domingo, 1 de abril de 2018

LADAIÑA


LADAIÑA / De las Casas, Álvaro María
Xunio de 1927
Lar, revista mensual. Ano IV; número 34. Editorial Lar. Real, 36 – 1º. A Cruña
23 p ; 16 cm.


A novela curta Ladaíña, escrita por Álvaro das Casas, apareceu publicada co número trinta e catro na revista mensual Lar en xuño de 1927.

Esta é a segunda obra de Álvaro das Casas editada na colección logo de publicar en 1926 a peza teatral O xardín do castelo de Vidre (2).

Ladaíña está dedicada polo autor a Florentino López Cuevillas, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo.

A obra narra a estancia do autor no pazo de Santo Albán para escoitar como veciños e criados contan as historias do marqués, membro da caste de fidalgos rurais do século XIX, trebón guerreiro durante a mocidade, recoñecido bebedor de viño e augardente, e home enxeñoso para saír das situacións apuradas.

A novela enxalza a figura dos señores da terra evocados na memoria de quen os coñeceu, símbolo dun tempo pasado e da sociedade rural desaparecida para dar paso aos novos propietarios procedentes da burguesía comercial, substitutos das antigas dinastías rurais.

Sinopse da obra

Aldeia, branca com’unha pomba entr’os liños brilantes, alóngase pol-o val de Roteiro adiante, mesmo á beira do río Sodomil.

A aldea chámase Ludiño e o máis rechamante que hai nela é o pazo de Santo Albán, antes propiedade do marqués e agora do amigo do autor, Xan Belouriño.

Xan Belouriño faloume un día do conto. Díxome que ainda tiña alá algús moves do tempo do marqués, libros, papés antigos, unha boa capela c-o as roupas de damasco, e, sobre todo, unha criada que xa rillaba nos oitenta e sete anos e que sabía mais contos que caben n-un libro.

A criada recorda os acontecementos máis antigos e sabe contalos con graza e detalle, de xeito que o viaxeiro, que non contaba pasar no pazo máis dun día ou dous, instálase durante dezasete para escoitar os ensarillados contos sobre festas, cregos, bandidos, xoldas, lances con espadas, pistolas e as guerras carlistas, que o autor vai anotando no libro.

Conta a criada que o marqués formou parte dunha loxa masónica en Madrid conxurada para acabar con Prim, e temendo verse involucrado no crime decidiu fuxir e refuxiarse no pazo, de onde saíu pouco despois para participar na guerra carlista, tomando partido polo pretendente don Carlos, quen durmiu unha noite na casa.

A noitiña por fin chegou con catro mais: un d’eles alto, de barba branca, mesmamente igual a iste que vostede ve eiquí no retrato. ¡Era o Rei!

A vida do marqués transcorre como a dun personaxe de novela, e o final tamén resulta épico.

-      Com’o Sr. Marqués non houbo houtro.
Xanciño, o pastor d’ollos de lume, espertou e rascando nas pernas dixo:
-      Ben se ve.
I-ollou pr’o retrato grande; un retrato do salón en que o marqués ficou pr’a eternidade coa sua gorra bermella, seu uniforme de galós d’ouro, suas cruces, seu bastón de mando i-us papés na mau.
-      Tal foi a sua morte – añadiu o crego.
E contouse o conto.
Cando o derradeiro marqués sentiuse pra morrer, ergueuse do leito; vestiu a capa branca dos freires de Calatrava, mandou chamar o crego pra que lle trouxeran o Santo Viático, pasou â capela i-alá recibiuno axoenllado c’unha maxestade que a todos feriu. Logo, despois d’estar rezando moito tempo, levantouse, bicou a táboa do altarciño e contra el quedou morto sin decir nin ¡ai!
Catro días estivo sin lle dar terra. E nin fedía, nin se puxo teso, nin tan siquera pechou a boca: parecía dormidiño. E tan branco, tan limpo, tan ben posto, tan arranxadiño... era un santo dos ceus.

(1) Fonte da imaxe de Álvaro das Casas: bvg.udc.es
(2) O xardín do castelo de Vidre. Álvaro María de las Casas. Lar, revista mensual. Nº 28. Nadal de 1926. A Cruña. (Comentado neste mesmo lugar en xaneiro de 2013).
 

martes, 2 de xaneiro de 2018

A COUTADA



A COUTADA / Risco, Vicente
Xunio de 1926
Lar, revista mensual. Ano III; número 22. Editorial Lar. Real, 36 – 1º. A Cruña
26 p ; 16 cm.


A novela curta A Coutada, escrita por Vicente Risco, apareceu publicada co número vinte e dous na revista mensual Lar en xuño de 1926.

Esta é a segunda obra de Vicente Risco editada na colección, logo de publicar en 1925 os contos reunidos baixo o título O lobo da xente (1).

A Coutada é un relato de inspiración filosófica e moralizante, onde Vicente Risco quere presentarse como membro dunha xeración de labregos expatriados e que contra a súa vontade interromperon a cadea da raza afincada na terra.

Foron os pais quen un día deixaron os eidos para trasladarse á cidade á procura dunha vida máis cómoda e agora os fillos padecen o desarraigo de saberse a primeira xeración desconectada de todas as anteriores.

Por este motivo, o texto explora o concepto da culpa colectiva como deixou anotado Risco no libro de viaxes Mitteleuropa (2), expresado tamén con claridade na novela.

-      Semella, Eladio, que queres tomar sobor de Nós e a nosa caste os pecados todos de cantos arrenegaron do traballo e do amor da terra; semella qu’imos ser nós os redentores soilos d’esa culpa...
-      E si o fóramos! Se foramol-a caste escolleita do vieiro novo, outra raza d’Israel!... o Evanxeo da Vida Homilde, moito mais fondo qu’o da vida sinxela, que procraman tantos filósofos ensoberbiados do noso tempo...
-      Ay, Eladio, e non serás ti tamén un filósofo ensoberbiado?
-      E mais si, ainda nos quedarán moitos pecados que purgar.
(A Coutada)

A novela, que formalmente pode considerarse un texto teatral, preséntase como un diálogo entre Minia e Eladio logo de recibir este os eidos da Coutada en herdanza do tío.

Partindo desta situación, Risco pretende falarnos do carácter retroactivo da redención, a cal permite facer conta nova dos erros antigos por medio das decisións tomadas polos sucesores, exaltando a un tempo a vida sinxela dos labregos apegados á terra para propoñer, nun exercicio non exento de inxenuidade, a necesaria volta ás orixes.

Segundo a súa opinión, cando un vive unha vida trabucada e ten os medios para emendala, non facelo sería pecado.

Xa que logo, o retorno á terra non é unicamente unha comenencia senón unha obriga, un deber, e, de acordo coas conviccións relixiosas do autor, o protagonista procura redimirse do pecado a través dos seus actos.

Sinopse da obra

Eladio conversa con Minia logo de visitar a Coutada, aínda conmocionado ao revivir as lembranzas felices da infancia antes do día en que rifaron o pai e máis o tío e non volveu aló.

-      E ti afaríaste a vivir sempre na Coutada?
-      E non viveu meu tío?
-      Teu tío xa nasceu n-aquelo e ti non.
-      Eu son o seu herdeiro, o seu sucesor, o seu continuador.
-      Ti ves tolo da Coutada. A Coutada metéuchese na y-alma xa de primeiras.

Eladio pretende recuperar os anos perdidos. Minia, máis apegada á realidade, procura desenganalo.

-      Matino eu qu’o que che leva à Coutada, mais qu’a cobiza do proveito é o ensoño, é o lirismo..., Quen che non coñecera, meu rei? O qu’enantes dixeches do carro d’herba que t’abalaba leíchelo no Mr. de Phocas: o outro do sabor dos acios da videira, tiráchelo de Collette Willy... Tés os miolos inzados de lembranzas de leuturas, e velehí está. Non che é outra cousa. Eladio, convéncete. Eu ben sei onde che manca. Fuches â Coutada, e fuche ainda a soñar esperto; a tua Coutada, e tamén a Coutada verdadeira, é pra ti ainda a Coutada que levabas dend’os dez anos na y-alma en presencia de saudade.

Non se trata de lirismo. Eladio trabucou o camiño desbaldindo a vida como un señorito pobre, empregado na Deputación a cambio dun soldo miserable. Se quere cambiar o fado e non arrastrar canda el ao fracaso a Minia e os fillos, precisa volver ás orixes.

-      Principia unha vida nova. Ou cecais non; vai principia-la vida antiga, a vida que levamos no sangue está a chamar por nós; a vida pr’a que viñemos fadados por herdamento e que o non seguila, e querérmonos arredar d’ela, do vieiro qu’o sangue nos amostra, é o que nos leva.

A Coutada ten todo canto precisan: unha casa grande para media ducia de familias con corte, galiñeiro, forno, celeiro, tulla e bodega. Horta con dúas fontes, lavadoiro e terras de millo e de pan, nabeiras e cortiñas con patacas, ademais de monte con leña e toxo, xesteiras, soutos, liñares, dúas xugadas de bois, carros, vacas, pitas, gansos...

Na Coutada hai tamén catro criados e a terra prové abondo para vivir. Eladio non comprende por que o pai abandonou o campo para ir á cidade, deixando o certo polo dubidoso.

-      Escoita, Minia: hai eiquí moito mais qu’unha sinxela comenencia d’intereses. Ou non m’entendes, ou me non queres entender. Non é somentes o interés o que me leva â Coutada: é o escarmento, é a consideración nidia do que foi a vida trabucada do meu pai, que por marchar da aldea desfixo o seu haber, e a miña, que rematei de todo co derradeiro. É unha esixencia espirtual, é a fame da y-alma, é a cobiza de reitificación e d’enmenda.

Eladio procura gañar a redención do pecado cometido polos pais transformándose en labrego e ofrecéndolle ese futuro aos fillos, restablecendo a liña histórica marcada polas xeracións anteriores.

Ao cabo, Minia acepta o destino e os dous deciden comezar unha nova vida lonxe da cidade.

-      Iremos â Coutada; seremos labregos e os nosos fillos han ser labregos; pensaremos en cumprir co-a lei de Dios y-en refacel-a nosa casiña; seremos com’irmaus pr’os nosos veciños, mais non seremos soberbios e nonos hemos dar coma salvadores do mundo, com’abridores de vieiros novos.
-      Anqu’en realidá o somos.
-      Anqu’en realidá o somos!
-      O noso mundo é o que cingue o muro da Coutada, com’o mar Océano cingue os continentes. Pra qué ollar mais lonxe, s’aquelo abonda pra nós? Canto traballo, canto suor, canta arela se non ten sementado alí en tantas vidas coma por alí pasaron! Os homes pasan, uns atrás dos outros, e a terra queda... A terra vive sempre.

(1)  Fonte da imaxe de Vicente Risco: bvg.udc.es
(2)  O lobo da xente. Vicente risco. Lar, revista quincenal. Nº 10. 4 de xullo de 1925. A Cruña. (Comentado neste mesmo lugar en setembro de 2012).
(3)  MITTELEUROPA (Impresiós d’unha viaxe). Vicente Risco. Nós. Volume XXXIX. 3 de abril de 1934. Santiago de Compostela. (Comentado neste mesmo lugar en xuño de 2014).