro comeza recordando a represión dos veciños de Nebra por parte da Garda Civil (2).
Cuando el 12 de Octubre del año 1916 la Guardia Civil ocasionó la muerte en el Puente de Cans, de la parroquia de Nebra (Puerto del Son) a cinco miembros de la Sociedad Agrícola local e hirió a treinta y cuatro, pensamos que la eficacia de una fuerza social no estriba solamente en el número de socios que la integran sino, más bien en la cultura e ilustración de estos.

Por este motivo, a Sociedade decide premiar ao autor dun libro que reúna os dereitos e obrigas do labrego, ao tempo de orientalo socialmente. O proxecto non pasou da intención e o propio Martínez decidiu acometelo pola súa conta.

Solo la cultura y la estrecha unión con tus compañeros, los demás labradores, que deben ser tus mejores amigos, te redimirán de la miseria que padeces y de la esclavitud en que vives.

Enterro dunha das vítimas dos Mortos de Nebra
ou Mártires de Cans en outubro de 1916
@GZhai1seculo
As dificultades económicas polas que pasaba Ánxel Casal en 1930, logo do fanado intento de poñer na rúa o xornal El Momento, contribuíron de certo a limitar a distribución do libro. Tamén poden explicar a aparición deste volume tan pouco coherente coa liña editorial de Nós, quizais pola necesidade de aceptar encargos dos propios autores.
As Divagaciones de Martínez Morales constitúen un manual de auto-axuda con intencións moralizantes.
Utilizando exemplos, en ocasións extravagantes, o autor pretende marcar o camiño recto que guíe os actos dos labregos, encamiñando a moralidade individual e a responsabilidade colectiva cun carácter marcadamente conservador.
Os discursos preséntanse a xeito de sermóns laicos moralistas, adubados con sentenzas e abarcan distintos aspectos da vida dos labregos.

El que sepa conformarse con lo que tiene vive contento y acaso más feliz que aquel que sea dueño de grandes riquezas y, siempre avaro, se desvele y sacrifique desordenadamente por aumentarlas.

Al campo debemos volver los ojos los españoles si queremos regenerarnos. En el campo están y del campo han de salir los elementos de la salvación del país.

Creemos firmemente que si el hombre pusiera tanto interés en conservar su salud como pone después que la pierde en recobrarla, no enfermaría casi nunca.

O índice diverso comeza falando do matrimonio e as calidades dos cónxuxes, para logo seguir co proceso do embarazo, parto e cría, e a moralidade, falando por extenso da envexa, a calumnia e a verdade.

Deseguida acomete un apartado sobre a saúde física e psicolóxica, combinando a conservación da saúde coa necesidade de evitar o que el chama: “enfermidades secretas” e unha exhortación aos labregos para que non se deixen abater polas penas.

Varios capítulos tratan da necesidade de conservar a facenda, gabando a sobriedade persoal e colectiva, para iniciar a continuación varios apartados que podemos englobar dentro da organización social.

Neles fala da inxustiza, os caciques e a pobreza e como remedio propón a asociación dos labregos, na liña dos postulados agrarios. Tamén expón a súa visión sobre o comunismo e o cooperativismo, aspirando á igualdade das retribucións.

O autor tamén fai profesión de universalismo e aspira á existencia dunha única patria, unha relixión e unha lingua universal, superando así os que el chama dialectos rexionais.

A nosotros se nos figura que entre todos los inconvenientes que consigo lleva el hablar lenguas distintas dentro de los linderos de una misma Nación, es precisamente el más grave, el más perjudicial, el que más daños causa y origina, aquel que engendra un amor distinto a la región materna, al terruño.

Por último, Martínez dedica un apartado ao sufraxio universal.

Vamos solamente a indicar a los labradores, o mejor dicho a recordarles, que su voto, que tan poco estiman y aprecian, dándolo generosamente a cualquier caciquillo de pueblo o aldea, es factor importantísimo, decisivo en la vida económica del pueblo agrícola; es la llave con que han de abrir un día, después que se den perfecta cuenta y se preparen para ello, las puertas del sagrado templo de su redención.

(1)    As letras de Porto do Son. Unha panorámica. Xoán Pastor Rodríguez Santamaría. Barbantia. Anuario de estudos do Barbanza, nº 8. Asociación Cultural Barbantia. Boiro. 2012.
(2)    Os veciños de Cans, aldea próxima á ría de Muros, no concello de Porto do Son, manifestáronse en 1916 contra o reparto dos Consumos que foran incrementados arbitrariamente polo concello para facer fronte ao déficit municipal. O 12 de outubro, o axente encargado da recadación acudiu escoltado pola Garda Civil, que ante a oposición dos veciños abriu fogo sobre eles na ponte de Cans, matando catro mulleres e un home (Francisca Carou, Ramona Suárez, Xenerosa Vidal, Rosa Cardóniga e Antonio Sobrado) e ferindo moitos dos manifestantes.