sexta-feira, 16 de junho de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 12



As comunicacións entre Ramón Cabanillas e Enrique Peinador comezan a espazarse despois da intensidade dos primeiros días en Madrid. De novo en xuño de 1922, o poeta responde á carta do amigo desde o Centro de Galicia en Madrid, onde exerce como profesor de galego con pouco éxito.

CENTRO DE GALICIA. MADRID
SECCIÓN DE ESTUDIOS

25 do Sanxuán

Sr. D. Enrique Peinador

Meu querido Enrique:

Recibín a seu tempo a tua carta, o xiro dos libros e a fotografía da rolada de San Cibrán de Mouriscados: sairá no número que se está emprentando de “As Roladas” con un “ordenamento” que pode servir para as demáis.

Estou que abalo de enleadas e traballos, abafado de calor e cheo de noxo n-este Madrí dos meus pecados, mais non hai que lle faguer.

Como non quero metelo no medio dos traballos en proyeuto vou ver si sai esa letanía que arelas: a mostra que me mandas e unha cuarteta de versos de seis sílabas e a ela me axunto: si non saisen o teu gusto, esquirbeme axiña decíndome onde esta a dificultade do encaixe na música.

Sabes canto te quere teu irmán
Cabanillas 


Na carta anterior, de 30 de abril, o poeta pedía a Peinador que se sumase á iniciativa cultural das Roladas, organizando grupos de cativos que debían pescudar na contorna as manifestacións da cultura popular galega como por exemplo o folclore, os costumes ou a toponimia.

Por impulso de Peinador constitúese a Rolada denominada “Luar” na escola de San Cibrán de Mouriscados, en Mondariz.

A expresión do “Madrí dos meus pecados” non é nova. Cabanillas usouna tamén nunha carta enviada a Álvaro Cebreiro desde a capital pedíndolle debuxos para ilustrar os seus libros.

Mañán ou pasado che mandaréi os libriños: non o fixen xa porque estou cheo de traballo e trapalladas n-este Madrí dos meus pecados. (1)

Cabanillas fala así da “vila charca” ou “vila podre”, expresións usadas polo poeta e, por extensión, habituais na fala común do galeguismo nestes anos, onde ficou empantanada a súa vida logo de deixar a terra á procura dun futuro mellor.

Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Galaxia. Vigo. 2009.

quinta-feira, 1 de junho de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 11



Pasaron cinco meses desde que Ramón Cabanillas remitiu a última carta a Enrique Peinador, quen usou as súas influencias para resolver os problemas económicos inmediatos do poeta. En resposta á nota do valedor, Cabanillas dá conta dos acontecementos ocorridos entre finais de novembro de 1921 e abril de 1922.

A carta vai precedida dunha estrela de cinco puntas riscada na marxe superior, símbolo utilizado de vello polos membros das Irmandades para identificarse.

Sr. D. Enrique Peinador

Meu querido Enrique:

¡Canto tempo sin novas túas! Lémbrome sempre, mais ¡qué queres! esta vida, esta miña vida de atafegamentos sin repouso e de iniquedades negras non me deixan nin ser ben criado nin ser home agradecido, – pol-o menos non me consinten parecelo, porque no fondo ti que me coneces sabes que nunca o meu silenzo ê desamor.

En paquete aparte mándoche un exemprar de “Vento mareiro” que mandei encontrar para ti. Da traxedia de esa edición non che quero falar: con ágoas pasadas non moen os muiños: abóndache saber que o Pueyo ê un disgraciado, que estivo a dous dedos da quiebra (e inda coido que non tardará moito en presentala) e que eu inda non vin un real do libro (nin o veréi, pol-as trazas) e que até me custou traballo arrincarlle 50 exemprares para os amigos. Mata, Lugín, Díaz Caneja, Camba, Fernández Flórez, … todos os que traballaban co-él, apartáronse até onde puderon. Ê un camelo; e a Manolita que xa ten unha rapaciña (nada os oito meses do casamento e que según o Alexandro – o home – non ê setemesina) ê outro camelo.

C-o libro mándoche tamén un par de exemprares de “As Roladas”. – Xa me dirás o que che parece da ideia. ¡Con que ledicia vería eu que fixeras unha roladiña en Mondariz! ¡Faima e mándame o retrato dos rapaciños irmandados para pubricar no primeiro númaro que saia! – Si queres, c-o esa firme vontade que Dios che dou farás unha cousa bonita. Todo ê que che caia ben. Eu prégollo a Dios.

Teu irmán pídeme unha cousa para “Mondariz”: mandeille a carta que lerás no númaro que está a saír e xa teño escomenzadas as Lembranzas de que fala a carta: coido que non estarán mal do todo e que terán certa orixinalidade: serán moi sinxelas porque serán verdade e mais que feitos e socedidos refrexarán os meus pensamentos segredos: tiven que buscar a maneira de cangarllas a outro porque si as esquirbise como cousa propia non atoparían moitos creentes.

Lémbrome que me fixeches unha encarga fai tempo, pero por miña nai que está no Ceo che digo que non me recordo do que foi: xa saberías que estiven bastante mal todo o mes de Marzo e parte do de Febreiro (por tres veces caín na cama e a derradeira ben doente) e inda non volvin o meu pois baixei no que vai de ano 6 kilos e medio. Con todo, coido que vou para riba e que si no vran podo pasar un par de meses na Terra poreime como un buxo.

Non te esquezas de mín e cando teñas un istante de vagar mándame o consolo d-unha carta.

Dalle os meus bos recordos a todos os bos amigos.

Xa verás que o Risco estaio faguendo moi ben e que o partido Nacionalista xa ê unha cousa de respeto: eiquí, os que se enteiran, xa comenzan a tomar a cousa con seriedade.

Sabes canto e tan fondamente te quere teu bo amigo
R Cabanillas
30-04-1922
Na esterqueira





A vida do poeta na capital mudou. Por fin conseguiu un traballo que lle permite asegurar o sustento xunto ao deputado Leonardo Rodríguez, probablemente como secretario persoal, obrigado a participar na rebotica da política cortesá e viaxar co deputado á súa circunscrición á procura de votos.

En novembro de 1921 o editor Pueyo deu ao prelo a segunda edición de Vento Mareiro, da cal envía un exemplar a Peinador. Como podemos ver, as relacións entre poeta e editor non acabaron de boa maneira e o poeta aventa os desaires padecidos.

As Roladas foi unha iniciativa ideada por Cabanillas e dirixida aos rapaces, que debían pescudar na contorna das súas parroquias sobre distintos aspectos da cultura popular como a toponimia, tradicións ou folclore, coa intención de proporcionar aos mestres unha ferramenta alternativa para fomentar o uso do galego entre os nenos.

Ao tempo publicáronse en Madrid dous exemplares da folla As Roladas, correspondentes aos meses de maio e xuño de 1922. Na publicación, financiada polos amigos madrileños de Cabanillas, participaron moitos dos escritores e artistas vinculados á causa galeguista.

Cabanillas tamén dá conta a Enrique Peinador do envío dunha nota biográfica de estilo humorístico  ao seu irmán Ramón e que apareceu publicada no número 46 da revista Mondariz, último exemplar aparecido da cabeceira en abril de 1922.

Sr. D. Ramón Peinador Lines.
Meu querido tocaio:
¡De maneira que uns “apuntes autobiográficos” para a revista MONDARIZ!
Non lle vexo xeito.
Salvados os prestixios do caso e o que na comparanza se poida ver de atrevimento, a miña biografía fíxoa Eça de Queiroz cando dixo en gabanza de Ramalho Ortigão: “Não é bacharel e ten saude”.
Eu – gracias a El Señor – tampouco son bachiler e tamén gozo – Dios ma conserve – mais saude que un buxo.
Fora d-eso, seméllome ô home feliz en que non teño camisa e â muller honrada en que non teño historia, sin que vaian mais adiante as semellanzas.
Ben se deixa ver, dimpóis do dito, que a autobiografía que poidera mandarlle tería de rematar tan axiña como fixase a data en que me botaron a este mundo e, cando moito, ó deixar sentado que denantes de ir a escola tiven o sarampón. Arrepare vostede, polo demais, que, si ben se mira, das cousas que lle soceden os homes na vida pódense faguer duas moreas: as do maior quiñón son as que lle non importan â xente; e as do lote mais pequeno, por comenencia ou por vergoña, ninguén as conta a direitas.
Con todo, como eu non lle podo negar nada a vostede e “Mondariz” é unha das miñas outas devocións, imos chegar a un arregro.
Teño un vello amigo que, por mais que nos levamos ben pois metéuseme na chola que non ten os cinco cabales, nunca de min se arredou. Ô longo dos seus días foi tomando conta, sin xeito nin ordenamento, como poido e como soupo, das suas inquedades e dos seus tropezos, dos pensamentos que o ferían, das sombras que o envolveron, dos soños que o bicaron e das volvoretas e os morcegos que voaron ô seu arredor.
Anda agora atafegado no enfiamento de verbas e cavilosidades e, si a vostede lle compre e é do seu gusto, conte con que folla tras folla âs suas mans terán de ir os apuntes do meu compañeiro, que levan esta liña por cabeceira: Lembranzas dun home que non se atopa a si mesmo.
Seu de cote, con fonda e fina amistade,
RAMÓN CABANILLAS.
En Madrí, o 1º do abril do 1922.

segunda-feira, 15 de maio de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 10



Case un mes despois da última carta enviada, Cabanillas escribe de novo a Enrique Peinador o 21 de novembro de 1921.

Sr. D. Enrique Peinador

Querido Enrique:

O demo do libro que ¡ô fin! xa está arrematado e non fai falla mais que coselo, doume mais traballo emprentalo que esquirbilo. De ehí a miña demora en darche contesta: agora, poréime a faguer as tuas encargas con toda presa e con toda boa voluntade e cariño, que, para min, ninguén é mais merecente d-elas.

Ô Leonardo véxoo caseque todol-os días, e ten por certo que é das miñas amistades eiquí a que sinto mais fondamente: estóu n-un todo conforme co-a sua maneira de ver as cousas galegas e paréceme que é o único que está orientado.

Teño moitas cousas de que falarche e si vou pol-as navidades a casa, vereite un día.

Teu de cote, c-o corazón,

R Cabanillas
¡Terra a nosa!
Nov. 21.

A segunda edición de Vento Mareiro saíu do prelo o 15 de novembro de 1921 no obradoiro de Juan Pueyo, na rúa Luna, 29, presentada pola editorial Galatea na colección Biblioteca Galicia.

A portada é obra de Castelao e os debuxos interiores de Álvaro Cebreiro.

Este libro foi o de maior tirada dos que Cabanillas publicou ao longo da súa carreira literaria e o que acadou maior difusión. (1)

O poeta fala tamén na súa carta do deputado electo polo distrito de Chantada Leonardo Rodríguez, quen tamén participou activamente na xestión do Centro Galego de Madrid, ao cal estivo vinculado Cabanillas como profesor de galego. Tamén sabemos por cartas anteriores que o elemento decisivo para establecer a fluída relación entre os dous foi a mediación de Enrique Peinador.


Cabanillas exerceu como secretario persoal do deputado conservador, membro da familia besadista e que non obstante simpatizaba cos líderes nacionalistas, manifestándose próximo ás teses rexionalistas.

Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Galaxia. Vigo. 2009.