sábado, 15 de julho de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 14



Non se conservan as cartas enviadas por Ramón Cabanillas a Enrique Peinador entre xuño de 1922 e abril de 1926. Con toda seguridade estas existiron, pero ou ben non puideron ser salvadas da desfeita polo empresario despois de deixar Vigo no verán de 1936 ou acabaron perdéndose logo de depositalas na casa da súa filla Avelina en Ponteceso.

Por desgraza, non podemos coñecer de primeira man as desventuras do poeta en Madrid logo da morte do seu valedor Leonardo Rodríguez e as peripecias políticas que o devolveron a Cambados en maio de 1923 e como foi acollido en Mondariz por Enrique Peinador a partir de 1924, onde viviu e traballou executando distintas tarefas para o balneario.

Logo deste paréntese, a primeira carta coñecida enviada por Cabanillas a Peinador está datada o primeiro día de abril de 1926.

Querido Enrique:

A las 11 ½ de la mañana estaba en Cambados. Tuve la suerte de que el automóvil llegase a las 9 menos 5 a Pontevedra y a las 9 salió el tren para Villagarcía.

Ahora – las 4 de la tarde – en Padrenda me recomiendan con mucho interés la nota que te acompaño para que la envíes, recomendándola como cosa propia a tu amigo Eijo porque la presentación es de Castelar y parece que el Obispo de Madrid es íntimo del presentante.

Si recibimos noticia de Antonio Palacios y viene a Armenteira te telegrafiaré, porque aunque no vayamos al monasterio pasaremos una buena tarde en esta Rectoral en donde florecen todos los rosales de la simpatía, de la amistad y de la buena vida cantada por el Arcipreste de Hita.

Tuyo

Cabanillas
1º Floridal – 1926
 

O amigo de Peinador a quen cita Cabanillas é Leopoldo Eijo Garay, bispo de Madrid-Alcalá e galego de orixe, quen asistiu á recepción do poeta como membro da Academia Española en maio de 1929.

sábado, 1 de julho de 2017

Carta de Ramón Cabanillas 13



Un ano despois de ter chegado a Madrid, Cabanillas volve a Cambados de vacacións xunto ao pintor Francisco Lloréns (1), coa intención de homenaxear a Asorey (2).

CASINO DE CAMBADOS

Sr. D. Enrique Peinador

Querido Enrique:

¿Recibiche a miña carta? O banquete a Asorey será o día 20, domingo, e eu tiña moito intrés en que viñeras. Como o númaro de tarxetas e limitado, dime si che reservo algunha: coido que estará moi ben, anque o custo non é mais que de tres pesos, e que virá boa xente. Podes matar dous paxaros d-un tiro, pois o mesmo dia âs 5 da tarde escomenzarán as regatas de Vilagarcía que din serán unha cousa moi linda. ¿Que che parecéu o númaro derradeiro de “As Roladas”? Lloréns tamén tería unha grande legría en verte. ¿Si non poidera vir o día 20, non podes chegarte un día calquera a xantar con nos? ¡Cantas ganas teño de che dar unha aperta!

Pol-o demais temos de falar moitas cousas.

Póme duas letras

Teu de cote

Ramón
5 agosto – 1922


Cabanillas anuncia a Peinador a celebración da homenaxe a Asorey en Cambados, o 20 de agosto de 1922. Tradicionalmente pensábase que este acto tivo lugar o día 22, pero ese día coincidiu en martes e non en domingo, como si foi día 20, polo cal e máis tendo en conta a carta de Cabanillas, quen foi o organizador, temos que dar por boa a data do domingo día 20.

Cabanillas comezou a preparar en Madrid os actos en honra do escultor e non lle debía ser moi difícil ter a complicidade do concello de Cambados, pois na altura exercía de tenente de alcalde o seu amigo Xaquín Sánchez Peña. A homenaxe a Asorey era de recoñecemento pero tamén de desagravio porque, en opinión de Cabanillas e de case toda a colectividade artística galega, o terceiro premio que o xurado da Exposición Nacional de Bellas Artes decidira outorgarlle á obra do escultor cambadés non se correspondía cos máis altos merecementos de Naiciña e, de feito, Asorey rexeitara a medalla. (3)

Naiciña é unha das obras costumistas executadas por Asorey nos anos 20. Trátase dunha talla en madeira policromada de trazos realistas relacionada con outras obras do mesmo autor e que pretenden representar a vida popular galega, amosando a identidade esencial da raza.

Asorey presentou a obra na Exposición Nacional, onde obtivo o terceiro premio consistente nunha bolsa de viaxe que había servirlle para percorrer España.

O acto de desagravio organizado por Cabanillas en Cambados contou coa presenza de representantes políticos e boa parte da elite cultural galega, entre os que estaban os alcaldes de Cambados e Santiago, e tamén Portela Valladares, Vicente Risco, Basilio Álvarez, Castelao, Francisco Lloréns, Francisco Camba, Eladio Rodríguez, Euxenio Montes, Enrique Peinador, Fernández Mazas, Bouza-Brey, Valentín Paz-Andrade e Antonio Magariños, entre outros, unidos todos eles pola amizade con Cabanillas. (5)

O poeta leu os “Versos á présa”, escritos para a ocasión.

Cando vin que en Castela foi premeada
“Naiciña”, polos cutres na inxusticia,
maxinei teu cicel honrosa espada
redentora dos aies! de Galicia.

E entón dixen: traballando decote,
co numen enxendrado, neste rueiro,
chegará a ganar premeos a pote
que che tendrá que da-lo mundo enteiro.

E esquírboche ca miña musa tola
e sin ter un anaco de trobeiro,
a fin de que coroes a cachola
con estes ramalliños de loureiro.

Quedo namentras: afiando a fouciña
con que os cortei na nosa “Terra Santa”,
aprand-os premeadores de Naiciña
Que a croalos tamén... pola graganta...

I agora que lle vou mandar a Paquiño?
Voulle mandar os loureiros... i a fouciña...

(1)  Francisco Lloréns Díaz. (A Coruña, 1874 – Madrid, 1948). Pintor paisaxista, cun estilo próximo ao impresionismo.
(2)  Francisco Hipólito Asorey González. (Cambados, 1889 – Santiago de Compostela, 1962). Escultor.   
(3)  Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades. Luís Rei. Galaxia. Vigo. 2009.
(4)  Naiciña (1922). A peza, desaparecida durante anos, foi localizada en 2014 nun museo de Santa Fe (Arxentina), probablemente repintada e sen conservar a policromía orixinal. Fonte da imaxe: Faro de Vigo.
(5)  Franciso Asorey, escultor galego. Maribel Iglesias Baldonedo. Tese de doutoramento. Santiago de Compostela. 2015.