luns, 15 de maio de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 10



Case un mes despois da última carta enviada, Cabanillas escribe de novo a Enrique Peinador o 21 de novembro de 1921.

Sr. D. Enrique Peinador

Querido Enrique:

O demo do libro que ¡ô fin! xa está arrematado e non fai falla mais que coselo, doume mais traballo emprentalo que esquirbilo. De ehí a miña demora en darche contesta: agora, poréime a faguer as tuas encargas con toda presa e con toda boa voluntade e cariño, que, para min, ninguén é mais merecente d-elas.

Ô Leonardo véxoo caseque todol-os días, e ten por certo que é das miñas amistades eiquí a que sinto mais fondamente: estóu n-un todo conforme co-a sua maneira de ver as cousas galegas e paréceme que é o único que está orientado.

Teño moitas cousas de que falarche e si vou pol-as navidades a casa, vereite un día.

Teu de cote, c-o corazón,

R Cabanillas
¡Terra a nosa!
Nov. 21.

A segunda edición de Vento Mareiro saíu do prelo o 15 de novembro de 1921 no obradoiro de Juan Pueyo, na rúa Luna, 29, presentada pola editorial Galatea na colección Biblioteca Galicia.

A portada é obra de Castelao e os debuxos interiores de Álvaro Cebreiro.

Este libro foi o de maior tirada dos que Cabanillas publicou ao longo da súa carreira literaria e o que acadou maior difusión. (1)

O poeta fala tamén na súa carta do deputado electo polo distrito de Chantada Leonardo Rodríguez, quen tamén participou activamente na xestión do Centro Galego de Madrid, ao cal estivo vinculado Cabanillas como profesor de galego. Tamén sabemos por cartas anteriores que o elemento decisivo para establecer a fluída relación entre os dous foi a mediación de Enrique Peinador.


Cabanillas exerceu como secretario persoal do deputado conservador, membro da familia besadista e que non obstante simpatizaba cos líderes nacionalistas, manifestándose próximo ás teses rexionalistas.

Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Galaxia. Vigo. 2009.

martes, 2 de maio de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 9


A nova carta de Cabanillas a Enrique Peinador está datada o 28 de outubro de 1921.
 
CENTRO DE GALICIA. MADRID

EL DIRECTOR DE ESTUDIOS – PARTICULAR

Oct 28

Sr. D. Enrique Peinador

Meu querido Enrique:

Recibín a tua carta e recibín o libro de Peña Novo, que supoño saido das tuas mans: Téñeno os rapaces galeguistas porque o levei â xuntanza que tivemos o dia do cabo de ano do Alcalde de Cork, â que foron tamén vascos e cataláns, a mais dos irlandeses.

Onte estiven falando con teu irmán Ramón e quedei en que faría unha páxina do Mestre Baldomir, que está eiquí, para o númaro que ven da revista. Estóu faguendo unhas cousas para a Zarpa que se pubrican os quintafeiras ¿non as viche? O “Vento mareiro” sairá dentro de 15 dias e axiña escomenzará a composición de “O Mariscal”. Xa sabes que en Madrí van as cousas con calma. Vexo moito a Leonardo que é un home que arrastra todas as miñas admiraciós e que, endemais, foi o soio que tomóu intrés por min e que cada dia me dá mostras abondo d-unha garimosa e fouta amistade. Coido quen non deixará de se presentar a ocasión de darme algo que me consinta moverme. Deféndome como podo e vou vivindo. De Mos, me non fales: Carrera, Barreras e demáis están moi enganados: eu non podo xa con certas cousas e certos xeitos: inda non lles chegóu a comprension que é mester pra porse a tono c-os novos tempos. A miña ilusión, polo de agora, son os meus libriños: téño medo a morrerme e deixar por portas â miña muller; tan siquera deixarlle eso feito, que, mal ou ben, pódelle ir dando unhas cadelas.

Non te esquezas de lle falar de min a Leonardo: dos demais non agardo nada, (anque sei que Maura, que conece todo o que me pasóu, botaría o resto porque se me dera o que legalmente poida darse.) e somentes Leonardo cando poida sei que o fará.

Eiche esquirbir de vagar, en canto saia d-uns traballos de eiquí da seución de Estudios.

Moito me enche de legría que estés tranquío e que teñas as tuas fillas preto.

Axiña che mandaréi o do Concurso: tiveche un bo acordo; é do mellor que pode faguerse.

Quéreche de todo corazón teu irmán
Cabanillas
¡Terra a nosa!

Téñoche de falar de política pero deixóo pra a outra carta.

Disme ¿cando vés pol-a terra? ¡Meu Dios! A poder, agora, sin tornar a cabeza atrás!




Cabanillas emprega o papel de carta do Centro de Galicia onde daba clases de idioma galego, con pouco éxito a dicir do artigo publicado por Francisco Camba en La Voz de Galicia.

La otra tarde tuve que ver a Ramón Cabanillas que, como ustedes saben, es profesor de literatura e idioma gallegos del Centro de Galicia, y se me ocurrió ir a su clase.
Si no ha terminado – me dije – le oiré la conferencia que no me vendrá nada mal.
Pero Cabanillas no había comenzado ni comenzó en el resto de la tarde. Así como ese gran literato que se ha llamado Emilia Pardo Bazán no tenía ni un alumno para su clase de literatura española, el gran poeta y lexicólogo de Galicia no los tiene tampoco para su clase de literatura e idioma gallegos.
(1)

Na súa carta, Cabanillas fala do libro de Lois Peña Novo titulado La mancomunidad gallega (2), publicado en 1921 na Biblioteca da Revista Mondariz.

Este texto foi premiado no “Primer concurso sobre temas interesantes para Galicia” organizado por Enrique Peinador en agosto deste mesmo ano e o traballo serviu de base para o desenvolvemento posterior do Estatuto de Galiza, onde participou intensamente Peña Novo como membro da comisión redactora.

Cabanillas informa a Peinador que entregou o libro aos mozos da Irmandade Céltiga, reunidos para homenaxear o cabodano da morte de Terence Mac Swiney, alcalde de Cork polo Sinn Féin, quen morreu en prisión o 24 de outubro de 1920 logo de permanecer 74 días en folga de fame. Este feito provocou unha corrente de solidariedade entre as nacións sen estado de toda Europa, e no caso de Galiza as Irmandades fixeron del un símbolo de loita.

Ademais sabemos que desde o exilio, Cabanillas segue colaborando na revista Mondariz e baixo o pseudónimo Enrique de Suevia actúa como correspondente en Madrid do xornal ourensán La Zarpa, dirixido por Roberto Blanco Torres e propiedade de Basilio Álvarez, onde tamén publica algúns poemas.

En novembro saíu do prelo a segunda edición de Vento Mareiro e malia ter avanzado as conversacións para publicar O Mariscal, como tamén confirmou nunha das cartas enviadas a Antón Villar Ponte, coautor da peza dramática, as difíciles relacións co editor Juan Pueyo provocaron que a obra non fose impresa na capital.

Deseguida Cabanillas pídelle a Peinador que non esqueza del nos contactos co deputado Leonardo Rodríguez, quen malia non terlle proporcionado unha ocupación como el pretende, está interesado en resolver o problema.

Antonio Maura está informado da inxustiza que padece ao negarlle o traballo apalabrado, probablemente por medio do pontevedrés Prudencio Rovira, secretario particular do presidente.

Por último, o poeta renega do concello de Mos onde renunciou ao posto de funcionario, aludindo aos xeitos caciquís de comportarse.

Eu non podo xa con certas cousas e certos xeitos: inda non lles chegóu a comprension que é mester pra porse a tono c-os novos tempos.

(1)  Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Galaxia. Vigo. 2009.
(2)  La mancomunidad gallega. Lema: “A nosa terra debe ser nosa”. Luis Peña Novo. Biblioteca de la revista Mondariz. Litografía e Imprenta M. Roel. Vigo. 1921.